Opinión

Famosos

Os famosos teñen a mesma utilidade que a monarquía: xente a cambio dun par de casas boas e catro privilexios máis teñen a obriga nos entreter. Se quero unha familia real é polo show que dan. Tampouco lles imos pedir que vivan e morran como nunha de Shakespeare ou en Xogo de tronos, non hai que pasarse, pero ca asepsia constitucional a movida queda en nin arre nin xo.
Castelao. EP
photo_camera Castelao. EP

De cando en vez, teñen que alimentarnos con traxedias humanas, loitas de poder, celos e ansia por destacar, apetitos impropios e reprochábeis. Para inspirarnos cousas fermosas xa está Carlota Casiraghi. A filla e herdeira da clase de Carolina de Mónaco e Grace Kelly botou uns pasos ben raros no bal de la rose, ese antroido que organizan tódolos anos. Tamén foi Isabel Pantoja, que preferiu ir cunha rosa grande no vestido –ao Baile da Rosa vou cunha rosa, claro– a seguir a inspiración da velada, que era o mundo Bollywood. Isabel sae no Hola! despois dunha chea de anos. Di que na pandemia, fatal. Que non saía da casa, iso non era raro para ela, pero que pasou un medo terrible. Por mor da nai, que tiña unha idade. Lavaba todo con lixivia, acabou cas mans esfoladas. Tampouco abría moito as ventás.

O gran drama de The Crown (Netflix) está no que pesa o sentido do deber sobre as cabezas coroadas. Ti podes aceptar que o choio é vitalicio e sen horarios, que anula a túa condición de ser humano e quedas reducido a un meme, estático nas túas atribucións de corrección e rutina. Pero claro, se ese esforzo xa non é pouco ponte ti a controlar para que os teus familiares fagan o mesmo. E nin digamos cando algún che sae parvo. Como Carlos III, o da finada raíña Sabela, co fillo pequeno, o da Meghan. Tamén que peor era o infante Carlos, o de Filipe II. O da ópera de Verdi. Ese asaba coellos vivos e tamén prendía lume na roupa dos criados. Logo xa o encerraron cando quixo pegarlle un tiro a don Juan de Austria. A descendencia dos duques de Lugo son a realeza española divertida de hogano. Polo de agora o de xogar coas pistolas e andar en pendencias é cousa do rapaz. Como o fulano vai por Madrid vestido que parece Omar Montes, coa cara enfadada porque o retratan, semella un tipo perigoso.

Están un chisco de actualidade os Diarios. 1921 de Castelao. O usuario de twitter @vgiadas fixo un newsletter para que recibamos no correo cada día unha entrada. É unha maneira excelente de transmitir un diario, porque se o lemos de corrido perde interese. Vainos contando que lle parece a viaxe que fai por Francia, Bélxica e Alemania. Xa lles adianto que agás os museos, e os que son tirando a modernos tampouco se salvan, todo lle parece basicamente: mal. En París queda esmagado de tanta xente e tantas cousas raras que hai. Todo sucio, todo ruído. Bota de menos á muller e a casa, cando se lle entra o drama tírase na cama ou vai á misa. Un lembra que Castelao estudara en Madrid e xa tería experiencia nunha cidade global, pero logo cae na conta de que daquela non era a capital de España exactamente iso. O noso santón laico favorito seica foi a derradeira encarnación da primeira celebrity galega. Era alguén carismático que quería ser famoso, e vaia se o conseguiu!

A verdade é que non debemos ser país de famosos; hai xente voluntariosa, que vai ao Casamos da TVG e se mete a recanteira no Luar e participa no Atrápame se podes, pero non acaba de dar o salto. Cando Roberto Vilar monta o show no Land Rober ten que traer ás celebrities de fóra. Supoño que así se queiman menos: houbo un momento no que parecía que a falangueira Ana Peleteiro ía conseguir praza fixa na sección de sociedade, pero deulle por cumprir o seu soño de ter un coche caro e á xente pareceulle mal.

Torrente Ballester tiña valedores para que lle desen o Nobel, pero baixouse da carreira polo medo de que, buscando os cartos, lle fosen secuestrar o neto. É unha pena, porque un país completo precisa dun ecosistema de famosos perralleiros que nos entreteñan cas súas ocorrencias. Será porque os ricos e nobres nosos son discretos e pasan de salir nas revistas. Como iniciativa tecnolóxica e cultural podiamos crear prensa do corazón por intelixencia artificial, con personaxes e vidas que nos divirtan cas súas ocorrencias. Total, a metade dos que saen na ¡Hola! mostrando as súas casas e vodas non os coñece ninguén.

Comentarios