Sábado. 16.02.2019 |
El tiempo
Sábado. 16.02.2019
El tiempo

Un anel feito cunha culleriña de prata

O festival de Wodstock deu nome a unha xeración de nenos, algúns de pai tan descoñecido como as tumbas dos soldados enviados a Vietnam

O PRIMEIRO que vexo cando me ergo é unha árbore que é tan alta como a Lúa dende a que se poden ver os soldados de Cataluña. A copa queda de par coa ventá da cociña. Cando torturo laranxas da China esmagándoas para extraerlles o zume distraiome contempl¡ándoa. Non me pregunten pola raza da árbore porque sei tan pouco do tema como de marcas de cans.

Esa árbore escondeu parellas de merlos funerarios durante quince anos. Dun inverno para outro foi ocupada, non sen certa violencia, por dúas pombas turcas. O meu sogro enfadábase cando nos visitaba. Poñíao enfermo asomarse e velas. Alegaba que eran "representantes do poder duro".

Todo este conto viña a que o martes saín da cama co clarexar, que se despregara coma unha banda municipal. Sentín unha obertura de estorniños que exercían o poder brando. Alegráronme a mañá, pero empecei a preguntarme polo xeito en que desprazararan da árbore as aves otomanas.

Pensando no exótico de que unhas pombas turcas estableceran un Torrejón de Ardoz nunha árbore de Lugo, acordei do exótico de que militares norteamericanos se desprazasen 15.000 quilómetros para combater as veleidades comunistas dun país de inofensivos labregos analfabetos. Temo que nos arrozais non sentiran falar da plusvalía.
Empecei a curiosear en internet. Dei nunha páxina cunha simulación para calcular a túa sorte na lotaría de ir a Vietnam. Como me licenciei no 1985 co grado marcial de obxector de conciencia, entendín que non me tocaría ir; pero estaba equivocado. Que sucedería se chego ser un rapaz norteamericano nacido nos anos 40? Tería regresado a miña sweet home Alabama en posición horizontal e co corazón partío pola bala dun charlie.

Ese sorteo conduciume a pensar en Manuel Sicart, o xornalista da Pontenova que viviu A Década Prodixiosa —entre 1965 e 1975—nos Estados Unidos. Cando aterrou no John Fiztgerald Kennedy, Estados Unidos levaba dez anos obrigando a mozos a morir e matar pola súa patria. Debe ser o motivo máis insustancial para deixar este mundo.

A Creedance Clearwater Revival cantaba, Fortunate son (1969). O compositor, John Fogerty, declarou que se inspirara nos netos de Nixon e Eisenhower que eran noivos. "Julie Nixon estaba saíndo con David Eisenhower, e daba a sensación de que esta xente non estaba comprometida coa guerra". Ao cabo, casaron e David —de 21 anos— quedou exento do cupo bélico. Quen o pensaría.

—A miña banda favorita é a Creedance —comentaríame Sicart no noso encontro—. Ao volver a Lugo picábaos na radio, pero ninguén os coñecía.

Hai medio século, en 1969, o poder brando volveuse contra o duro no festival de Woostock


Estados Unidos coordinaba nos 60 o seu poder duro —imposición militar— co seu poder brando —influencia do seu modo de vida— para dominar o mundo. Hai medio século, en 1969, o poder brando volveuse contra o duro no festival de Woostock. A mocidade fartara de ser enviada onde Cristo perdeu a sandalia. 55.000 soldados desencantados volveron en cadaleitos e houbo moitos milleiros máis que non regresaron con todas as extremidades.

Woodstock fora concebido para 40.000 persoas e recibiu 500.000. Houbo outros milleiros que non deron chegado a aquela campa a 80 quilómetros de Nova York. Unha chea de rapaces quedara atrapada nun atasco que semellada contado Vello Testamento. Manuel Sicart estivo alí para contalo.

