Opinión

Un proxecto de país

FALTA NO galeguismo político un proxecto de país que, ao tempo, constitúa un proxecto para as maiorías sociais, como si existía no Partido Galeguista no 1932-1936 e no BNG nos 1997-2009. Ou, na actualidade, no PNV, no escocés SNP ou no galés Plaid Cymru.

PNV, SNP e Plaid Cymru propoñen arestora proxectos claramente nacionais e soberanistas, mais fondamente inclusivos (migrantes de calquera etnia, nacionais retornados), ben alicerzados nos valores do desenvolvemento sostíbel e na igualdade. Propoñen proxectos sociais onde o precariado e as persoas máis vulnerábeis están no foco dos servizos sociais sen deixar de apoiar o emprendemento empresarial e o incremento da prosperidade. Países autocentrados económicamente e socialmente xustos.

A cidadanía galega vive os seus problemas dende o recurte dos servizos públicos, as fragmentacións e localismos fomentados dende os Poderes e dende a atribución de culpabilidades aos que son febles ou diferentes. No noso País temos moitos problemas graves, dende a consunción demográfica, a irrelevancia económica, a emigración da nosa mocidade máis cualificada ou a perda da nosa lingua e cultura. É evidente que só dende un galeguismo político, transversal e de forte contid social se lle pode dar resposta a estes problemas. Mais o que hai hoxe, despois de dez anos de queda e implosión galeguista, non pode -aínda- nin construir nación, nin facer a xustiza social, nin ser gañador.

A boa nova é que estes parámetros serían subscritos polas maiorías sociais galegas, por máis dun 30% da cidadanía, se o galeguismo político fose quen de dar coa linguaxe para ofrecer este duplo proxecto nacional e social. Promotor do desenvolvemento económico, nomeadamente industrial, mais dende a sostibilidade ecolóxica. Afirmante da soberanía nacional galega aproveitando as sinerxias estatais, europeas, lusófonas e iberoamericanas. Construtor dunha sociedade de servizos sociais avanzada que arrumbe coa pobreza e co precariado, ao tempo que agasalle o emprendemento empresarial que saiba xogar na normativa ambiental, fiscal e social propia dun país europeo avanzado.

O galeguismo político é o único sector ideolóxico que pode conxugar estes principios nacional e social e ofrecermos un proxecto para a Galicia do futuro. Mais para chegar aló compre integrar aínda moitas sensibilidades e moitos sectores. Cómpre moita intelixencia e moita xenerosidade.

Comentarios