Opinión

O camiño en espiral

'Flor negra' de Genaro da Silva é o novo título da editorial Chan da Pólvora. Proxecto e milagre poético que deixa ante nós unha escolma de emerxentes poetas que están a mudar a faciana da nosa poesía. O seu derradeiro alumbramento é este poemario en continua combustión

Genaro da Silva (Mourente, Pontevedra; 1980) preséntanos o seu poemario envolto en cor violeta cunha gran flor na súa capa que vai abrir no interior como unha flor negra que de seguida escintila coa súa linguaxe para mergullarnos nunha arriscada xesta poética. Nun espazo limiar entre identidades coa natureza como gume no que medrar, como o gomo na pranta. O eu, pero tamén o outro. Isto é "a fraxilidade de nós".

Cunha meditada estrutura teatral. Proscenio, sombra, coxia e desexo, son os catro actos, que se repiten ata en nove ocasións, desta actuación que se move nos abismos do corpo. Unha afoutada proposta que leveda en cada páxina ata o epílogo final, alí onde se nos amosa a espiral do camiño. O achegarnos para nunca chegar. A incerteza no percorrido. As quenllas e os lobos. O universo do simbólico.

Se de algo vive a poesía é da súa capacidade para facer do símbolo linguaxe, da enerxía da palabra que pasa da grafía ao seu contido. Poucos poemarios podemos atopar hoxe que traballen máis dende esa dinámica que esta Flor negra, facéndoo cunha intensidade que chega a tremelicar o corpo. Aí é onde reside a súa enerxía poética. No corpo fronte ao belisco, na sensación do desexo que rabuña a pel, que emerxe da nosa condición natural. "Unha pel de cristal esténdese pouco a pouco sobre a montaña", escribe o poeta. O cristal racha, o tempo da fraxilidade. "Acreditar no outro/ser a luz/que devora a sombra". 

É certo que neste poemario contéñense moitas sombras. Inseparábeis cando nos achegamos á luz, a sombra é a nosa incerteza, a liña escura que nos envolve e dende a que tantas veces descubrímonos na nosa propia aceptación. Nesa identificación do eu é na que se move todo este poemario que tamén só se pode entender dende a natureza e o seu valor coma cerna do que somos. A natureza no acougo da nosa propia identidade, sen polucións. As especies vexetais e animais movéndose dende o instinto, a liberdade, a falta de normas que limiten ao ser vivo e mutilen a súa capacidade para a descuberta dos nosos propios límites.

Espellos, cadáveres, siluetas e feridas, condúcennos por ese camiñar dunha enorme fermosura

Unha poesía, polo tanto, que recupera a estética do decadentismo afastándose de tantas poesías que procuran facer da vida diaria, da experiencia do home, o seu sustento. Aquí é a procura da beleza dende a linguaxe, dende a propia esencia poética, e incluso dende a morte, o que nos dirixe cara esa poesía dunha fonda estética e unha liberdade á hora de ser proposta, á hora de ser escrita.

Espellos, cadáveres, siluetas e feridas, condúcennos por ese camiñar dunha enorme fermosura que promove unha nova realidade, allea á das rúas e ás cafeterías, unha realidade que emerxe do maxín do poeta para facer dos nosos sentidos o compás co que movernos por esta xestación. E aí é onde nos atopamos no medio da escena, envoltos polo drama, á procura da súa resolución. No camiño en espiral. "Camiño cara ti para encontrarme", resolve o poeta dende esa búsqueda continua na que estamos inxeridos que ao fin e ao cabo é a búsqueda de nós mesmos. Genaro da Silva propón, dende a súa poesí,a facer ese camiño no abrazo ao animal, na retirada das máscaras, na procura da vida. Cada unha das súas páxinas é un reclamo á esa posibilidade que temos para avanzar nese territorio do eu extendido ao outro.

Chan da Polvora de novo saca do prelo outro poemario que segue a facer medrar a lenda deste proxecto editorial sen físgoas, unha liña serea e confiada nos novos nomes da nosa poesía. Flores que medran nunha paisaxe que precisa destas voces para que a poesía siga a ser un berro calado, unha maneira de axitar e axitarnos, unha maneira de ser e sermos. Genaro da Silva faino para rachar a incerteza, para superar ese abismo entre o eu e o outro, o abismo do corpo.

Comentarios