Opinión

Memoria da emigración

Na memoria profunda da emigración, tamén da nosa, latexa unha forma de comercio de persoas (a importación de man de obra barata ás colonias)

DECERTO, E con datos obxectivos na man, unha das maiores migracións humanas da historia coñecida tivo lugar entre os anos 1820 e 1930 cando millóns de europeos emigraron a América en procura de traballo e dun futuro mellor. Mais a migración forma parte intrínseca da historia da humanidade, pois ben se sabe que hai máis de 60.000 anos os primeiros migrantes, orixinarios de África, trasladáronse á península arábiga e dende alí espalláronse por todo o mundo, chegando no seu momento ás terras máis frías de Europa e da Asia central.

Tamén é ben sabido que o capitalismo mundial, europeo nas súas orixes, tivo o seu maior ‘sustento’ nos corpos e no suor de arredor de 20 millóns de persoas nativas de África que dende o século XVI e até finais do século XIX foron vítimas dunha ‘migración forzosa’, trasladados como man de obra escrava ás colonias americanas para manter o apetito capitalista (velaí o comercio ultramariño) e permitir acumulacións de riqueza privada na Gran Bretaña, sobre todo, e noutros Estados coloniais europeos, entre eles Francia, España e Italia. En definitiva, as migracións modernas, forzosas ou non, máis próximas á escravitude ou non, foron no seu momento, como afirma a socióloga Sandra Gil Araújo, especialista en políticas migratorias, "produto e motor do sistema capitalista". E non esquezamos que, durante o século XIX e mediados do XX, 3 millóns de españois, que fuxían da miseria e das persecucións políticas (a maioría eran galegos), instaláronse en América Latina.

O certo é que na memoria profunda da emigración, tamén da nosa, latexa unha forma de comercio de persoas (a importación de man de obra barata ás colonias) que, segundo diversos estudos, empregaba métodos distintos á trata de negros mais perseguía en todo momento a mesma fin da ‘trata’. Moito poderíamos saber se houbese máis documentación, por exemplo, sobre o galego e comerciante negreiro Urbano Feijóo Sotomayor, afincado na illa de Cuba. Mais si sabemos, pola profesora Ascensión Cambrón, que o empresario negreiro galego facía propaganda na prensa cubana da ‘mercadoría’ humana galega. Por iso o poeta Curros Enríquez, autor do poema ‘Cantiga’ (1869), máis coñecido como Unha noite na eira do trigo, fixou para sempre estes versos que musicou Chané: "Lonxe dela, de pé sobre a popa/ dun aleve negreiro vapor". Si, o noso emigrante ía camiño de América nun ‘negreiro vapor’. 

Comentarios