jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Tacna, cidade heroica

Cidadáns venezolanos durmindo nunha carpa militar en Huaquillas (Ecuador) a finais de 2018. Desde alí tentaban ingresar no Perú a través da fronteira sur. JOSÉ JÁCOME
Cidadáns venezolanos durmindo nunha carpa militar en Huaquillas (Ecuador) a finais de 2018. Desde alí tentaban ingresar no Perú a través da fronteira sur. JOSÉ JÁCOME

Tacna, orgullo peruano recuperado a comezos do século XX, despois da infrutuosa Guerra do Pacífico, é unha próspera vila mineira e agrícola, último núcleo urbano antes do posto fronteirizo con Chile. Do outro lado, Arica, unha das cidades máis secas do planeta. No medio, dous aeroportos e un posto fronteirizo que nos últimos días ferve con xente chegada do Caribe para recuperar os soños perdidos do ouro negro do delta do Orinoco.

Só Perú recibiu a máis de medio millón de venezolanos en 2018. Un acto de solidariedade encabezado polo xa moribundo ex-presidente PPK, que tiña máis de boas intencións que dun plan estratéxico

A historia é ben sinxela. Cando o pobo venezolano dixo basta a un réxime que sempre se negou a xerar a riqueza que pretendía redistribuír, moitos países suramericanos abríronlles as portas aos migrantes. Só Perú recibiu a máis de medio millón de venezolanos en 2018. Un acto de solidariedade encabezado polo xa moribundo ex-presidente PPK, que tiña máis de boas intencións que dun plan estratéxico para absorber man de obra no incanato. Chegaron moreas de venezolanos, case todos en bus ao principio, desde Cúcuta (Colombia) ata a entrada de Perú en Tumbes, onde os mangleiros tropicais dan paso a unha das costas máis áridas do planeta.

Chegou un punto no que os que chegaban xa non tiñan pasaje para os buses, xa fora por falta de aforros esnaquizados pola hiperinflación bolivariana, ou por mafias que os estafaran polo camiño. Chegaban, no mellor dos casos, cunha maleta, despois de cruzar a pé grande parte de Ecuador. Unha verdadeira desbandá, pero sen aviación franquista acosándoos.

O pasado 15 de xuño Perú comezou a pedirlle visa aos venezolanos que entran no país. Moitos non teñen nin pasaporte. Saíron de Venezuela coa noción, correcta nese momento, que os países do Club de Lima lles deixarían entrar con pasaporte caducado ou coa cédula de identidade

Sen saber moi ben como, a maioría chegaban finalmente a Lima, informal e caótica ela, extremadamente neoliberal para a clase obreira venezolana. Poñíanse, e póñense, a vender o que poden nos buses, arepas nas rúas, ou a limpar as casas da nova clase media limeña. Aos que mellor lles vai, traballan en perruquerías, cafeterías, discotecas ou emprenden con pequenos comercios ou sangucherías, case sempre infraempregados e cobrando na maioría dos casos o salario mínimo, uns 240 euros ao mes.

Chegaron noticias de que en Chile era outra cousa, un país máis formalizado, con mellores salarios e máis oportunidades. Tacna converteuse en Tumbes, pero sen mangleiros. Centos de venezolanos comezaron un novo viacrucis a Arica, Antofagasta ou Santiago (de Chile).

Suramérica vive unha das peores crises migratorias da súa historia. A solidariedade inicial topou cunha realidade que está a desbordar a países que non contan con sistemas de protección social

O pasado 15 de xuño Perú comezou a pedirlle visa aos venezolanos que entran no país. Moitos non teñen nin pasaporte. Saíron de Venezuela coa noción, correcta nese momento, que os países do Club de Lima lles deixarían entrar con pasaporte caducado ou coa cédula de identidade. O día 20 Chile fixo o propio. O resultado son centos de venezolanos, moitos sen cartos e en situación de vulnerabilidade extrema, atrapados en terra de ninguén, entre Ecuador e Tumbes, ou entre Tacna e Arica. ACNUR fai o que pode. Os gobernos da zona tamén. Pero menos que antes, non vaia ser que as clases populares locais se sintan desprazadas ante tanta atención ao migrante.

Suramérica vive unha das peores crises migratorias da súa historia. A solidariedade inicial topou cunha realidade que está a desbordar a países que non contan con sistemas de protección social tan extensos como os existentes en Europea. Curiosamente, Europa e os Estados Unidos, desta volta, observan cos ollos vendados. Tacna, mentres tanto, segue sendo lugar de paso de pequenos heroes procurando unha mellor vida.

Ian Vázquez Rowe é profesor de Enxeñería Civil na Pontificia Universidade Católica del Perú.

Tacna, cidade heroica