Opinión

Liberdade de expresión

NO ARTIGO 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos dise que todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión, e que este dereito inclúe o de non ser molestado por mor das súas opinións. E na Convención Americana sobre os Dereitos Humanos de 1969 -na miña opinión altamente interesante nos seus contidos- decrétase que toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento e de expresión, xa sexa esta última por escrito ou en forma impresa ou artística, ou por calquera outro procedemento da súa elección. Ou dito doutro xeito: o dereito á liberdade de expresión garante a calquera persoa a posibilidade de se manifestar, e de procurar e de recibir informacións e ideas de todo tipo, independentemente da intervención de terceiras persoas.

Mais se falamos de liberdade de expresión debemos acudir, para obtermos iluminación sobre o tema, a aquel Stuart Mill que defendía que para atinxir o benestar intelectual da humanidade era necesaria a liberdade de expresar toda opinión. E o filósofo inglés ben sabía que o concepto de liberdade de expresión xa fora incorporado á Constitución dos EE UU, cuxa Primeira Emenda xa declaraba que o Congreso non fará lei ningunha pola que se chegue a limitar a liberdade de palabra ou a liberdade de prensa. Exactamente así. Por iso o autor de "Sobre a liberdade" defendía ademais que a especie humana gañaba máis deixando a cada home vivir como el mesmo dispuxese que obrigándoo a vivir como dispuxesen os demais.

O certo é que no Reino de España existe hoxe menos liberdade de expresión que hai unha década, e todo indica que a situación vai a peor. A propia Amnistía Internacional no seu informe anual 2018 sobre a situación dos dereitos humanos no mundo denuncia os graves retrocesos que a liberdade de expresión ten experimentado en España no pasado ano -e no actual continúa tal tendencia- e sinala que este dereito ten sido restrinxido de xeito desproporcionado. A feira de arte Arco prohibe unha obra de Santiago Sierra, unha xuíza ordena o secuestro do libro "Fariña", son perseguidos e condenados -nalgúns casos con penas de cárcere- actores, cantantes, xornalistas e humoristas, e para moitas persoas de ben o ambiente comeza a ser irrespirábel no que a liberdade de expresión se refire. Se Pérez Galdós ou Valle-Inclán vivisen hoxe, seríalles aplicada, sen dúbida, a Lei Mordaza e darían cos seus ilustres ósos na cadea.

Comentarios