Opinión

Bieito e a cabaza

Unha cabaza, un home e unha cabaza, pensando, pensando
Cabaza. ALBA REY CENTENO
photo_camera Cabaza. ALBA REY CENTENO

BIEITO ASEGURA que non quere ser famoso, pero semella que a cabaza da súa horta si. Ela crecía e crecía. Quen pode ver medrar algo tanto e permanecer calado? Coma se bebese a apócema de Alicia, pensou, pero non, a choiva non tivo capricho ningún nin nada extraño detectou no ambiente alén dese pequeno froito cada vez máis hinchado.

"Bueno, pequeno pequeno xa non é", declarou. O froito laranxa de orixe asiática xa é grande de por si, pero hai unha medida non escrita na que reborda o seu tamaño. Bieito, como bo escultor, preguntouse cal sería ese límite que fai que os froitos sexan moi grandes ou esoutro que os fai saír no periódico. Se alguén chama, porque el en principio non tiña gana de facelo. Só tiña ganas de pensar, porque as cousas que un home pensa vendo crecer cousas, con esa calma, son até fermosas.

Por exemplo: "Por que esta cabaza querería mostrárseme así?", preguntábase. Pero logo caía na conta de que non, de que non había nada máis que a cabaza quixese mostrar alén do seu propio tamaño. "Unha cousa un tanto obscena", considerou, "pero verdadeiramente eficaz", matizou, pois era obvio que non ía esquecer esa cabaza, que aquilo tiña alcance ontolóxico. Unha cabaza, un home e unha cabaza, pensando, pensando.

"Comereina ou non a comerei?", "será puré ou será guiso?", cavilaba o noso Hamlet, abeirado ante esa vontade afirmativa de existencia vinda do chan, laranxa e allea, de corteza dura e indiferente. E, sobre todo, "seguirá crecendo?" ou "ata onde?". Por iso, un día pensou que tería que compartir cos outros o seu achado. De súpeto entendeu que era importante, que todas aquelas novas de cabaciños, berzas e coles desmadradas tiñan o seu sentido. "Non vaia ser que sexa eu o comido", non vaia ser.

Comentarios