Opinión

Ramona, desubicada

Matria vai dunha señora que fala a berros e desafoga no coche escoitando a Los Satélites.
Ramona

O pai de Javito, que era un da Laracha que fora concursar a Gran Hermano, xustificaba os modos autoritarios do rapaz cun "es que los gallegos no decimos ni perdón ni gracias". Ramona, a protagonista da peli de Álvaro Gago, vai polo mundo mandando a todos tomar polo cú porque a vida lle deu malas cartas e fai como boamente pode.  A súa mala sorte é xenérica: traballa a reo no que sexa, está enferma pero non pode coidarse, vive na casa dun señor noxento, ten unha filla vella dabondo como para escapar co seu propio señor noxento.

En Rain Dogs (HBO Max) —que na versión española traducen como Desubicadas— tamén hai señores noxentos a valer. Costello —Daisy May Cooper, á que xa viramos na ultradivertida This Country, o retrato máis cruel do mundo rural dende The Wicker Man— é outra nai solteira, pobre e sen sorte, pero menos previsible. Comeza a serie desafiuzando a Costello e á filla, que terá dez anos, porque deben 3.000 libras, que en Londres han de ser vinte minutos de alugueiro. Despois métense nun taxi, do que baixan sen pagar finxindo que a nena vomita, para ir durmir cunha amiga que traballa no tanatorio do pai tan aburrida como para pasar o día facéndose selfies cos defuntos. A serie é toda así, bastante salvaxe. Vainos dar moita risa de humor negro —"Es como un pai para min, pero un pai dos que viola", dille Costello ao vello que coida e serve como modelo para as súas pinturas eróticas—, pero non imaxes icónicas como as de María Vázquez cun traxe de augas amarelo ou un Peugeot color sangue onde soa Verbena FM. Están as rúas galegas empapeladas cos carteis de Matria. Tamén cos de Soy Georgina, que estrea segunda tempada en Netflix. Outra historia de mulleres e maternidades. O compoñente de clase é lixeiramente diferente porque Georgina está casada con Cristiano Ronaldo e pasa a vida no jet privado e nas copas de iate e as tendas de luxo e coidando dos fillos. Foi na tenda de Gucci onde se coñeceron estes dous: ela dependenta con aspiracións a modelo, el futbolista do Madrid con Lamborghini aparcado en dobre fila. Para traballar nunha destas tendas hai que ter unha paciencia extraordinaria e un autocontrol fóra do común: os clientes que deixan o equivalente a seis meses dun alugueiro en Londres son propensos a pensar que iso inclúe barra libre de despotismo e impertinencia. O soldo tampouco é tanto, pero alí andas no radar das axencias.

As modelos están na cima do estamento dos artistas. No máis baixo, os escritores; todos queren ser cómicos. Un cómico sempre aspira a ser músico. Estes, actores. E por fin, un actor sempre quererá ser modelo. Preguntáronlle os reporteiros a Irina Shayk, exparella de Ronaldo, se mantiña o contacto con el, e respondeulle que da súa vida privada non falaba. Entón, que se seguía a actualidade do fútbol e a selección de Portugal, e que tampouco. Xa por sacar algo en claro, que si estaba a ler. «Pois si, estou con Dostoievski, O idiota».  Son como 900 páxinas, que no ruso orixinal —pois rusa é Irina— igual ata son máis. O de ser xornalista ten que ser complicado, iso de facer falar a quen non quere. Supoño que para logralo haberá que ser malísima persoa, moi insistente ou un fenómeno do seu.

Quen quería ser artista como fose era Ana Kiro. Apuntou alto no ránking: cantante. Concretamente, deses aos que lles gusta moito cantar, pero da música pasan bastante. Ao pai, que era Guardia Civil, a idea non lle facía gracia ningunha. A familia vivía en Barcelona, eles eran de Arzúa. Para escapar do pai, Ana Kiro casa cun señor. Este tampouco lle deixa cantar, así que deixa ao señor cando aquilo non era cousa fácil. Peta nas portas das disqueiras catalás e ficha por Belter. Alí Manolo Escobar vendía discos a moreas e pagaba as nóminas como as lecturas escolares obrigatorias pagan as das editoriais galegas. De Manolo aprendería iso de cantar sorrindo, que é ben difícil. O derradeiro show do almeriense foi en Sada. O público queixouse porque o deu sentado e falando máis que cantando.

Outra actuación célebre foi a de Pucho Boedo no fin de ano 1985. Mostraba unha cor amarela hepática, viña da diálise, morrería en quince días. Ana está con el, incómoda pola man longa de Pucho e porque ela, de cantar a dúo, pouco. Outros contidos foron eliminados para a preservación do mito: as fotos de María Callas gorda, as súas pelis malísimas, a última entrevista a Andrés do Barro. Con todo, quedamos cos nosos referentes imperfectos. Quedamos no Peugeot de Ramona escoitando musicón.

Comentarios