Opinión

Incendios

ESTÁ BEN claro que o incendio devastador da Gran Canaria tivo como aliados a falta de limpeza forestal, a nula prevención de incendios e a deficiente, ou inexistente, xestión do espazo rural. Mais a todo o anterior hai que sumar que nas Canarias non existe unha base permanente de hidroavións, e que estes teñen que viaxar dende a Península, sendo no caso que nos ocupa que o primeiro hidroavión do Exército do Ar español tardou case 24 horas en voar dende Torrejón até a base aérea de Gando na Gran Canaria, dado que o aparello en cuestión non posúe autonomía de voo para chegar ás Canarias dun só 'salto'. Xulguen vostedes. O resultado foi máis de 12.000 hectáreas queimadas e máis de 10.000 persoas evacuadas. ¿Que tería acontecido se se tivese actuado sobre o incendio da Gran Canaria dende o primeiro momento e cos medios adecuados e necesarios, hidroavións incluídos?

Eu lembro un artigo xornalístico de Valentín Carrera no que se preguntaba por que non ardían os montes de Suíza e si, en cambio, os de Galiza e O Bierzo. Dicía, por exemplo, o noso xornalista que a biodiversidade dos bosques suízos era máis importante que plantar eucaliptos, abrindo paso así a un "monocultivo incendiario". E en Suíza, engadía Valentín Carrera, existe unha educación cidadá con respecto á riqueza dos bosques, xunto a unha vixilancia permanente e unha prevención exemplar.

¿Que será do noso planeta, sometido xa a un evidente cambio climático, se se perde a Amazonía?

Mais se falamos de incendios temos que falar, a estas alturas, do Brasil. O Goberno ultraconservador ou, mellor dito, neofascista de Jair Bolsonaro eliminou na práctica o que se entende por protección medioambiental. E os incendios aumentaron un 83%, máis de 72.000 rexistrados, dende que Bolsonaro accedeu ao poder e lle abriu as portas aos intereses agroindustriais e mineiros en plena selva amazónica. Só no pasado mes de xuño as áreas de selva destruídas foron un 80% máis que no mesmo mes do 2018 e a deforestación disparouse no pasado mes de xullo un 270% fronte ao mesmo mes do ano anterior. ¿E por que arde a selva tropical do Amazonas, tamén denominada "pulmón do planeta"? ¿Terá que dicir algo ao respecto o presidente e exmilitar Bolsonaro? ¿Vai permitir a sociedade mundial a devastación dun dos ecosistemas fundamentais (5,5 millóns de quilómetros cadrados) para o conxunto do mundo? ¿Que será do noso planeta, sometido xa a un evidente cambio climático, se se perde a Amazonía? Pensemos, pensemos.