Opinión

Unha gala para o cocido

Acéndense os focos, recenden os perfumes. Xa desfilan os invitados, que están impresionantes. O Lalín Arena vístese de festa para acoller a Gran Gala do Cocido. Actuarán Omar Montes e a París de Noia.

Eu ando nervioso porque son o presentador do evento. Descúlpenme cando tatexe ou salte o guión, ese que sosteño trémulo na tarxeta que ao dorso ten unha cachucha de porco pintada. Ou cando chame conselleira ao subdelegado da IXP. Que lle vou facer eu se Rodrigo Vázquez, o seu encanto e a súa dentadura branco Hiroshima non puideron vir. Tamén xa sería abusar el de cool despois de conducir o Benidorm Fest, aí tan modernuchi coas unllas pintadas. Por superar ao Rodrigo en algo vou cun vestido escotado e brillante a ver se teño un aire a Harry Styles nos Grammy ou Salomé en Eurovisión. Sentados en brancas cadeiras de xardín a poucos metros teño a autoridades, restauradores, produtores e todo o mundo que vai recibir un premio. E créanme, son unha chea. Eu sigo nervioso, pero vou afacéndome. Cando anuncie o tema que nos vai cantar María del Monte e ela entre no escenario vestida de flamenca e chiscándome un ollo seguro que nin se me nota.

Isto da Gala do Cocido é un invento real pero marabilloso. E claro, todo o real é susceptible de ser mellorado pola fantasía. Non pensen na fabulación como válvula de escape dun mundo que non nos gusta, iso é unha tristeza enorme. Lauren Postigo enfadábase entrevistando a Lola Flores: "Pero Lola, cómo puedes jurar por Dios mintiendo tanto?" "Porque yo cuando invento hago las cosas verdad". Concédolles que se a vida nos aboca ao drama a evasión ten o seu sentido. Nese caso podemos tomalo en consciente malabarismo entre a fuxida e resignación, ese "ea, de ilusión también se vive" que cantaban Los Chichos, ou se toleamos de todo, como a obscena trapa sentimentalista daquela aborrecible La vita é bella. Pero acordarán comigo, que son vostedes lectores amigos da cultura e a troula, en que así a todo a vida resulta unha sucesión de prodixios sempre dispostos á reviravolta e o tuneo.

Déixenme volver ao meu Lalín Arena. O Teatro dos Soños deixa de ser Old Trafford e materialízase sobre o Deza. Quero adornar un pouco máis esa fantasía. Sabemos que a Gala do Cocido vai ser un crossover co Luar. Crossover é cando xuntamos dous mundos de ficción nun só: válenos como exemplo King Kongs vs. Godzilla ou aquel capítulo de Magnum onde compartían investigación Tom Selleck e a Angela Langsbury de Escribiuse un crime.

Odio admitir que non me emociona a idea de que Gayoso oficie fóra do sacrosanto Plató 1000 de Teo, pero un cocido ben merece que a Catedral Mundial do Folclore dos Pobos sexa ambulante por unha noite. Vexamos eses convidados, guapísimos como lles dicía, algúns arriscando cos outfits, outros máis conservadores, elevándose sobre a alfombra verde. A escolla desta cor ten que ver cas verduras do prato que celebramos. A polémica foi inevitable: contra a establecida querencia pola tonalidade profunda e marcial do grelo, que ten un verde case Zelenski, rebelouse a brancura do repolo. Ese repolo acaramelado que chaman Lorena e que adorna os cocidos do sur de Galicia. Resolveuse o asunto cando unha startup local acudiu ao bazar chinés a por unhas luces led que van alternando a cor.  Ese despregamento tecnolóxico nunca se viu en ¡Murcia, qué hermosa eres!. Os emprendedores van recibir un premio tamén, obvio. Ogallá demoren no discurso de agradecemento para así facerme unha foto con Ortiga e Pili Pampín, que xa estarán cos micrófonos na man.

Na lista de invitados guapos tiña que estar Fran P. Lorenzo. O seu A festa equivocada (Rodolfo e Priscila) está a ser un feliz fenómeno editorial. Entendámonos co de fenómeno; vai pola segunda fornada e iso fóra da órbita Xeralaxia está moi ben. Moi ben dentro da escala do 8%, que son os libros vendidos en Galicia que están en galego. Un dos artigos xornalísticos desta escolma fala do cocido. Fran ten unha gracia e unha elegancia tremendas. E forza e convicción. Escribiu estas crónicas entre 2003 e 2010: entón meteuse cos curas, que en Santiago mandan moito, cando estes trouxeron de bolo a Bieito XVI. Montáronlla e cancelárono. Con esa peza remata o libro e toma sentido que esa festa, na que Fran non semella estar nunca contento de todo, nin cando gobernaban os seus, ía rematar regular. É imposible non estar con el. A referencia ao cocido ía para tirarlle hate a Fraga, algo moi daqueles tempos. A min do libro, como do cocido mesmo, gústame a escolla de encherme do que me presta e prezando os gustos alleos, desfrutar do que non me chista. E enfouzarme.

Comentarios