miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

A tafona de Herminia

Miña avoa Manola foi toda a súa vida cociñeira e costureira. Iamos buscala no dous cabalos vermello de miña nai ao fondo da Praza de Santo Domingo, á saída do traballo —cando traballaba no restaurante Monterrei, en Lugo—.
Herminia. ALBA DÍAZ
Herminia. ALBA DÍAZ

SEMPRE ME traía unha bolsiña quente de pinchos de tortilla,  croquetas, gambas á gabardina e fritos amasados por ela mesma. E eu comíaos contento, alleo ás pingas da chuvia no cristal do coche e aos pequenos dramas na escuridade dos portais. Non sabía que iso sería hoxe un dos tesouros da miña nenez.

Ao saír da escola, acostumaba xantar na súa casa. Tiña as mans gretadas, pero cheas de vida. Eran mans finas e cariñosas, cheas de durezas e ulían a ela, pero tamén a allo, a laranxas ou á auga da traída coa que as lavaba logo de cociñar. Pasábamas pola cara e polo pelo. Bicábame, rogándome que comese un pouco máis. Pero eu, nos meus oito anos, non era quen de comer todo o que me poñía no prato. Entón ela facía o seu pequeno teatro: mordía os beizos, pechaba os ollos, levaba unha man á fronte e abaneaba a cabeza, compunxida. Despois escoitábaa laiarse na cociña, falando polo baixo, amolada polas sobras que seu neto desprezara. O aroma estraño do tempo gastado, as feituras informes desa catedral dos recordos que é a infancia.

Hai uns días, veume todo xunto á cabeza. Saíramos pola mañá cedo en dirección a Ponteareas onde botaría toda a tarde contando historias, imaxinar outras tristezas e comedias que nos fagan esquecer as nosas. Pola noite relera por enésima vez o Dicionario kházaro, de Milorad Pavic. Antes de chegar a Ribadavia para xantar, decidimos parar en todos os lugares en que algunha vez quixeramos parar; que historias pode contar alguén que non para en ningures, que sempre está de paso? Paramos no miradoiro dos Peares e contemplamos a borralleira de néboa da mañá, co río ao fondo na caída sublime do encoro e as primeiras luzadas do día. Sempre hai quen mira o sol por vez primeira, sempre hai quen o mira e pecha os ollos para sempre. Cruzamos a ponte e chegamos á estación do tren e demos a volta. Aldea pequena, inferno grande. Baixamos até Ourense e fomos á outra beira do río, a que se ve dende a estrada a Pereiro de Aguiar, un pequeno paraíso de casiñas habaneiras e un peirao. Pasamos por O Viso, Coles, Sobrado e Montecelo, e esgotamos a estrada toda até chegar á beira do río. Metemos as mans na auga coma nun bautismo improvisado, o frío renovador do inverno, a volta á vida. Detivémonos diante dunha roupa branca a clarear, que ondeaba maxestosa no tendal, coma bandeiras dun país exótico sempre en paz, agás polo tren que pasa.

Camiñamos polo barrio xudeu de Ribadavia, que ten ese aire de tempo suspendido que teñen Mondoñedo, Tui, Samos ou Celanova. E unha porta de madeira ingresounos na Tafona da Herminia. Batemos coa figura dunha anciá de longos cabelos brancos, mirada esperta e cálido sorriso. Desfilou con delicadeza atrás do mostrador e preguntounos que desexabamos. Pedímoslle un variado de doces e dixo que estaba cansa, levaba esperta dende as tres da mañá, para preparar a masa dos doces e cocelos, como fai todos os días dende hai moitos anos. Falounos dos kamish-broit, elaborados con noces ou améndoas, dos mamul feitos con froitos secos, pétalos de papoulas e augas de azar, dos ghorayebah de fariña integral de abelá, dos kijelej de mon... Preguntábanos polas portas da muralla de Lugo e pousaba con coidado os doces na bolsa de papel. Contábanolo coma un ferreiro dándolle aire á mañá polo barquín no regazal.

Que lugar era aquel onde non entrara o tempo? O candelabro de nove brazos riba do armario e figuriñas dun belén levábanme a outro lugar. Tiven a sensación estraña de que alí non faltaba nada, iso que nos falta no medio da vida que parece como agochado por todas partes. "Levan pouquiño sal", dixo. Pensei nos sete tipos de sal que tiña a princesa kházara Ateh, que tamén tiña sete caras, unha para cada día da semana. Cada noite facíase pintar nas pálpebras unha letra do prohibido alfabeto kházaro. As letras mataban quen as lía. Todas as mañás a princesa tomaba o espello e sentaba a pintarse: un escravo facíalle de modelo e ela creaba, da súa cara, unha cara nova nunca vista antes. Algunhas lendas dicían que a princesa non era bela, só finxía co seu aceno. Aquela beleza falsa esixíalle un enorme esforzo, pero cando quedaba soa a súa beleza esluíase, coma o sal. Acostumárase aos seus pensamentos coma aos seus vestidos, mais víaos por todos os lugares, ata nos cruzamentos dos camiños. Para divertila, os servos leváronlle á princesa dous espellos kházaros. Estaban feitos de sal puída, pero un era rápido e outro, lento. O que o primeiro captaba como adianto do futuro, reflectindo o mundo; o segundo, o lento, restituíao, equilibrando así as contas do primeiro. Un adiantaba na mesma medida en que o outro atrasaba. Cando lle levaron os espellos á princesa Ateh, aínda estaba na cama e non lle lavaran as letras das pálpebras. No espello viu entón os seus propios ollos pechados e morreu no acto.

Pestanexara no intre previo e no intre despois e os espellos transmitíronlle o reflexo.

Morrera a mans das letras do futuro e do pasado.

A Alba comezou a falar coa Herminia, que nos contaba da súa tafona. Logo de cocer, prepararan uns zancos de polo. Namentres a Alba sacaba a cámara e se dispuña a fotografar a Herminia, reparei nun home parapetado onda o vello portón do forno. Non nos saudou e agardaba paciente o punto do polo. Saquei as moedas para lle pagar á Herminia e pouseinas na súa man. O seu tacto foi coma un espello que reflectise o pasado e pensei na miña avoa e nas súas mans. 

Despedímonos e mirei o escuro portal da tafona, coma volver de buscar a miña avoa no dous cabalos. Pola mañá buscáraa tamén entre a néboa do río. 

Coma un doce xudeu, nun portal sepultado de tempo.

A tafona de Herminia