El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

O poder das palabras

Quince anos sen publicar poemas, pero quince anos levedando unha mirada poética que agora se condensa neste Palmeiras, piueiros que, dende o prelo de Chan da Pólvora, convócanos fronte a un texto mítico co que Anxo Angueira reconstrúe toda unha identidade colectiva.
Anxo Angueira
Anxo Angueira

A MORTE DUNHA palmeira comida polos bechos. O devir do tempo, a destrución dun símbolo que acubillou épocas e xeracións das terras de Manselle, alí de onde emerxera un texto xa mítico da nosa escrita, O valo de Manselle, da man dun poeta enfrontado a un destino colectivo, o de nomear toda unha xenealoxía colectiva que precisa da palabra como o engrenaxe preciso. Anxo Angueira volve a levarnos alí, quizais onte todo acada o seu sentido como espazo de convivencia, como ámbito de crecemento físico e de socialización e aprendizaxe da persoa.

Desta volta de quen se mergulla no tempo para compoñer un relato de corte homérico, de viaxe por tempos e personaxes que nos convocan a unha epifanía vital. Como xa fixera o grego, ou de xeito más recente, precisamente nestes meses cumpre cen anos, T.S. Eliot, na súa A terra baldía, o seu creador afronta un longo poemario no que percibe o alento da tribo así como a viaxe por todo ese ámbito colectivo de quen nomea todo aquilo, de quen fai dos seus ollos tinteiro para deixar por escrito, dende a lumieira da palabra, todo un sentimento grupal. 

A primeira locomotora que chega a Manselle, os fíos coa lusofonía, a navegación e o desexo por 'gamelizar o mundo',...

A vida no rural, as diferencias sociais, o señorito, a emigración, a cultura... son acenos dunha identidade dende a que o paso do tempo deixa unha inevitable pegada, unha transformación que Anxo Angueira tamén vencella co rexurdimento da historia cultural da Galicia contemporánea e como esa palmeira que podrece deixa paso a un novo tempo. A primeira locomotora que chega a Manselle, os fíos coa lusofonía, a navegación e o desexo por "gamelizar o mundo", soldados que pelexan lonxe da nosa terra, máis sempre, como un faro na costa, aquela palmeira: "Oh palmeira que viches por nós todos".

Palmeiras, piueiros, que o autor adica ao recentemente falecido Darío Xohán Cabana, divídese en tres partes, xunto a unhas ben interesantes e reveladoras contornas a cargo de Chus Pato e Xabier Cordal na pescuda das intencións poéticas de Anxo Angueira e unha autopoética asumida polo propio creador. A primeira parte cínguese ao relato de Manselle, á palmeira e o piueiro —"pedra que encabeza o fondeo dalgunhas redes"—. Elementos da natureza que teñen que ver coa muda dos tempos, cos ciclos vitais, máis tamén cun elemento exótico e outro enxebre, paradoxos dunha mesma terra na que conflúen e, ao fin e ao cabo, testemuñas de todos nós. Notarios da nosa sociedade, de terra e auga, esperanzas infindas, máis a aldea morre.

A segunda parte xunta unha serie de poemas que se fixeron públicos nas diferentes citas de Anxo Angueira coa oralidade da poesía que, no seu caso, afírmase como esencial. Os seus textos son refuxios solidarios dos traballadores, dos perseguidos, da cultura... e a carón de todos eles estivo en non poucas convocatorias, nas que as súas palabras rachaban silencios para facer do compromiso toda unha sinal de identidade, como a que lle leva a presidir a Casa de Rosalía de Castro, figura da que é un dos nosos maiores coñecedores.

Rematan os seus poemas con tres textos finais. Tres percorridos con carácter de futuro, unha apertura de horizontes cara o que virá e onde o territorio retoma a súa importancia. Un territorio que parte e acada o seu sentido máis completo dende a propia escritura da toponimia, como xa fixera o Pai Sarmiento. Así é como todo o poemario ten en cada unha desas localizacións un espazo recurrente no que se explica moito das nosas identidades. Cada nome, cada lugar responde a toda unha serie de circunstancias históricas e sociais que se conteñen na palabra que o nomea. De novo a palabra, xa que ela é a resposta última a todo. Terras vistas dende a terra, como aquel mar que vira Manuel Antonio dende o mar, facéndoo diferente e que chegou a Anxo Angueira para convertelo en pracer, como el mesmo nos explica: "A palabra e maila voz son en si mesmos un pracer, o principio do pracer". E mentres, unha palmeira morre. Un tempo remata e outro se abre. Un tempo para nomear dende a vertixe da palabra.

O poder das palabras
comentarios