Opinión

Reflexións sobre a morte

Eu, que xa pasei polo duro transo da morte do pai e da nai de grandes amigos e amigas, procuro seguir as leccións de Spinoza contidas na súa Ética

TIVO LUGAR o pasamento hai uns días do sociólogo e activista político e social Ramón Muñíz de las Cuevas, e nos últimos tempos foron varios os amigos e amigas que nos deixaron, estando aínda moi recente o caso de Gustavo Pernas, gran actor e dramaturgo, persoa moi querida. Michael de Montaigne, autor de cabeceira, di que debemos acostumarnos á morte, mais esta segue a ser a gran pregunta, o gran medo e o gran dilema: perder o corpo, chegar á desaparición. O historiador británico Arnold Toynbee, pensando na morte das persoas próximas, consólase sinalando que dende o instante do nacemento existe a constante posibilidade de que un ser humano poida morrer en calquera momento, tendo en conta ademais que, inevitabelmente, dita posibilidade acabará por se converter, máis cedo ou máis tarde, nun feito consumado.

Podería interpretarse que Baudelaire, o poeta francés por excelencia, quixo ver a morte como un "oasis de horror", algo que admitiría equipararse en certa maneira á visión dun Aristóteles, o filósofo grego por antonomasia, que contempla a morte como a máis terríbel de todas as cousas terríbeis.

Entre todas as mortes dos 'outros', no plano da experiencia vital e radical da persoa que as sofre, as dos familiares máis queridos (o pai e a nai como figuras máximas) e as dos amigos (outra forma de amor) son as que marcan un antes e un despois na propia vida. Séneca, nas súas Cartas morais a Lucilio, aconsella, para superarmos a dor pola morte das persoas próximas, procurar que a lembranza dos seres perdidos nos sexa en todo momento agradábel, mais o pensador cordobés chega a describir con excelente profundidade poética o que un pode chegar a sentir, mesmo pasado o tempo, diante da morte dos amigos, dos compañeiros ou dos camaradas verdadeiros: "A memoria dos nosos amigos defuntos é como algunhas mazás que teñen unha suave aspereza, como o viño moi vello no cal atopamos un amargor deleitoso".

Eu, que xa pasei polo duro transo da morte do pai e da nai e de grandes amigos e amigas, procuro seguir as leccións de Spinoza contidas na súa Ética, outro libro de cabeceira, cando afirma que un home libre, aquel que vive segundo o ditame da razón, non se deixa levar polo medo á morte, pois debe perseguir unha sabedoría entendida como unha meditación da vida. En todo caso, como escribiu Emily Dickinson, morrer é unha noite salvaxe e un novo camiño.

Comentarios