Opinión

Pedir algo e recomendar o contrario

MOITO SE incidiu durante o confinamento primaveral en que o importante era a saúde, e que iso estaba por riba de economía. Pero realmente non é así, para ningún goberno, sobre todo para o madrileño, ese que se converteu no principal opositor ao central, porque cada decisión do Consello de Ministros é rexeitada polo executivo de Díaz Ayuso, sexa o que sexa. Pero non só refuta calquera resolución da Moncloa, senón que contradí tamén a dos gobernos de outras comunidades, como se estivera contra todo. Que as autonomías limítrofes pechan perimetralmente ata o día 9, pois a madrileña só nas pontes, non vaia ser que a acusen de restrinxir liberdades; iso si, aconsella aos cidadáns que non saian. Entón, que sentido ten? Reclamar unha cousa e recomendar a contraria, unha tolería. E así leva, con estes desvaríos, desde que foi elixida presidenta, marcando un perfil tan propio que nunca coincide con ninguén, nin sequera do seu propio partido.

Comentarios