Opinión

Leamos, leamos

Estando como estamos, confinados e en corentena, unha das mellores prácticas, activas, positivas e de resistencia, ninguén o dubida, é a lectura. E tal experiencia ou hábito debemos trasladarllo, en tal circunstancia, aos nenos, porque é fundamental que tamén se acrecente neles a conectividade das neuronas e que a súa mente se abra á realidade. Rubén Darío referíase aos libros como unha forma de "alimento"; un alimento mental, diríamos, porque, como afirman os neurólogos, a experiencia e a capacidade lectora modifican o cerebro, pois amplíase a intelixencia perceptiva e estimúlase a habilidade para a concentración. 

¿E que podemos ler nós nestes días de desasosego e alarmas que veñen con turbación e certa zozobra? Xosé Manuel Beiras recomendou nas redes sociais a lectura de Ensaio sobre a cegueira de José Saramago, unha novela visionaria, publicada en 1995, na que o Nobel portugués imaxina unha epidemia que se espalla por todo o mundo. Léana, se non a leron xa, e reflexionen sobre o lido, se me permiten tal consello. 

Outra obra literaria a ler ou a reler é, sen dúbida, El amor en los tiempos del cólera, todo un clásico do tamén Nobel Gabriel García Márquez, unha novela que é ao mesmo tempo un tratado sobre o amor e unha reflexión sobre a soidade (illamento reclusivo) nas súas variadas formas. Mais tamén está sempre aí o Dickens de Historia de dúas cidades ou de Oliver Twist. E tantas e tantos autores. Dende Rosalía de Castro a Méndez Ferrín. Dende Baudelaire a Inma López Silva. Todo un mundo de literatura necesaria que debemos e podemos ler agora e sempre. 

Mais este tempo de coroavirus e tribulación —vexamos tamén A peste, de Albert Camus— resulta moi acaído para lermos obras ensaísticas, de pensamento, de filosofía. E podiamos comezar por unha obra da antropóloga francesa Michèle Petit titulada precisamente A arte da lectura en tempos de crise, un ensaio moi lúcido sobre o poder da lectura en contextos arrevesados e confusos. E non esquezamos nunca achegarnos ás obras de María Zambrano, Noam Chomsky, Peter Singer, Alain Badiou ou Nancy Fraser. Entendamos o mundo das ideas e sintamos a emoción do coñecemento. A lectura, sen dúbida, outórganos poder. E nos días apagados que vivimos debemos facer real o pensamento de Montesquieu, porque "amar a lectura é trocar horas de fastío por horas deliciosas". A beleza e a verdade necesarias.

Comentarios