Opinión

As eleccións máis singulares

CHEGOU o día máis raro de votación, tan raro que non todos poderán exercer o seu dereito. Pero a excepcionalidade non é só por hoxe, senón polos días previos, nunha campaña con actos reducidos e todo marcado por un virus que nos trae a malvivir. Unha enfermidade que foi centro político e que determinará a participación. Esa será a clave para uns resultados que permitirán a continuidade do PP, que se esforzou por proclamar o proveitoso de prolongar a xestión en tempo de crise, ou o cambio a través dunha coalición que os tres partidos xa non a agacharon logo de que existan outras por España adiante integradas por formacións antagónicas ás súas. Pero o resultado, o que sexa, con todas as rarezas previas e desta noite electoral, non pode levar aos perdedores a desacreditar a quen poida formar goberno, como ocorreu en ocasións no Executivo central. Son eleccións singulares, nun marco insólito, pero de ningún modo se poden considerar antidemocráticas.

Comentarios