Opinión

E Kim Kardashian dixo basta

Agás que leves unha revista punkarra e saques a Mahoma na portada, a única manifestación artística coa relevancia necesaria para alporizar á xente allea ás polémicas culturais é a moda

O cine? Como espectáculo de masas, máis morto que Carracuca. Do rebumbio que houbo con As bestas xa falamos aquí, que si tremenda aldraxe por mostrarnos salvaxes ou ben lle estivo ao hippy por meter os fociños. Pero realmente eran opinións que non precisaban de ter visto a película. Da literatura, qué lles vou contar da súa capacidade de marcar discurso público sen que escachemos da risa. O que si dá que falar son a arquitectura e o urbanismo, case sempre para mal. Unha peonalización ou reforma de calquera espazo común sempre vai congregar unha chea de afectados; que se non se pode aparcar, que se os africanos usan os bancos para fumar porros, que se antes a praza era moito máis bonita e xogabamos os nenos porque todo era precioso cando tiñamos doce anos. Será porque das ansias megalómanas dos que definen os nosos espazos cotiáns non se pode escapar, ao contrario que enguedellarse sobre se a ganadora do último Xerais aburre ás ovellas.

Cando Balenciaga vende uns tenis rebentados por dous mil euros faino polas risas, pola aldraxe e pola publicidade. Ten un aquel moi artístico esas tres liñas de calzado informal que chaman destroyed edition, e que canto máis desfeitas están máis exclusivas e máis caras son. Tamén estamos a falar dunha casa que leva anos vivindo na provocación. E pásanse, claro. A campaña de accesorios onde fotografaban nenos onda parafernalia BDSM valeulles o cancelo #cancelbalenciaga, vídeos de tiktok onde a xente queimaba os seus produtos e unha vaga de denuncias por pornografía infantil que estiman nuns 25 millóns de dólares. Kim Kardashian e o seu estilo hipersexualizado, de cús, peitos e beizos enormes inspiradas no tópico das latinas e negras foi das primeiras en ser abenzoadas por Balenciaga. Pero xa pasaron dez anos e a nosa Kim perdeu peso e quitou as próteses, xa non lle mola a estética da marxinación. Tampouco nos imos sorprender, meus cultivados e espelidos lectores, ca sublimación da pobreza por parte dos privilexiados: alí están os poemas de Virxilio ou as pinturas de Boucher dicíndonos que ogallá levar unha vida pastoril, así de chill.

Ela pasou de todo porque se fixo de ouro no proceso, pero a Kim Kardashian puxérona podre. Por unha banda que si como tremenda choni merecía ser elevada á categoría de icona de estilo, tan allea aos cánones tradicionais. E logo pola outra que si tanta apropiación cultural e facer tanto orgullo da trivialidade eran o demo feito muller e silicona. Nun nivel de virulencia algo maior porque toda Kim é excesiva, pero as críticas son as que recibe a moda dende sempre.

Non argumento mellor contra os do eu da moda paso que Maryl Streep en O demo viste de Prada: "Ti, que pensas vivir allea ás tendencias, colliches ao chou ese xersei do armario pensando que é azul, pero realmente é un cerúleo que sacou Óscar de la Renta, logo copiou Saint-Laurent, de alí a todo o mundo e por fin ao supermercado ou cubo do lixo onde o atopaches". De todos xeitos vestir mal ou descoidado non implica ser alleo á beleza: cando o tranvía levou a Gaudí por diante tardaron en atendelo porque o confundiron cun mendigo. O fulano vivía en plan eremítico, deixado das cousas do mundo que non fosen a súa obra, da que excluía o súa facha. Conta Patty Smith que cando ela e mais Robert Mapplethorpe tiñan 20 anos e ían por Manhattan vestidos de artistiñas había turistas que lles tiraban fotos por se eran famosos. "Por favor, para, se só son uns rapaces!", saltou o acompañante dunha destas señoras.

O libro chámase precisamente así, Just kids. Os creadores teñen unha relación complicada ca moda e non sempre recoñecen como iguais a quen a ela se dedica. Actores e actrices adoitan ser moi conscientes da súa aparencia, igual porque viven da súa imaxe, teñen unha chea de tempo libre e habitualmente unha intensa vida social. Todo o contrario que os escritores e escritoras. As excepcións son raras. Oscar Wilde, Vicente Risco. Ou Xesús Fraga. O autor de Virtudes (e misterios) recolleu o Nacional de Narrativa da man da raíña Letizia, que a tiña cabo do seu brazo fibradísimo. Levaba un sinxelo traxe gris escuro cunha solvencia tremenda, nada que ver con que o leva como uniforme ou entroido. Esa semana tamén morreu Amancio. Ao escoitalo os nosos corazóns case fan como o do vello futbolista: pensabamos que era o Amancio que lle compramos a roupa de Zara. O fútbol tamén perdeu a batalla contra a moda, malia que para Real Madrid TV foi como se morrese o papa.

Comentarios