miércoles. 23.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 23.10.2019
El tiempo

Patrimonio arquitectónico

O PATRIMONIO arquitectónico, monumentos e edificios de relevancia, é consubstancial ás cidades, forma parte intrínseca, e estética, dos núcleos urbanos, e xa a Lei de Patrimonio Histórico Artístico español do ano 1933 contemplaba medidas destinadas a conservar e consolidar este patrimonio. Sobre o mesmo, como é lóxico, aplicaríanse determinadas políticas de intervención coa fin de que se manteña en bo estado e poida seguir cumprindo as funcións que lle foren encomendadas. Talmente.

Na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia (2016) dise ben ás claras, no Capítulo dedicado aos bens que integran o patrimonio arquitectónico, que este contempla os inmóbeis e os conxuntos dos mesmos, ademais das obras de arquitectura ás que se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural. E engade o noso texto legal que o patrimonio arquitectónico caracterízase polas técnicas construtivas, os volumes, os espazos e os usos, as linguaxes formais e a expresividade das estruturas e as cores xunto coas texturas dos materiais. Todo perfecto. Porque aínda recoñece a nosa Lei do Patrimonio, no apartado destinado aos contidos do patrimonio arquitectónico, os edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas en arquitectura.

E isto último vén a conto para nos referir a un edificio relevante, moderno, vangardista, situado na cidade da Coruña: a Fundación Luís Seoane. O edificio, un impoñente hórreo de granito e vidro creado polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, comeza, mesmo na súa fachada principal, a amosar claros sinais de abandono. E isto resulta xa preocupante. ¿Non habería que velar polo bo estado externo da fermosa obra arquitectónica, emblemática na Coruña e mesmo no plano internacional, que conserva o legado e leva o nome dun dos máis grandes artistas galegos contemporáneos? Todo o patrimonio arquitectónico debería ser obxecto de obras de intervención que permitisen manter o patrimonio en perfecto estado. E estas obras, como ben establecen os especialistas, poden e deben ser obras de limpeza, mantemento e conservación. Se isto non se leva a cabo, o patrimonio degrádase. Sexan que foren os responsábeis, deben actuar xa. Mañá mesmo.

Patrimonio arquitectónico