Opinión

Erdogan, o xenocida

A agresión imperialista define a historia do pobo turco, dende o seu berce na Asia Menor dos séculos XII e XIII. Agresión que se manifestou na conquista dos Balcáns no século XIV e de Constantinopla no 1453, onde ducias de milleiros de civís foron mortos e escravizados. No século XVII Grecia foi conquistada tamén. Dende fins do século XVI até 1830-1840 centos de milleiros de persoas europeas foron mortos ou cativos polos piratas  de Alxer e da  Berberia otomana coa finalidade de convertelos en escravos, chegando mesmo ás Illas Británicas, Países Baixos e Islandia. Galicia, desprotexida polo reino de Castela, pagou tamén o seu tributo de sangue coa destrución de Cangas (1617), que nos custou máis dun cento de mortes e douscentos cativos que nunca voltaron do Norte da África.

No 1908 os militares nacionalistas (Mozos Turcos) impuxéronlle ao Sultán otomano un Goberno que desenvolveu o xenocidio dun millón de armenios (1915). No 1922-1923 o Goberno leigo de Atatürk (que depuxera meses antes ao Sultán) desenvolveu unha terríbel limpeza étnica da poboación grega da Asia Menr, o seu fogar por tres mil anos. No 1974 os turcos invadiron Chipre e ocuparon o seu terzo norte, onde seguen arestora, malia a condena internacional.

O Kurdistán é unha nación que se extende polo territorio dos Estados turco, sirio, iraquiano e iraniano. Foi formalmente recoñecido como Estado no Tratado de Sèvres (1920), nunca recoñecido por Atatúrk, que acadou a medio da guerra das potencias europeas a anulación deste recoñecemento no Tratado de Lausanne (1923). As milicias kurdas, nomeadamente as femininas, foron as principais responsábeis da derrota no norte de Siria e Iraq do Estado Islámico (ISIS) no 2016. Tanto no norte de Siria como no norte de Iraq os kurdos foron quen de crear estruturas de goberno que respectan ( en liñas xerais) os dereitos humanos, a igualdade da muller e a liberdade relixiosa. En setembro de 2017 o Kurdistán iraquí aprobou a creación dun Estado independente no seu territorio autónomo con case o 93% dos votos.

Dende o 9 deste mes Erdogan e os seus aliados árabes islamitas masacran a poboación civil kurda coa pasividade USA, que retirou da rexión as súas tropas e coa complicidade española. Si, leron vostedes ben. Unha batería de misís Patriot das FF.AA. españolas protexe á base aérea turca de onde saen os avións que matan os civís kurdos.

O Kurdistan non ten case altofalantes na Europa. Seguiremos a contar a súa loita desigual. A súa loita pola supervivencia contra Erdogan, o xenocida.

Comentarios