El tiempo
miércoles. 07.12.2022
El tiempo

'La guerra' dos irmáns Machado

Unha nova colección facsimilar a cargo da editorial Visor pon nas nosas mans, nun entrañable formato orixinal, obras de Antonio Machado ou León Felipe que nos enfrontan, non só a súa respectiva obra literaria, senón a todo un tempo e como eles o sentiron.
 

SEMPRE achega algo especial coller nas mans un libro que arremeda o formato dun libro antigo. Dun libro dun tempo pasado que na súa faciana exterior e composición semella funcionar como un pasaporte cara o tempo dos seus protagonistas. A editorial Visor, toda unha referencia na publicación de poesía en España, non deixa pasar dende a súa sensibilidade polo verso a oportunidade de facer certas edicións especiais, coidando o deseño dun xeito especial ou, como neste caso, recuperando o seu formato original. Deste xeito é como podemos atopar dende hai pouco tres libros que pertencen a ese ideario casi máxico do seu editor. Dous deles recuperan a obra do poeta zamorano León Felipe a través dos seus dous primeiros libros: Versos y oraciones del caminante I (1920) e Versos y oraciones del caminante II (1929), sendo o terceiro, La Guerra, de Antonio Machado, con ilustracións do seu irmán José Machado.

La Guerra foi o último libro publicado en vida do poeta sevillano, según nos apunta Jaume Pont nun dos dous anexos que completan o volume, referíndose a el como un libro esquecido, afastado das edicións que reúnen a obra do autor de Soledades, mentres que o outro anexo, correpóndese coas palabras que María Zambrano publicou arredor del en Hora de España, en 1937, ao que o propio Antonio Machado responde nunha carta, tras agradecer as gabanzas recibidas, referíndose a el como "unos cuantos artículos de combate, sinceros y bien intencionados". E precisamente iso é o que nos atopamos, un conxunto de textos que se refiren a diferentes elementos que conformaron a resposta á sublevación militar de 1936 e os meses seguintes de loita e resistencia. E así nos atopamos textos como Los milicianos de 1936, El crimen fué en Granada, unha serie de Apuntes y meditaciones, Carta a David Vigodsky, Al escultor Emiliano Barral e Discurso a las Juventudes Socialistas Unificadas, temos, polo tanto, diferentes perspectivas de feitos e situacións que tiveron lugar neses días tráxicos da nosa historia e que foron mesmo que cercando ao propio autor ata a súa saída de España e posterior pasamento en Colliure.

Nos textos atopamos esa permanente atención ao ser humano que emerxe tamén na súa poesía, a loanza á capacidade do pobo para empuñar unha arma e defenderse ante o inimigo. Nese primeiro relato, Los milicianos de 1936, amósase o escenario de Madrid, a fisonomía dunha cidade de resistencia e cómo desapareceron os señoritos desa paisaxe urbana. No relacionado co asasinato de García Lorca tres poemas, fermosísimos, recuperan aqueles feitos que marcaron a todo o ámbito literario do momento, e cuxa sombra asolagou a toda unha xeración. Ese humanismo, sempre parte da súa mirada, é o que toma o protagonismo nos seus Apuntes, nos que recupera a Juan de Mairena para observar ao pobo, para pensar que "un pueblo es siempre una empresa futura, un arco tendido hacia el mañana", procurando sempre ese sentido de esperanza e de sorpresa ante a incerteza.

O seguinte relato é a contestación á carta recibida de David Vigodsky dende Leningrado na que fai unha radiografía dos acontecementos, da "resistencia heroica y abnegada del pueblo de Madrid que ha asombrado al mundo, a mí me conmueve, pero no me sorprende", da corrente de simpatía hacia Rusia, da cultura rusa como a lectura de Dostoievski e de Cervantes e Unamuno, e de Lorca e Alberti. Un poema adicado ao asasinado escultor Emiliano Barral deixa paso ao texto final de La Guerra, dirixido ás Juventudes Socialistas nas que glorifica á xuventude, el que xa se ve viejo y enfermo e onde a esperanza e o futuro deben ser o seu alento na conquista da paz e da mellora da condición humana.

Todos estes textos teñen un marabilloso apoio visual nos debuxos de José Machado, pintor e debuxante, e que acompañou a Antonio Machado nas súas horas finais, tempo do que foi unha especie de cronista. Aquí os seus debuxos sobre rostros de milicianos, Lorca ou Emiliano Barral, ou os escenarios da contenda danlle un pulo de vigorosidade aos textos de Antonio Machado e converten esta femosa edición en moito máis que un libro, converténdose nunha ollada enfite a un tempo tan complexo da nosa historia.

'La guerra' dos irmáns Machado
comentarios