Opinión

Os desexos de Yolanda Dorda

A pintura de Yolanda Dorda enche por completo o Quiosco Alfonso da Coruña cunha mostra que non deixa indiferente. A pintura xorde como berro coa visualización do universo feminino dende a perda da inocencia ata o descubrimento adulto dunha chea de sensacións.
Yolanda Dorda
photo_camera Yolanda Dorda

AMOSA sempre a pintura de Yolanda Dorda unha contundencia tanto no formal coma no conceptual que a converte nunha constante chamada de atención sobre o seu universo, xa que nel se contén toda unha serie de circunstancias arredor do feminino, trasladándose ao espectador dende esa interacción da imaxinación, os soños e a memoria.
As pinturas que, escenográficamente, grazas a unha montaxe tan ben pensada como resolta, nos rodean cando percorremos a súa mostra Desexos no coruñés Quiosco Alfonso, serven para xerar unha atmosfera que nos permite enfrontarnos á vulnerabilidade da muller e como ese tránsito co abandono da inocencia da infancia muda co paso dos anos cara unha chea de camiños que converterán á muller nunha persoa moi diferente a aquelas nenas do comezo. Esa perda do universo infantil, a ausencia da mirada da inocencia, o desterro dos xogos, vai a dar paso a outro tipo de miradas nas que se pode adiviñar ese novo itinerario que, ao longo da exposición, se formula dun xeito evidente pola disposición das pezas e por como se ten que realizar a visita á mostra.

Partimos, polo tanto, do mundo da infancia, de espidos que forman parte da complicidade, da ausencia de provocacións, de afectos que teñen que ver co proceso de crecemento, da amizade e da familia. Pero co tempo eses afectos derivarán noutras situacións, nas posibilidades do desexo, máis tamén dunha chea de perversións nas que a nosa sociedade ten moito que ver en canto á chegada a elas. Unha sociedade da frivolidade que proxecta na muller toda unha serie de estereotipos que a converten case que nun obxecto, en ocasións nunha mercaduría coa que satisfacer as miserias humanas. Pero entón é cando xorde a muller que dende o seu corpo se impón a esa sociedade, convertendo as súas arelas no único compás co que actuar fronte ao colectivo.

Unha pintura que non deixa unha pegada de xentileza, senón que se converte nunha fera representación da realidade

Nesta exposición chea de miradas que os cadros proxectan sobre nós a pel é outro dos territorios que emerxen con forza en boa parte das obras. A pel do corpo, a epiderme como punto de contacto co exterior e onde se materializa o arreguizo, tamén a paixón ou a tenrura. A pel como itinerario vital que dende o espazo máis íntimo se abre cara o exterior para que nel se depositen as miradas dos demais. Unha pel que se formula como unha paisaxe e así é como se proxecta dende esa pincelada, por chamala dalgunha maneira, tan singular de Yolanda Dorda. Unha pintura que non deixa unha pegada de xentileza, senón que se converte nunha fera representación da realidade. Dende ela é dende a que os seus cadros acadan esa sensación de desacougo, unha perturbación dos nosos sentidos que se axitan fronte a unha pintura que procura precisamente iso, converternos en receptores dunha inquedanza para que nós mesmos formemos parte desa posibilidade da pintura para xerar o debate e provocar que emerxa a nosa opinión tantas veces condicionada polos escuros silencios da nosa nosa sociedade.

Baixo esas capas de pinturas asoma unha violencia soterrada, unha permanente tensión que se centra na figura humana, sen apenas obxectos que a compañen, sen referencias espaciais. A nosa mirada e a pintura son os únicos elementos que forman parte dun traballo que aquí se amosa con obras dende 2007 ata este mesmo ano. Pezas de diferentes formatos, óleos sobre papel e lenzo, pero tamén unha obra dixital que amosa unhas enormes posibilidades dentro do relato que aquí se formula. E se falamos de relatos atopamos na mostra un conxunto de obras ben interesantes que poñen imaxes aos textos que a escritora Carmen Buttjer propón na edición alemaña da revista Vogue. Pinturas que falan do erotismo, da relación de homes e mulleres, deses desexos que dunha ou doutra manera forman parte de todos nós e que na pintura de Yolanda Dorda son moito máis cunha pulsión senón unha diagnose de nós mesmos.

Comentarios