Opinión

O sorriso de Jeanine

Observo nunha fotografía o sorriso de Jeanine Áñez no intre mesmo no que un militar de alta graduación, ás ordes de Williams Kaliman, comandante en xefe das Forzas Armadas de Bolivia, lle coloca a Jeanine, con outros militares presentes, a 'banda presidencial' da autoproclamada primeiro presidenta do Senado e logo presidenta de Bolivia. O sorriso de Jeanine, quen loce trazos faciais que denotan vella memoria indíxena no sangue, aparece conxelado entre un ricto de vileza, que alguén verá tamén como perfidia, e unha alegría que eu percibo como mefistofélica ou directamente diabólica. Mais no sorriso de Jeanine, dun querer ser branco cando é calixinoso no seu interior, escintila solapada unha maldade infantil de pillaría e un remate, que ela sente glorioso, de "aquí estou eu que o teño ben gañado".

A nova presidenta golpista de Bolivia, indíxena ela no fondal do seu ser, quere exhibir un sorriso "aristocrático" de locutora televisiva, mais o seu aceno souril fica en contracción de flor escura que non resiste o frío. A nova mandataria boliviana, racista e ultracatólica de Biblia en man, escribía tempo atrás nas redes sociais que soñaba "cunha Bolivia libre de ritos satánicos indíxenas", e dicíalles a estes que a cidade non era para eles, "que se vayan al altiplano o al Chaco". E a tan cristiá señora, referíndose ao presidente lexítimo de Bolivia, Evo Morales, despáchao alegremente cun "aferrado al poder el pobre indio".

Non está de máis saber que segundo World Statesmen, unha enciclopedia mundial orientada á historia e á política global, o 62% dos bolivianos son indíxenas, cun 31% de aimaras, un 25% de quechuas, un 28% de mestizos e un 10% brancos. Esa é a realidade. Mais Jeanine Áñez e o seu sorriso, cunha lene marca indíxena no tempo profundo que ela odia en si mesma, pertencen, ou queren pertencer, ao territorio oriental boliviano, branco e rico, racista no fondo e na forma, pois a Bolivia de pel branca, minoritaria, refírese aos bolivianos maioritarios como "gente pobre y gente baja y gente india, cuando nosotros somos altos y sabemos inglés".

Jeanine Áñez, a presidenta que chegou ao poder a través dun golpe de Estado e que sorrí coa Biblia entre os seus brazos, sabe moi ben que Bolivia ten as maiores reservas de litio do mundo, entre outras riquezas, e que a inmensa poboación indíxena non debe ter dereito a nada. Como sempre foi.

Comentarios