Opinión

Galicia, sitio distinto

As eleccións estatais do domingo amosaron que Galicia é sitio distinto. Porque, malia partillar dalgunhas das tendencias xerais, o noso mapa electoral presentou características diferentes.

Na Galicia o mapa de escanos do 28-A (10 PSdeG, 9 PP, 2 a franquía de Podemos e 2 Cs) sofre dúas modificacións por mor da perda por Cs da súa representación, obtendo un escano PP (que empata a 10  cos socialistas, acadando un-31,9%  fronte ao 31,25% do PSdeG ) e o outro o BNG. Velaí que o 10-N tres das seis forzas estatais representadas no Congreso (Cs, Vox e Más País) non obteñan representación.

O BNG acadou un 8,2%, obtendo case 120.000 votos, 26.000 máis ca en abril, malia a baixa da participación. Chegou a case os dous terzos dos votos  de En Común-Podemos, que  quitou case dous pontos menos ca en abril. Tendo en conta as diferenzas  entre estatais e galegas apúntase como hipótese probábel o claro sorpasso dos soberanistas a respecto da esquerda rupturista española nas eleccións de 2020.

A suba do BNG e o meirande suceso do PP en apañar os votos perdidos polo Cs impediron que Galicia partillase o xeral empoleiramento do extremismo xenófobo, antifeminista e antigalego de Abascal. Moito do electorado galego das dereitas demostrou ser refractario a semellante mensaxe e, deste xeito, Galicia (que representa o 5,5% da poboación do Estado) só achega o 3% dos 3,6 millóns de persoas que votaron Vox o domingo.

O PP volta ser primeira forza electoral deste país, malia que case empate co PSdeG e que ésta gañe amplamente nas áreas urbanas de Vigo e A Coruña e nas principais cidades. Porén, os votos ás tres forzas da dereita acadaron un 44,1% fronte ao 54,4% das forzas do centroesquerda.  A menos dun ano das eleccións galegas semella  que unha alternativa plural poderá substituir ao PP en San Caetano o vindeiro 2020.

No camiño cara estas eleccións galegas de 2020, o soberanismo galego habería alargar substancialmente o seu apoio electoral.  Desta volta funcionou a tensión  e bó facer da  base electoral e militante do BNG, mais tamén o pulo extramuros do pacto con CXG e do apoio de  persoeiros e sectores sociais vencellados no pasado, quer  co propio BNG, quer con En Marea. De certo que a relevancia do soberanismo na solución á ecuación de 2020 estará na adopción de fórmulas flexíbeis  de integración que lle permitan recoller toda a súa pluralidade política e social e maximizar os seus apoios."

Comentarios