El tiempo
viernes. 03.02.2023
El tiempo

As receitas de Julie para un señor de Murcia

A Julie Andrieu, a gastrónoma de As receitas de Julie, propúxolle Harvey Weinstein facer un programa en América. E de paso, comer sushi el sobre o corpo nu dela. A de pailanadas que ten que escoitar unha, pensaría.
Julie Andrieu. EP
Julie Andrieu. EP

EU BOTARÍA A RIR, porque Julie é unha señora estupenda e moi agradable con todos, ata cun depredador sexual metido a produtor. Supoño que para deixalo en evidencia dun xeito elegante preguntaríalle se a cociña da súa infancia era como a que describe Bill Bryson na súa esmendrellante autobiografía, Life and Times of the Thunderbolt Kid. "Na miña casa non se comía: pasta, arroz, allo, maionesa, carne en lata, pastrami, salami ou comida estanxeira de ningún tipo; pan que non fose branco e un 65% de aire, aderezos que non fosen sal, pementa e xarope de pradairo, peixe que non fose rectangular e escintilara en cor laranxa, e iso só cando era venres e mamá caía na conta de que era venres, algo que non pasaba de cotío". Tampouco "sopas que non contasen ca beizón de Campbell’s e nada con sospeitosos nomes rexionais como gumbo nin calquera cousa que noutra época fose propio de labregos ou escravos. O curry, enchilada, tofu, baguels, sushi, yogur ou calquera queixo que non fose tan amarelo brilante como ver a túa reflectida nel éranos descoñecido".

Que un americano faga carallada co mal que comían na Iowa de 1960 sempre o imos recibir co entusiasmo de cando nos poñemos o traxe de finísimos europeos. Paren este pensamento, que é sumamente cuñadil. Como se en tantas casas españolas non se cease, ata hai dous telexornais, tortilla de patacas tódalas noites sen que a pobreza material condicionase esta escolla. Ou salchichas con patacas fritas vendo o televisor a escuras. Así a todo o papel da tele na mellora da nosa alimentación é tremendo: pode que na casa de Bill Bryson preferisen Bonanza, pero naquela época Julia Child popularizou unha versión doméstica, con ingredientes accesibles, da cociña francesa que daquela era propia unicamente de restaurantes elegantes. En Galicia e en España o mesmo: inda que outros seguisen a ver Bonanza, que tampouco eran mala opción as movidas dos Cartwright, malia que ao seu cociñeiro chinés non lembro que fixese outra cousa que roubar comida. O actor que facía del era un toliño dos fogóns que morreu nun escape de gas no seu apartamento de Hollywood.

Foi en Londres un día de inverno cando Sylvia Plath meteu a cabeza no forno. A mellor poeta do mundo era tamén tremenda lambona. Unha das mellores contas do twitter é @whatsylviaate, que recolle fragmentos da súa escrita onde fala da comida, á que se definía como «atada», e a lista é enorme e deliciosa: «Quedei en pixama nunha escandalosa preguiza. Comín mazás, plátanos, pan de malte e mais café fervendo nun almorzo que durou dúas horas». Tamén é curiosa a benevolencia ca que nos asomamos á desorde alimenticia dunha muller nova, branca e atractiva. A Aretha Franklin, que era negra e gorda, non lle bastaba con ser unha estrela para que non a botasen dos hoteis. Pingaba as alfombras ca graxa que lle caía dos petos do seu abrigo de visón, onde gardaba manciñas de porco fritas para cando lle entraba a fame.

Eu acórdome moito de Sylvia, especialmente cando vexo alguén comer ostras, cousa da que eu paso. Son moi típicas de Massachusetts, de onde era ela. Alí cómenas de mil xeitos, ata fritas. Na praia venteada ela recollía as cunchas, e cando marchou á tristeira Inglaterra da postguerra botábaas mil a faltar. Acordei dela porque con ostras a 1,50 comeza un video de Tiktok que por favor, teñen que botarlle un ollo: é unha sesión no restaurante Mariscos a lo Bestia, en Murcia. É como unha voda onde ninguén se coñece, unha voda das de hai trinta anos, pero con animación e diversión coreografada a cargo dos empregados. E comida, claro, a rebentar. Concretamente, botando especies mariñas ‘random’ ao prato, dende un carretillo e cunha pa de obra. O viño sírvencho coa sulfadora. En Galicia, onde os sitios de comida a fartar foron pechando e os menús nupciais progresando a unha escala humana, chama a atención fundamentalmente pola falta de respecto á comida. Vale que o do viño pódese ver na barra brava da Festa do Albariño, pero sexa por as nosas fames pasadas xogar ca comida fainos mal no corpo. 

Así a todo case non lles falei de As receitas de Julie. Somos moitos os fans deste programa de inspiración gaullista que máis de cociña tradicional francesa, vai de cultura e viaxe. Coches vellos e mesas longas, algo moi do noso gusto. Tamén saben a quen lle ía flipar, claro. Ao noso Álvaro Cunqueiro. Está ancorado en 1970, calquera innovación fai torcer o fociño e non sae un negro ou árabe, literal.

As receitas de Julie para un señor de Murcia
Comentarios