Opinión

O mundo de Amaral

A poeta portuguesa Ana Luísa Amaral recibe esta semana en Salamanca o XXX Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana, na reivindicación dunha obra non o coñecida e recoñecida que se merece, nin tan sequera no seu país. A celebración coincide coa publicación do seu novo poemario Mundo.
Amaral

ANA LUÍSA Amaral converteuse, dende que se coñeceu a noticia da concesión á súa figura do Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana, no cuarto autor de lingua portuguesa en acadalo, e a séptima muller dende a creación do Premio fai trinta anos. Un dobre desequilibrio, por un lado polo pouco recoñecemento a unha lingua chea de poesías, tanto no Portugal continental, como no Brasil ou nos territorios da lusofonía e, sen dúbida, ben merecedora polas súas bondades dun maior valor dende o institucional; e por outro, por esa porcentaxe vergonzosa da presenza feminina no listado de gañadores e que agardamos estes novos tempos máis igualitarios sexan quen de limar esas diferenzas.

Por este fío do feminino achegámonos a Ana Luísa Amaral (Lisboa, 1956), toda unha precursora en Portugal dos estudos arredor do feminismo dende a Universidade, tanto na investigación como no literario. Adora a obra de Emily Dickinson, da que é traductora ao portugués, así como de diferentes literatos anglosaxóns. A súa voz, como a súa poesía, é un percorrido silencioso arredor da posiblidade da palabra para reflexionar sobre o mundo e sobre nós mesmos. A súa poesía é como o descenso polo curso dun río dende o que ollar as súas orelas para atender a como nos conformarmos como colectivo, para situar a denuncia daquilo que nos tería que avergonzar como especie, pero tamén para recrearnos nun instante, nunha beleza momentánea capaz de evadirnos da realidade, capaz de situar á poesía como un paréntese no que o aparentemente máis sinxelo: unha cebola, un mosquito aplastado ou un paseo infantil en bicicleta, poden ter a forza e a capacidade necesaria para decir moito máis de nós do que as grandes observacións da poesía. Este rasgo da súa amada Emily Dickinson converte a mirada de Ana Luísa Amaral nunha maneira de estar no mundo. O xurado do Premio Reina Sofía asentou a súa decisión en reflexións como esta: "Toda su obra literaria es un mensaje de apertura, de respeto, de tolerancia y de reivindicación, también en clave anglosajona, que ha sabido unir con las letras portuguesas el valor de lo pequeño y lo cotidiano. Lo une casi con una revelación y una vivencia metafísica, y lo hace siempre desde una experiencia de ética, de compromiso con los derechos y las libertades, y sobre todo para que se oiga la voz de la mujer". 

Cando tantas veces este tipo de explicacións dos diferentes xurados literarios son auténticos labirintos mentais desta vez resúmese moi ben a poesía de Ana Luísa Amaral tan esquecida no noso país, tamén no seu, e non tanto noutros países onde a súa obra está máis traducida que no noso onde só dispoñemos de dous libros, Oscuro, editado por Olifante en 2015 e What’s in a Name que a editorial Sexto Piso publicou en 2020 e que obtivo o Premio ao mellor libro de Poesía do Gremio de Librerías de Madrid. Será, precisamente, Sexto Piso, quen publique nos próximos meses o novo libro de poemas de Ana Luísa Amaral, Mundo que vén de saír do prelo da editora portuguesa Assirio & Alvim e no que a poeta nos ofrece algúns dos seus mellores poemas ata o momento. Palabras cheas dunha madurez capaz de provocar unha reflexión sobre o que estamos a facer no noso ámbito cotiá, pero tamén a autora eleva a mirada e a dirixe cara esos territorios do terror e do desacougo da nosa condición, no que escenarios bélicos, perdas de liberdades e o que poderíamos chamar as leccións da historia, como ela mesma titula un dos seus poemas de este apartado. Un dos que dividen un conxunto de poemas que, como un calendario vital, enfróntanos á natureza, ás vidas dos animais como reflexo das nosas, á paisaxe cotiá do fogar no que tantos elementos falan do que somos, mentres o paso do tempo completa todo este itinerario no que a súa fugacidade, como os versos que se perderon, obrígannos a ter moi presentes a memoria e o seu valor como aquilo que de xeito máis firme nos constitúe, ao tempo que a sociedade debe facer dela o seu máis sólido piar.

Cando esta semana Ana Luísa Amaral se sume a nomes como os de Raúl Zurita, Joan Margarit, Rafael Cadenas, Claribel Alegría ou Antonio Colinas, por só citar aos últimos gañadores deste premio, unha sensibilidade portuguesa máis formará parte desta lexión poética que nos fai a todos mellores, e que adoitan explicar o mundo dende unhas palabras que, como as da nosa protagonista, están en permanente combustión.

Comentarios