viernes. 23.10.2020 |
El tiempo
viernes. 23.10.2020
El tiempo

Fundación Francisco Franco

Segundo a propia Fundación Francisco Franco, constituída o 8 de outubro de 1976, entre os seus fins estatutarios está o de "difundir e promover o estudo e coñecemento sobre a vida, o pensamento, o legado e a obra de Francisco Franco Bahamonde, na súa dimensión humana, militar e política, así como sobre as realizacións dos anos do seu mandato como Xefe do Estado español, Capitán Xeneral e Xeneralísimo dos Exércitos". E aínda engade esta institución de carácter fascista que contempla "a participación no debate cultural e político da España actual, co obxectivo de pór de manifesto a grandeza da vida e obra de Francisco Franco e da España que creou".

Como xa se dixo tantas veces, ¿imaxinan vostedes unha Fundación Adolf Hitler en Alemaña, unha institución semellante co nome de Mussolini en Italia ou unha corporación análoga en Portugal disposta coa denominación de Oliveira Salazar? En Alemaña, como é ben sabido, está prohibida a manifestación e glorificación do nacionalsocialismo hitleriano, e nin Hitler nin os xerarcas do III Reich teñen tumba ou sepulcro coñecido onde se lles poida rendir calquera caste de homenaxe. É máis, en Alemaña, a esvástica, o saudo hitleriano, o himno do partido nazi e diversos símbolos e cancións de procedencia tamén nazi están prohibidos e son perseguidos pola actual República Federal de Alemaña.

España estivo durante varias décadas, en tempo democrático mesmo, celebrando, directa ou indirectamente —a ollar para outro lado—, o legado do golpista, ditador, corrupto, asasino e saqueador Franco

A España que Antonio Machado definiu como "inferior y que bosteza" ou "inferior que ora y embiste" estivo durante varias décadas, en tempo democrático mesmo, celebrando, directa ou indirectamente —a ollar para outro lado—, o legado do golpista, ditador, corrupto, asasino e saqueador Francisco Franco, como ben demostra a historia real hoxe perfectamente coñecida. E agora, cando o Consello de Ministros aproba unha Lei de Memoria Democrática que prohíbe fundacións ou espazos de exaltación do franquismo, así como sinala retirar medallas aos torturadores fascistas, a Fundación Franco, aínda vixente, declara que, se é preciso, marchará "a un país libre". ¿A un país libre? ¿A Alemaña, Italia, Portugal ou Francia? ¿Ao Brasil do ultradereitista Bolsonaro ou á Hungría do ultraconservador Viktor Orban que pretende rehabilitar a figura de Miklos Horthy, colaborador coa Alemaña nazi e coa Italia fascista?

En Austria, Noruega, Polonia ou Rusia tampouco sería recibida a Fundación Franco. Mais tal vez na cara oculta da Lúa ou en Marte si.

Fundación Francisco Franco
comentarios