Opinión

¿Israel xenocida?

José Saramago non dubidou en denuncia que Palestina era como Auschwitz, porque os palestinos "están vivindo como en campos de concentración"

CANDO ESCRIBO estas liñas xa son máis de 60 os palestinos mortos e máis de 2.700 os feridos, todos eles por fogo do exército israelí, nas protestas na fronteira de Gaza contra o traslado da Embaixada dos EE UU de Tel Aviv a Xerusalén, coincidente coa celebración da Marcha do Retorno, que reclama o dereito dos refuxiados palestinos a voltaren ás súas terras e fogares. E case ao mesmo tempo -estando a aumentar o número de mortos e feridos- tense noticia de que a ONU, a través do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos, denunciou que Israel mata de "xeito indiscriminado" ("mulleres, nenos, reporteiros e persoal de primeiros auxilios", entre as vítimas) e que tal violación dos dereitos humanos debe ser xulgada pola comunidade internacional.

O certo é que o Consello de Seguridade da ONU ten condenado expresamente (máis de 300 resolucións) a ocupación e a violencia israelí sobre Palestina, recoñecendo, dun xeito ou doutro, a existencia dun dominio colonial con ocupación militar que, na opinión de moitos expertos, e atendendo á normativa internacional, cumpre as condicións para ser considerado xenocidio. O autor do concepto, o avogado Raphael Lemkin, definiu o xenocidio como o crime da destrución de grupos nacionais, raciais ou relixiosos. E o historiador israelí Ilan Pappe ten utilizado a expresión "xenocidio incremental" para describir a política seguida polo Estado de Israel en Palestina. Véxase aí o uso da violencia militar contra nenos, mulleres e anciáns; a confiscación de terras, o traslado forzoso de persoas, a destrución de casas e aldeas e os masacres ou matanzas ás que nos ten habituados o exército israelí.

O escritor e premio Nobel portugués José Saramago non dubidou en denunciar, despois de visitar "in situ" o territorio, que Palestina era como Auschwitz, porque os palestinos "están vivindo como en campos de concentración". E as súas palabras levantaron unha gran polémica. Mais un amplo colectivo de xudeus sobreviventes do holocausto nazi -máis de 250- condenaron sen paliativos o "xenocidio" de Israel sobre o pobo palestino, e mostráronse alarmados pola colonización histórica de Palestina e pola deshumanización racista existente por parte de Israel sobre os palestinos. Xa no seu día Albert Einstein (1948) chamou a atención sobre as "organizacións terroristas" (textual) que estaban a abrollar no seo do Estado sionista de Israel. Clarividente.

Comentarios