Opinión

Pobreza infantil

SE XA a pobreza dos seres humanos adultos é unha lacra social de primeira magnitude, a pobreza infantil é a gran mácula das sociedades democráticas contemporáneas. Que a situación de pobreza na que viven nenos e nenas, en moitos casos extrema, pase a formar parte da paisaxe normalizada da vida cotiá fala ben ás claras das políticas públicas que se levan a cabo para loitar contra esta forma de barbarie permitida. ¿Canto destinan as administracións nos seus orzamentos para erradicar o grave problema da pobreza en xeral e da pobreza infantil en particular? No que atinxe á pobreza infantil en España, os Orzamentos do Estado (PP e Ciudadanos, 2018) comprometían, nun primeiro acordo, 1.560 millóns de euros, mais a realidade foi a execución dunha rebaixa de máis de 1.200 millóns, ficando só finalmente un investimento fixado de 346 millóns para loitar contra a pobreza infantil. ¿Que fará o actual Goberno? O Presidente xa falou da creación dun Alto Comisionado para facerlle fronte á pobreza dos nenos. Verémolo na práctica.

Na actulidade morren 8.500 nenos de fame no mundo cada día. ¿Que tipo de humanidade estamos construíndo?

O certo é que o Reino de España é o terceiro Estado europeo en pobreza infantil, só por detrás de Rusia e Grecia, contabilizándose, segundo datos do INE, un total de 2,2 millóns de menores de 16 anos nesta dramática situación. E se falamos de "pobreza severa" o número de nenos situados nesta forma de miseria non baixa de 1.400.000, pois é ben sabido que os sistemas de protección social á familia e á infancia viñan sendo febles e raquíticos, por non dicir vergoñentos.

Se nos referimos aos datos vixentes en 2017, o orzamento estatal para a pobreza infantil en España era de 100 millóns de euros, mentres a cifra que se barallaba para a fichaxe dun futbolista apelidado Neymar por parte do Paris Saint Germain superaba ben os 220 millóns. Xulguen vostedes esta infamia. Eu leo a Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola ONU en 1989, e alí fálase de que é obrigado por parte dos Estados combater a malnutrición infantil, porque os nenos son titulares de dereitos e non simples "obxectos de protección". Na actualidade morren 8.500 nenos de fame no mundo cada día. ¿Que tipo de humanidade estamos construíndo? Como di o filósofo Gunther Aleksander, e eu con el, na actualidade estamos a ver como o sistema económico imperante e a maioría dos gobernos do mundo condenan a unha parte moi importante dos nenos á pobreza. A barbarie continúa.

Comentarios