—Polo que eu investiguei, e cando algo me interesa investigo a fondo, fun o único español en Woodstock. Había moitos portorriqueños. Tamén cubanos porque Carlos Santana era xa coñecido.

Este ano cumpriranse cincuenta deses tres días de concerto, así que quixen escoitar o testemuño de Sicart. Como vive en Lugo citeino no Café do Centro.

—Veño de correr pola muralla, logo me preparo e vou —explicoume sen presunción, desprezando os seus 77 anos en comparación cos meus 53.

Manuel apareceu fundido en negro, delgado e cunha melena branca que escapaba discretamete da caluga. En canto empezou a falar, comprobei que mantén a habelencia para modular a voz —deixando morrer cada frase nun ton grave—; a expresividade de abrir os ollos e estender as palmas das mans, e a capacidade para artellar un discurso interesante. Por conservar, conserva mesmo a culleriña de prata que leva como anel dende que llo regalou unha exmuller —penso que se chamaba Marsha—. Ela advertiulle de que el morrería cando se gastase.

A primeira esposa, el e máis un par de amigos alugaron unha caravana e viaxaron con dous días de antelación ata Woodstock para instalárense.

Os veciños quedaron horrorizados diante das hordas hippies. Bob Dylan vivía daquela en Woodstock para recuperarse dun accidente de moto. Debeu de quedar horrorizado a mañá na que asomou á ventá coas muletas e o sorprendeu que no campo agromaran milleiros de flores con melenas, chaleques de coiro e pantalóns de campá. O susto veulle por non consultarlle a Elvis. O cantante xa advertira a Richard Nixon, avó de Julie, nunha xuntanza secreta de que Woodstock era un lavado comunista de cerebro para derrotalos en Vietnam a base de poder brando.

A organización houbo de desprazarse a outro sitio. O Festival de Música e Artes de Woodstock non se fixo en Woodstock, pero si que contou con Jimi Hendrix, Janis Joplin, Joe Cocker, Joan Baez e The Who. Manuel Sicart confirmoume que tamén vira actuar a Creedance Clearwater.

—Pero, se tocaron, por que non hai gravacións como as hai dos outros?
—Porque os meteron de madrugada.Paraceulles un desprezo e negáronse a ser filmados.

Bob Dylan rexeitou tamén actuar para os que o espertaran aquel día de agosto no que se sentiu asoballado polo Moby Dick da multitude. Como a autovía estaba anegada de coches, os artistas viaxaron en helicóptero. Imaxino a Hendrix, aparvado polo ácedo, descendendo sobre as masas terrenais coa expresión feliz dun deus hindú. Os cálculos dos promotores en canto a comida, bebida, letrinas e asistencia sanitaria quedaron ridiculizados pola asistencia. Houberon de recorrer tamén a un maná aéreo para subministralos.

Manuel Sicart sobreviviu dous matrimonios a corazón aberto.


Sicart define Woodstock con tres características: «Sexo, drogas e rock and roll», presididas polo lema Fai o amor e non a guerra; que é como Todo pola patria en idioma epicúreo .Soamente me atrevín a preguntarlle que polo rock and roll, porque o sexo e as drogas son asuntos íntimos, pero el xa me fixo ver que "eu estaba coa muller, pero te perdías e podías tardar o día enteiro en atoparte de novo, de non ser que pasases pola caravana". Entendín que se refería a Linda, e non á que lle regalou o anel de prata. O xornalista está tan forte que pode soportar o amor ata límites que debería estudar a ciencia. Sobreviviu dous matrimonios a corazón aberto.

Sicart volveu a Lugo en 1975 tras atravesar A Década Prodixiosa (Vietnam, Nixon, chegada á Lúa, asasinatos de Martin Luther King e Bob Kennedy,...) nos Estados Unidos. En España morrera Franco nunha cama de hospital como un pensionista entrañable. Parecía que empezaba unha nova etapa. Agora xa non o parece tanto. O poder brando do fascismo é o máis eficaz.

Un anel feito cunha culleriña de prata
Comentarios