domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Só o nome

MOI POUCOS poetas gañan a honra peculiar de que os coñezan só polo seu nome. É o premio da antonomasia, un galardón para o que deben unirse o favor crítico e o fervor popular.

Na Galiza só hai unha Rosalía —ou só había unha até hai uns meses—; en España só pode haber un Juan Ramón, Jiménez por suposto. En Portugal só hai unha Sophia, así coñecida polo nome e nada máis. Non é outra ca Sophia de Mello Breyner Andresen, xunto a Jorge de Sena e aínda máis ca el a voz poética senlleira do país lusitano tras a desaparición de Pessoa e os seus heterónimos.

Aparece agora en España unha escolma dos seus poemas baixo o título Lo digo para ver (Galaxia Gutenberg). A tradución é de Ángel Campos e conta xa cuns cantos anos de antigüidade. Se nos poñemos esixentes, Sophia merecía máis no seu centenario. O traballo do tradutor e o do autor do limiar é excelente, pero escaso: a poesía completa na lingua orixinal ocupa case que mil páxinas en gran formato, namentres a nós chegan apenas un feixe de poemas en libro de peto. Pouco máis ca unha tapa cando a autora dá para un banquete poético de primeira magnitude.

A priori Sophia non era candidata ao coñecemento popular. Nada en Porto —que non en Lisboa ou Coimbra, as tradicionais cidades de cultura do país irmán—, pertencía a unha familia aristocrática e ademais exótica: o Andresen do segundo apelido delata a orixe do pai, un comerciante dinamarqués. Como correspondía a unha boa señorita, ela recibiu unha estrita educación católica; pero, a diferenza de moitos sepulcros esbrancuxados, ela si criticou a ditadura de Oliveira Salazar. Cando regresou a democracia, en cumprimento das súas ideas optou por implicarse en política… co Partido Socialista: "Gañarás o pan coa suor do teu rostro/ Así foi imposto/ E non:/ Coa suor dos outros gañarás o pan". A popularidade gañada quedou expresada cando ao seu pasamento a enterraron no Panteón Nacional, a segunda muller en recibir a honra despois do afín espírito de Amália Rodrigues, a grande cantante de fados.

Eis unha excepción notábel dentro dunha lírica que canta ao amor humano e, sobre todo, ao mar

Non pensen por estes versos que Sophia é un volcán de versos de combate. Eis unha excepción notábel —e recollida na escolma— dentro dunha lírica que canta ao amor humano e, sobre todo, ao mar, un elemento chave da tradición lusitana. En moitas ocasións atopamos unha nostalxia época que unida ao coñecemento do mundo clásico e ás referencias á Grecia antiga fan que teñamos a mente en Kavafis, ese mestre que voa sobre todo o que mencione a Ítaca tanto ou máis có mesmo Homero.

Outro elemento que conecta a Sophia con Kavafis —e con outros moitos mestres da lírica contemporánea— é a concreción da palabra poética. Non hai artificios barrocos, tampouco imaxes que golpeen ao lector; só unha oralidade marcada —que fai perfectamente accesíbel a lectura na lingua orixinal para calquera mínimo coñecedor do galego— e a aspiración a que esa palabra concreta sexa en troques unha verba que actúa sobre as emocións do lector. De súpeto, no medio da pequena páxina en branco, uns poucos versos concentran a expresión do fondo.

E abofé que o acada, porque como ocorre con todos os grandes poetas, Sophia consegue que o lector pense que a voz do poema fala por el, expresa o inefábel, dá corpo artístico a uns sentimentos que poden expresarse de xeito prosaico, pero que así escritos caerían na vulgaridade ou no cotián. O poeta deixa de expresar a súa visión do mundo para constituírse en mediador do lector coa súa realidade, intérprete dos seus sentimentos e desa mesma realidade.

Só o nome
Comentarios