El tiempo
viernes. 03.02.2023
El tiempo

As Bestas, un western sobre as expectativas

Cando o furor de Mareas vivas a xente ía ata Laxe por ver o bar de Petróleo. Recoñecían a fachada, cruzaban a porta e dentro o bar era outro. "O da serie? Iso era un decorado"

CANTAS VECES repetirían iso os do Plaza, que era o bar de verdade, e cantas caras de desilusión a cambio, e ata enfados mor da tele, que si é todo mentira e tal. En Laxe seica a modo de compensación tiveron a xenerosidade de regalarlles aos turistas a praia dos cristais. Era un vertedoiro de vidro que o mar foi suavizando en arestas. Báixase a carón dun cemiterio, cousa que a un galego resúltalle indiferente, pero arreda a outros. Como atracción é modélica porque é chula, barata e nunca se vai masificar. En Nova York xestionaron peor o de que chegase a xente buscando o Central Perk, a cafetaría onde os protas de Friends andaban estomballados nun sofá. Algún alma sensible abriu unha réplica pero pechou axiña. Eu supoño que ou ben  todo o mundo quería sentar no sofá principal e non lle valían os taburetes do fondo onde estaban os extras, ou pola contra pórse baixo o foco daríalles unha tremenda vergonza de sentirse observados. 

A movida son as expectativas de cada un. Hai quen pensa que vivir na aldea é como os episodios de The Crown onde a familia real está en Balmoral. Un sitio tranquiliño, onde nunca pasa nada, onde ninguén te molesta, onde vas estar o teu aire. As Bestas tamén pasa no campo e hai dunha familia disfuncional. É unha película sobre as expectativas: un par de irmáns, un par de desgraciados mortos do noxo, ven a oportunidade de comezar unha nova vida cos cartos que a empresa eólica lles promete a cambio das terras que teñen perdidas no monte. Para o trato precísase o concurso dunha maioría dos propietarios, pero un matrimonio ilustrado acabado de chegar  de fóra oponse porque suporía a fin do seu proxecto vital que é reverdecer a comunidade. Os irmáns fanlles a vida imposible. As expectativas caen a rolos cando nun último intento por aliviar a tensión veciñal, cando queda claro que a Guardia Civil non vai facer nada, o estranxeiro invoca parlamento na taberna lembrándolles que se lles invita a beber non poden negarse. Os cartos dos eólicos non van dar abondo para que estes marchen a Ourense a conducir un taxi e quitar á súa nai de alindar as vacas, e o francés tampouco pode marchar porque non lle quedan cartos nin outro sitio onde ir.

A película está realmente ben, pero algunhas interpretacións sobre o que nos conta foron inda mellores. As dos idealizadores do rural son as máis divertidas: por unha banda aqueles que alucinaban ca impunidade dos irmáns acosando aos novos e ben intencionados veciños non conciben que exista tanta violencia nunha paisaxe serena onde claro, só pode habitar xente de estampa virxiliana ou de reel de Instagram, segundo as referencias que se manexen. Como lle vou explicar a esta xente o moito que sufrín as dúas horas e media por se algo malo lle fixesen ao can do francés, porque cando algo mal vai entre veciños o primeiro aviso vaille ó can.

Tamén co aldraxómetro prendido e a escopeta cargada os de "total vannos pintar como uns salvaxes, como uns atrasados, mellor non vexamos a película e morra o conto e a publicidade", que ten as mesmas vibracións que Omar Montes, un dos artistas que si vai ir a Catar, dicindo "xa sabemos todos que os dereitos humanos están fatal alí, cando menos se fale diso mellor". Para estes calquera representación d’O Rural, ca que identifican O País, é perigosísima en canto sae da reserva espiritual, non contaminada, resistente e digna, que non se vende. E miren, que isto de que alguén que fale galego poda ser un asasino marxinal e de que pasen cousas terribles en lugares fermosos tamén nolo contaron Patricia Highsmith ou Claude Chabrol. E tamén A esmorga —hai unha chiscadela cultureta en ‘As Bestas’, cando un dos irmáns láiase de que el querería ir ás putas pero estas non lle deixan porque cheira a bosta—, pero ese conto tremebundo pasa na cidade e para unha parte da cultura galega as cidades son un elemento moi pouco galego, contaminado.

Xente deprimida nun lugar de fronteira que vai camiño da desaparición. Un western, vamos. A personaxe de Luis Zahera —porque non é Xan: é a personaxe de Luis Zahera— pregúntalle ao seu antagonista: francés, por que acabache aquí e non noutra aldea calquera, e este replica que ía borracho, quedou durmido e espertou nun arrebato místico ca idea de quedar a vivir alí. Debiches espertar noutro sitio, francés, sentencia e remata o grolo. Mellor non ir a un bar onde estea el.

As Bestas, un western sobre as expectativas
Comentarios