Opinión

Que veñen os madrileños!

Chulapa e chulapo. ARQUIVO
photo_camera Chulapa e chulapo. ARQUIVO
EN MADRID viven Mourelos, Manel, Leti, Diego, Gerardo, Miriam... Colleron as maletas na procura dun futuro para o que Galicia non tiña plan. Na capital residen uns 80.000 galegos nados de Ancares para acó. E só falamos dos de primeira xeración. Cada vez que escoito estes días "coidado, que veñen os madrileños!" imaxino chulapos a moreas subindo por Pedrafita en flamantes maseratis. Imaxínoos coa súa bronceada cara de cayetanos cuspindo coronavirus a babor e estribor mentres cruzan As Nogais. Imaxínoos tamén lanzando máscaras infectas desde os seus deportivos sen capota cando pasan por Baralla. Pero logo vexo as fotografías da A-6 e está baleira. Non hai hordas de madrileños. Só medo. O mesmo medo de sempre. O medo do holandés que despreza ao español. O medo do español que alcuma chinés ao virus. O medo do pobo que intenta frear a pedradas un autobús cheo de anciáns en Andalucía. Logo penso nos meus. En que levan tres meses pechados, confinados na súa propia soidade e nesa soidade xorda que emerxe do barullo das grandes cidades. Desexando vir. Escoitando como desde a súa Galicia estrañada se fala dos "malditos madrileños". E penso no día en que volverán: os afortunados farano —cando lles dean permiso, porque son canto menos igual de cívicos que os que estamos por aquí— nun modesto utilitario; a maioría virá en BlaBlaCar ou no eterno tren da capital. Que veñan os madrileños!

Comentarios