lunes. 18.10.2021 |
El tiempo
lunes. 18.10.2021
El tiempo

A luz das palabras

Antonio García Teijeiro esculca na propia confección da poesía, nesa procura da palabra axeitada para construír unha nova realidade, a que xorde desa catarse de sentimentos e memoria coa que adoita agasallarnos todo poeta.

AS PALABRAS están a mirarse arredor da mesa’ é o novo título de Antonio García Teijeiro. Palabras que levedan coas ilustracións de Lidia Cao para xerar un libro fermoso co que o lector sente o acubillo da cultura como un berce no que sentirse ben. O certo é que os libros que saen do prelo da editora Cuarto de Inverno amosan un respecto pola edición que se transmite a quen colle un dos seus textos das súas coleccións entre as mans. Agora é a quenda da poesía, unha poesía dirixida especialmente ao público xuvenil, pero que se espalla por outras idades e sensibilidades para, dende un poema de Gioconda Belli xerar un espazo de reflexión arredor do que supón facer un poema.

Un proceso reflexivo que Antonio García Teijeiro comparte con todos nós para sentarnos á mesma mesa que esas palabras que precisa todo poeta. "No quiero colocarlas mal./ Ponerlas de cualquier modo en una frase mal construida./ Me importan sus condiciones de vida./ Silencio./ Las palabras se miran alrededor de la mesa...", escribe Gioconda Belli. A partir dese fío, o autor de Poemar o mar, propón un percorrido por ese proceso interior do poeta pola intensidade da vida, pola dor da fuxida, polo esvarar das palabras ata caer na folla en blanco como tradutora do arreguizo do poeta ante a realidade.

Non fai só este camiño o noso protagonista atopándose nesta proposta outros nomes que van dende Pedro Salinas ata Carlos Edmundo de Ory pasando por Leonard Cohen, Luz Pozo ou Ramón Cabanillas, entre outros, que achegan frases, anacos de poemas, en definitiva, palabras que xuntar arredor dunha mesa de complicidades e afectos que artellar un monllo de poemas dunha aparente sinxeleza. A pouco que nos deteñamos, entendemos que non é así xa que Antonio García Teijeiro, ao modo do seu admirado Rafael Alberti, fai de cada palabra un territorio, a posibilidade de xerar dende o poema unha tatuaxe da realidade, porque dese xeito traballa o poeta, ollando a través das ventás para inscribir na nosa pel todo aquilo que entendemos como real e que o poeta é quen de encher de silencios, de pausas, amosando todo aquilo que envolve esa rotundidade que ao final non é tal e que a palabra se encarga de desvelar.

Antonio García Teijeiro constrúe este poemario na procura das respostas necesarias ante as dúbidas do creador á procura sempre dunha luz que ilumine

"¡Qué alegría, vivir/ sintiéndose vivido!", escribiu Pedro Salinas. E así é como o poeta se compromete coa realidade, co seu elo coa vida, aquilo que o nutre. Antonio García Teijeiro constrúe este poemario na procura das respostas necesarias ante as dúbidas do creador á procura sempre dunha luz que ilumine e que protagoniza a parte final deste libro de poemas como unha especie de epifanía. Unha intensidade que permitirá novos gromos, novas sensacións que nos interpretan sempre coa palabra como elemento firme ao que suxeitarnos.

A carón destas palabras a proposta deste libro complétase coas ilustracións de Lidia Cao, imaxes engaiolantes que dialogan cos versos de Antonio García Teijeiro, amosándose cheas de suxestións, metáforas visuais que van máis alá do evidente e que como os poemas, constrúen un ámbito propio que incide tamén nesa lixeireza coa que se pretende achegar este libro aos máis novos. Todo un acerto, xa que ‘As palabras están a mirarse arredor da mesa’ convidan non só a ese lector xuvenil, senón que todos somos convidados a este delicioso petisco poético. "Camiños agochados/ na penumbra/ das palabras/ esquecidas./ Longos traxectos/ percorridos/ polos pasos/ torpes/ dos abrazos non nacidos". Este poema apunta moito do que afirma o conxunto do libro, o de atopar luz nese camiño escuro, para facer da palabra a conexión entre esas dúas dimensións, a do que que se quere reflectir da nosa contorna e o que se escribe, o que chega a nós. Unha luz que é quen de facer da beleza, o amor ou a memoria moito más que uns ingredientes para darlle pulo á poesía, senón que é o xeito de alumear este convite ao que nos animan Antonio García Teijeiro e Lidia Cao.

A luz das palabras
comentarios