Opinión

Sobre educación

O modelo neoliberal ve na educación unha fonte de lucro privado no que pesa o elemento tecnocrático en detrimento do humanístico e do ético

A ORGANIZACIÓN DAS Nacións Unidas, a través da Unesco, organismo para a Educación, a Ciencia e a Cultura, puxo en marcha a Axenda Mundial 2030 no marco dun denominado Obxectivo de Desenvolvemento Sostíbel que ten "7 metas de resultados" en materia educativa: educación primaria e secundaria universal, desenvolvemento na primeira infancia dunha educación preescolar universal, acceso igualitario á educación técnica/profesional e superior, habilidades adecuadas para a obtención dun traballo digno, igualdade entre os sexos e inclusión, alfabetización universal da mocidade e educación da cidadanía para un desenvolvemento sostíbel. ¿Metas para o 2030? ¿É isto posíbel no mundo actual? ¿Vai permitir o neoliberalismo realmente existente que se cumpran os plans proclamados pola Unesco?

Ben sabido é que o modelo neoliberal non contempla a educación como un 'dereito', pois ve nela unha fonte de lucro privado no que pesa o elemento tecnocrático en detrimento do humanístico e do ético, convertendo así a educación nun xeito de "mercadoría" e non en semente e en vía de coñecemento para crear individuos creativos e críticos. E, por outra banda, o neoliberalismo entende a educación como un investimento que debe xerar uns determinados resultados económicos, considerando ademais o suxeito humano a educar como un 'medio' dirixido á obtención de resultados mercantís.

O catedrático lugués Jurjo Torres Santomé, recoñecido internacionalmente polos seus traballos de investigación sobre políticas educativas, non dubida en afirmar que o neoliberalismo na educación produce personalidades autoritarias, carentes de contidos, procedementos e valores sociais que contemplen e recoñezan o ben común e a xustiza social. ¿Que tipo de homes e mulleres produce este sistema educativo? Teno moi claro Torres Santomé: seres economicistas, consumistas, endebedados e numéricos.

Un modelo educativo concentrado en producir 'capital humano' destinado só a ser rendíbel en termos económicos será sempre refractario ao coñecemento, á cultura e á creación de personalidades libres, críticas e creativas. ¿Será quen este modelo educativo de eliminar, por exemplo, a violencia machista e outras formas de violencia social? Todo depende da educación e da cultura. E, como di o psicanalista belga Paul Verhaeghe, de seguirmos así camiñamos cara a un mundo de depresión, incomunicación e fobia social.

Comentarios