Opinión

As néboas de Edu Valiña

Edu Valiña é quen de xerar unha desasosegante atmofera na procura de amosar cómo o ámbito rural pode xerar novas e atraíntes facianas artísticas, lexitimando o seu uso como parte dun discurso creativo que moitas veces afástase dese ámbito natural e humano
Instalación de Edu Valiña. EP
photo_camera Instalación de Edu Valiña. EP

Non poucas veces adóitase ollar sempre cara o noso ámbito rural dende o artístico na procura ou na conquista dunha mirada de corte pintoresco que, de xeito case romántico, idealiza a nosa paisaxe como maneira de aproximación a unha identidade singular, como pode ser a galega. Edu Valiña (O Páramo, 1972), artista, historiador da arte e xestor cultural, artella boa parte do seu discurso nese universo rural, pero afastándose de xeito radical deses territorios comúns. A súa proposta adoita desenvolver un discurso máis complexo no visual, pero que é quen de levedar no seu interior toda unha serie de achegas que ensanchan esa mirada cara o rural como parte dunha profunda reflexión sobre a nosa presenza e a nosa relación con esa contorna que, sobre todo nas últimas décadas, vese sometida a un proceso de tensións que está a mudar moitos deses escenarios.

O compostelán Patio de Luz, na rúa da Calderería, é un novo espazo artístico –benvido sexa!– que, a través da súa multiplicidade de espazos, permite amosar diferentes propostas artísticas a un mesmo tempo. Alí, nun soto no exterior da propia galería, atopamos a proposta de Edu Valiña. Unha instalación que, a modo de intervención, presenta ante nós unha amosfera que nos leva a outra realidade que baixo o título de Nieblas gallegas convértese nun atraínte espazo que, case dun xeito hipnótico, aprópiase da nosa mirada e permite que durante a nosa presenza nel sintamos moitas das realidades que podemos atoparnos nun espazo dese tipo nun deses moitos ámbitos rurais a onde nos leva de xeito inesperado o noso protagonista.

Un son musical é o primeiro que xoga con nós, o que nos arrastra cara o interior nun proceso de sedución que estoura en canto nos vemos envoltos por esa néboa que se afunde nunha luminiscencia de cor verde cunha mensaxe: Darlles a herba que lles gusta, xerando un desasosego que se incrementa a medida que eses sons medran dentro de nós.

Non é sinxelo desfacerse unha vez que abandoamos esa instalación do que se sente alí abaixo

Non é en absoluto sinxelo ser quen de artellar todo este escenario, de aí que o feito por Edu Valiña para traer ao cerne do urbano este fragmento do rural ten un gran mérito para, dende el, poder presentar esa dialéctica arredor da natureza, a paisaxe, ou esa arquitectura esmorecida que adoita cada vez máis protagonizar eses espazos. Un estado de abandono pantasmal no cal se xera toda unha ruína de nós mesmos. Pegadas do que fomos, da nosa presenza neses espazos que un día foron parte do lustre das nosas vidas e agora vólvense o testemuño da nosa fraxilidade, a visión daquilo que non soubemos fortalecer para que seguira formando parte de nós, converténdose nos despoxos dun tempo cada vez máis de sombras e mesmo angurias.

Non é sinxelo desfacerse unha vez que abandoamos esa instalación do que se sente alí abaixo. Durante uns minutos ese desacougo aniña no noso interior e converte a experiencia nunha cuestión que vai máis aló do mero contacto co propio espazo. Edu Valiña é quen de facer que todo ese conxunto de sensacións formen parte de nós e que as levemos mentres nos cruzamos pola rúa cos viandantes. Abofé que moitos deles procedentes deses ámbitos do rural e asentados agora na capital, deixando atrás escenarios como ese do que vimos de saír e no que as súas vidas tiñan un sentido moi diferente ao que teñen agora. Mentres eles cambiaron a súa situación, cunha novas coordenadas xeográficas e mesmo sociais, alí quedou todo un mundo de néboas, noites profundas e luces, máis tamén de obxectos nos que o tempo e o ferruxe son quen de xerar outra dimensión que Edu Valiña sinala a través dunha linguaxe contemporánea dende a que a vivencia propia do espectador toma un protagonismo activo e principal.

Ata o 6 de decembro podemos compartir a experiencia que nos propón o artista na procura dunha obrigada reflexión colectiva sobre o noso territorio e os procesos que se están a vivir no mundo rural galego, e que temos desterrados ante tantas ofertas artísticas que non atenden tanto ao real como ao que nos gusta ver cando pensamos na nosa terra, non sempre tan resistente como pensamos, e as veces, diluída entre mestas néboas.

Comentarios