jueves. 16.09.2021 |
El tiempo
jueves. 16.09.2021
El tiempo

Laxeiro, unha tripla revisión

A Academia Galega das Artes decidiu adicar o ano 2022 a homenaxear e profundizar no coñecemento do pintor Laxeiro. Ao tempo, o Museo Reina Sofía decidiu incorporar á súa colección permanente o seu cadro Trasmundo, e todo iso cando se cumpren 25 anos do seu pasamento.
táboa 4

HAI CREADORES que nos diferentes sistemas culturais están sempre presentes de xeito máis ou menos visible, aínda que o tempo plantexe o seu inevitable esquecemento, o feito ao longo da súa vida é de tal magnitude que cada certos anos semella que eses autores toman corpo e se erguen ante nós para que non nos afastemos do seu traballo. É o caso de Laxeiro, o pintor nado en Donramiro, Lalín, en 1908, e que faleceu fai case vintecinco anos, en 1996, na cidade de Vigo onde se constituiu en 1999 a Fundación que fai alumear o seu legado e a mantenza do seu recordo nunha terra que tanto quixo e que tan presente está no seu traballo.

Dentro desa recuperación que se plantexa cada certo tempo dos nosos creadores desta vez foi a Academia Galega de Belas Artes a que decidiu adicar o vindeiro ano á exaltación da súa figura e obra, e en especial ese 1 de abril de 2022 no que cada ano unha serie de actos lembran a persoeiros das nosas artes, como xa se fixo anteriormente con Maruja Mallo, Luis Seoane ou, como aconteceu este ano, co arquitecto Domingo de Andrade.

O outro pulo ao pintor lalinense vén tamén doutra institución de referencia, como é o Museo Reina Sofía que, na súa reintepretación da súa colección, cunha nova disposición de pezas que fan unha nova lectura da arte española do século XX, acode á obra de Laxeiro para, na sala 245 do edificio Sabatini, xerar un espazo de reflexión sobre a identidade galega que se completa coas obras do escultor ourensán Arturo Baltar, un audiovisual de José Val del Omar e dúas fotografías, unha de Enrique Reza e outra de Anric Massó.

 No seu interior agocha moitas das súas inspiracións creativas, eses modelos que nos Laxeiro dende ben mozo se foi fixando e sumando ao seu imaxinario fabulador


A obra que se levou a Madrid, cedida pola propia Fundación Laxeiro, é o mítico Trasmundo que Laxeiro pintou en 1946 é que define moito do que foi a súa pintura xa que esta porta é tamén un símbolo perssoal, xa que sinala un momento de cambio na súa obra no que esa etapa granítica, de figuras ben definidas, casi esculpidas dende o óleo ía dar paso a unha época na que se traballa máis dende a disolución das formas, de liñas que difuminan os perfís. ao tempo que nos falan da aproximación ao terreo da abstración. 

No seu interior agocha moitas das súas inspiracións creativas, eses modelos que nos Laxeiro dende ben mozo se foi fixando e sumando ao seu imaxinario fabulador e que van dende a arte románica dos tímpanos das nosas igrexas ata o esperpento valleinclanesco, pasando polos grandes mestres da pintura que o deslumbraron nas súas visitas ao Museo do Prado como O Bosco, Velázquez ou Goya, todo iso para xerar esta obra monumental na que ese tránsito dun mundo a outro artella un espazo máxico dun fondo lirismo medieval. Escribía o poeta José Hierro que as criaturas dos cadros de Laxeiro nacían con vocación de gárgola, e o certo é que esta danza colectiva que aquí se mostra é tamén un miradoiro de facianas que ollan cara a nós nesa fabulación colectiva da que o artista nos converte en cómplices. 

O 21 de xullo de 1996 José Otero Abeledo, Laxeiro, falecía en Vigo aos 88 anos, deixando tras el unha das obras máis completas da nosa plástica. Xunto aos seus compañeiros de xeración, os Maside, Souto, Colmeiro e Torres, os chamados Renovadores da arte galega, soubo integrar os discursos das vangardas dos anos vinte e trinta nun discurso identitario galego que agromou nunha serie de pezas que definen como poucas os nosos camiños históricos, artísticos e mesmo vitais. 

Nos anos corenta Laxeiro instálase en Vigo onde a súa capacidade para o retrato sérvelle para afastar a fame grazas aos retratos dos fillos da burguesía, como ben lembra un dos seus máximos coñecedores, o crítico Xosé Antón Castro. Dende alí marchará a Arxentina e quizáis unha das súas últimas obras antes da emigración sexa este ‘Trasmundo’, unha mirada barroca dende a acumulación de figuras na que a humanidade reflíctese escura, chea de sombras, como aquelas pinturas negras do Goya, como a España que Gutiérrez Solana caracterizara no seu lúcido La España negra. Dende esa viaxe, tanto a física, como a feita nese cadro cadro, a súa obra mudou, e xa nada voltou a ser igual. 

Agora proponse unha nova viaxe dende esa actualidade da súa figura, vigorosa na súa presenza, incomparable en canto a súa proposta artística que convén revisar para honra dun dos nosos máis grandes creadores.

Laxeiro, unha tripla revisión