Opinión

Perde en España, gaña en Galicia

SON HABITUAIS as discrepancias dentro dos partidos, aínda que cando existe un liderado forte non soen transcender ao non exteriorizarse por temor a represalias. Aquilo de que quen se movía non saía na foto da época de Alfonso Guerra na dirección do PSOE quedou como exemplo de desquite ante a contestación interna. E polo mesmo con Aznar ninguén erguía a voz no PP. Pero é normal que haxa voces distintas para a mesma canción. Iso si, solista só hai un, pero no coro admítense variedades, aínda que ás veces distorsionen a peza. O enfrontamento público mantido por Feijóo e Álvarez de Toledo non sucedería se Casado capitaneara con seguridade e fortaleza o partido, que pola radicalidade da súa portavoz parlamentaria perde argumentos e batallas. Se ben ao presidente galego sérvelle para un impulso máis se cabe a mes e pico das eleccións ao propagar ante os extremos a súa imaxe de moderación, que é onde se conseguen as vitorias nas urnas.

Comentarios