lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

O Camiño de Inverno a través de Rozavales

UN PAISANO protestara, enrabexado, porque o camiño portugués desviárano contranatura histórica. O argumento era tan sinxelo coma directo: a romana Vía XIX pasaba xusto polo medio do seu furancho. É dicir: o peregrino debía atravesar, caneando cuncas de viño caseiro e tapas de embutidos varios, a porta de entrada e saída da súa tasca.

Disque presentou textos latino-medievais pra sustentar a hipótese. Pagoulle a un agrimensor, xuntou sinaturas, acadou o voto favorable do alcalde local… Moveu Roma con Santiago. De nada valeu. O home bramou, coas queixadas rubias, que se cometía un engano monumental á intelixencia do mundo.

Malia o anecdótico do conto, o fondo é un problema real. O Camiño de Santiago é hoxe un atractivo turístico-cultural con notable desembolso nas "arcas privadas". Todos queren que pase a carón do negocio. Pintan frechas amarelas, con destreza artesanal, para desviar tramos destino ao restaurante ou o albergue propios.

O Códice Calixtino advertía, na guía do peregrino, que escorrentasen a estes seres e fuxiran destas voces. Sempre houbo pillos, incluso antes da xénese. Pro xa saben que os textos sacros interesan se nos dan a razón; senón, vaiche boa!

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón) presentou na Xunta de Galicia un informe para acreditar o paso do Camiño de Inverno por esta freguesía, ademais de Torbeo (Ribas de Sil), Rozavales, Vilamarín, Caneda e Santa Mariña do Monte (Monforte).

O estudo ten unha proba irrefutable: Rozavales é un topónimo único en Galicia (os Rozavales de Manzaneda proceden da parroquia de Lemos). É a forma galega do Roncesvalles inicio do Camiño Francés. Gonzalo Navaza (xefe en toponimia galega) acreditouno nun recente artigo. Canda isto atopáronse textos do rei Afonso IX, conservados na catedral de Compostela, que engaden máis argamasa á tese.

O referido estudo tamén demostra a existencia dun camiño medieval de uso frecuente durante séculos. As viñas de Vilachá repartíanse entre dous poderosos mosteiros: Montederramo e San Vicente do Pino. O viño motivou máis dunha desavinza entre ambos centros relixiosos. Daqueles tempos antergos quedaron as adegas de Vilachá, coma testemuñas de pedra, únicas en Galicia e aínda usadas para fins vitícolas. Integráronse na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Hoxe o Camiño de Inverno non pasa por Vilachá nin por Rozavales. Mudouse o rumbo, alterando o trazado orixinal, porque o Sil converteuse no atranco. Hai anos pasábase nun catamarán con base no complexo de Augas Mestas. Parece que a Deputación de Lugo podería rehabilitar este conxunto en 2021. Esa sería unha grandísima ocasión pra poñerse a ben coa historia.

O barco permitiría o pase dende A Covela a Barxa. Imaxinan o atractivo pra o Camiño de Inverno cruzando o Sil, no corazón da Ribeira Sacra, cos canóns a rodearnos e as viñas a dotar de perfume o vento? Imaxíneno até que pronto sexa realidade.

O Camiño de Inverno a través de Rozavales