martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A modernidade. O reto de Pardo Bazán

A Biblioteca Nacional acolle unha exposición que amosa a poliédrica personalidade de Emilia Pardo Bazán no centenario do seu pasamento. Unha mostra que reflicte a unha autora con arelas de modernidade e dun novo tempo para a muller.
Pardo Bazán

A ESTAS alturas do ano non cabe dúbida que a mirada que se propuxo dende diferentes entidades, investigadores, críticos ou editoriais arredor de Emilia Pardo Bazán co gallo do centenario do seu pasamento deulle o empurrón definitivo a unha autora que permanecía bastante illada do recoñecemento público pese as súas bondades literarias e mesmo de conquista de ámbitos nos que a muller a finais do século XIX e comezos do XX se atopaba a moita distancia do protagonismo masculino.

A proposta da Biblioteca Nacional de España, na súa sede madrileña, e que no último trimestre do ano se achegará a Galicia para amosarse no Kiosko Alfonso da Coruña, incide en ordear ese crebacabezas dende o que pode entenderse unha figura singular das nosas letras con numerosas arestas e que dende unha indómita personalidade volteou o mundo literario daquel tempo no que ela como autora, e sobre todo como muller, quixo mover os marcos dun ámbito sumamente masculinizado e que en non poucos casos fixo da coruñesa o albo no que cravar os dardos da intolerancia e o temor a que ese papel, plantexado por unha muller con gañas de mudar as cousas, afectase a esa secular posición do home na sociedade.

Ese rol de enfrontarse ao universo masculino é un dos máis sobranceiros na xenerosa en documentación e materiais mostra que a Biblioteca Nacional, como adoita facer, baixo unha espectacular e coidada montaxe, e que leva a comisaria da mostra, a biógrafa e profunda coñecedora da vida e obra e Emilia Pardo Bazán, Isabel Burdiel, a amosar o seu feminismo pioneiro naquela España que se abría a un tempo novo; un feminismo que incidía nesa modernidade que tamén amosou no seu facer literario e que debemos entender sempre en relación ao seu tempo, e non cos ollos e percepcións do feminismo de hoxe e que xa deu bastante do que falar nos últimos meses dun xeito bastante desaxustado á realidade e ás posibles conquistas que pretendeu a nosa protagonista na procura da consideración de igualdade fronte ao home; tamén fronte aos seus colegas escritores, personaxes da talla de Benito Pérez Galdós ou Leopoldo Alas Clarín; tamén na chegada a institucións como o Ateneo de Madrid ou a Real Academia -na que nunca chegou a ser aceptada-; ou en cuestións tan vencelladas ás liberdades invidividuais como as relacións afectivas -reflectidas de xeito destacado na súa marabillosa correspondencia con Galdós- ou a posibilidade da muller para viaxar en soidade por unha Europa á que sempre estivo moi ligada a creadora de La madre naturaleza baixo unha pátina intelectual e internacional moito máis avanzada c dos seus colegas.

Diferentes selos editoriais enchen as nosas librarías coas súas obras e que, como adoita acontecer neste tipo de celebracións, será a súa lectura o mellor xeito de homenaxear e coñecer a súa realidade.

Enfrontarse aos materiais desta mostra, moitos deles aportados pola Academia Galega, colaboradora da mostra xunto ao Concello da Coruña e a Xunta, é percorrer o feito por toda unha personalidade do seu tempo, indomábel no seu carácter e que como escritora dende diferentes xéneros como a novela, o teatro, o conto, o xornalismo ou a investigación tivo un papel decisivo na chegada de correntes literarias do momento como o Naturalismo de Zola, a obra de autores rusos como Dostoievski, Turguèniev ou Tolstoi ou os debates dos autores británicos e franceses sobre o feminismo, a través de Stuart Mill e August Bebel, e que podemos rastrexar no ronsel de novas edicións das súas obras que dende diferentes selos editoriais enchen as nosas librarías coas súas obras e que, como adoita acontecer neste tipo de celebracións, será a súa lectura o mellor xeito de homenaxear e coñecer a súa realidade.

Naquela España da Restauración a figura de Emilia Pardo Bazán, con Galicia sempre ao fondo, como un lugar ao que volver unha e outra vez, dende a súa residencia madrileña, e que desembocou nesas Torres de Meirás como unha obra máis do seu proxecto vital e literario, debémola entender como un fito aínda por descubrir en toda a súa estensión, afastada dos menosprezos do seu tempo, moitos dos cales se prolongaron ao longo dos anos ata hoxe, no que mostras como esta amosan todo o seu potencial poñendo ante nós o seu tempo, dende o seu ámbito familiar, á súa relación cos diferentes autores do momento, e a diversidade de acción dunha muller en permanente conquista dun reto, o da modernidade.

A modernidade. O reto de Pardo Bazán
comentarios