jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

'Cowboys' nos pubs galegos

Os foraxidos non desapareceron co 'Salvaxe Oeste', algúns aínda sobreviven na nosa terra

Que non se che quente a pistola. EP
Que non se che quente a pistola. EP

“É unha obra mestra”. Así cualifican dende os medios especializados ao Red Dead Redemption 2, unha creación que nos leva até o ano 1899 e que nos permite vivir a época final dos ‘cowboys’, foraxidos e pistoleiros norteamericanos.

Ante tales consideracións, un non puido resistirse e rematou facéndose con este videoxogo

Quizais polo abafador que resulta nalgúns momentos un mundo tan inmenso e con case infinitas posibilidades, a miña mente comezou a perderse entre cantinas e tiroteos. Deste xeito cheguei á conclusión de que o universo do ‘Salvaxe Oeste’ (realmente no xogo é ‘Salvaxe Este’) que nos debuxa o Red Dead Redemption 2 aínda segue vivo en Galicia (e supoño que no resto do mundo, pero iso a nós dános un pouquiño igual).

Sitúese en calquera localidade galega, éme igual vila ou cidade, un sábado pola noite. Vostede, acompañado ou non, está posuído polo deus Baco e ten moitas ganas de pasalo ben. 

Coma un forasteiro, aparcou o seu cabalo —non creo que faga falla explicar unha metáfora tan triste a estas alturas— e achegouse até a taberna máis famosa da vila. Fóra pode ver o resto de animais de transporte estacionados. Estes son máis ‘farruquitos’ que o seu, están ben ‘tuneados’ para a ocasión. Por se nalgún momento hai que botar unha carreira co compadre Manuel ou por se a cousa se pon fea e hai que fuxir do ‘sheriff’ Suso, ao que por certo lle encanta vestir de verde e saír cando vai sol.

Debemos advertir aquí algo importante que vai pasar antes de entrar na cantina no caso de ser da provincia de Lugo. É probable que no lugar dun arbusto rodando vexa vostede algún xabaril (a poder ser gráveo en vídeo e mándello a El Progreso, que nós, do porco, aproveitamos todo).

A banalización da violencia na nosa sociedade permítelles vivir impunemente e deixar todo nunha lea nocturna a causa do alcol

Pasado este trámite accederá ao paraíso, no que sen sabelo agárdano Clay Allison e ‘Billy El Niño’. Como regalo de benvida levará unhas cantas miradas que sentirá como puñais. Frías e de fronte, sen ‘mariconadas’, que aos ‘cowboys’ galegos non lles van esas cousas. Convenlle non levantar a vista e saudar senón pode atopar problemas sen procuralos.

Mentres se quita a chaqueta percibirá que no salón está soando a música que máis de moda está entre os foraxidos. Os grandes éxitos de C. Tangana, Maluma ou Romeo Santos amenizarán a súa velada. José será o encargado de ‘pinchalos’ no mellor ‘piano’ da vila.

Porén non debe esquecer que é un forasteiro e pronto volverá sentir esas miradas. Agora xa non son a modo de inspección, agora son penetrantes. A borracheira, a primeira escusa, calquera xesto diferente, a segunda. E liouse. Aos ‘cowboys’ galegos, do mesmo xeito que aos americanos, quéntaselles a pistola facilmente e non dubidan en empregala para pegarlle catro tiros ao primeiro pailán que se crea que pode ‘faltarlles ao respecto’ nos seus dominios.

Por sorte, na nosa terra a xente non leva un revólver nas súas cadeiras, así que o máis normal é que voen vasos, estouren botellas e haxa algún que outro ollo morado. Dependendo da zona do país pode levar vostede algún ‘navallazo’. Nada grave, un grolo de whisky e a seguir coa festa.

A noite de verbena remata no hospital, continúa en comisaría e incluso pode chegar aos xulgados. Estes ‘cowboys’ do século XXI son máis duros que os norteamericanos. A actitude destes non é un modo de vida, non o fan para gañar os cartos en ‘duelos’ ao saír o sol. Fano por ocio, por diversión e non están en perigo de extinción

A banalización da violencia na nosa sociedade permítelles vivir impunemente e deixar todo nunha lea nocturna a causa do alcol. O problema é que isto pasa en case todas as vilas galegas cada fin de semana, e a sociedade, coma os ‘sheriffs’ untados, mira cara outro lado e “aquí non pasou nada” e “son cousas da xuventude”. Até que hai algún susto, entón choramos todos

Agardemos que algún día a civilización chegue e remate coa época dos ‘cowboys’, sheriffs, foraxidos e pistoleiros da actualidade. Mentres, non sexa parvo e vaia preparado para a emboscada.

'Cowboys' nos pubs galegos
Comentarios