martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Antón Reixa volve ao deserto de Grenlandia

No deserto atopa un o mesmo que na vellez: soidade, abandono e desánimo. Antón Reixa atravesou un Sáhara de 18 días en coma. A crónica desa viaxe polo Gobi do real é o libro 'Michigan, acaso Michigan'

Antón Reixa
Antón Reixa

ANTÓN REIXA sostén que "hai casos que parecen solemnes". Non pode haber maior solemnidade que coincidir cun presidente da Xunta e un delegado do Goberno mirando a mesma parede. No Día das Letras Galegas dedicado a Álvaro Cunqueiro, en 1991, Reixa foi ao baño. dun bar. Atopou que o único espazo libre quedaba entre dous señores traxeados. Mirou para a esquerda e recoñeceu a García Sabell, mirou á dereita e descubriu a Manuel Fraga. Poucas veces a música do azar soou tan irónica na súa vida.

—Os ateos somos escravos adoradores e vítimas da tiranía do azar, ese nebuloso santoral do que apenas forman parte San Paul Auster e algúns outros esquizoides inclasificables —afirma Reixa.

O azar empuxouno tamén cara a "un interesante contrato económico" en 2016. A tentación no deserto obrigábao a adaptar as obras de Paulo Coelho, "o letrista de Raul Seixas". Antón Reixa, que combatía «"s pánicos que habitan dentro de nós" —sinala Daniel Salgado— coas novelas animosas de Kafka, pasou a mastigar a "literatura new age" do escritor brasileiro. Como daquela viaxaba continuamente entre Vigo e Madrid, subía a trens de horario en diferido e aproveitaba para saber de que ía O Alquimista e outros prospectos de "literatura new age".

Foi casualidade que eu estivese con Antón o día de 1996 no que marchou Lois Pereiro. Viaxabamos a un concerto que Nación Reixa daba en Cáceres. Daquela non distinguiamos entre teléfonos fixos e móbiles. Avisárano no hotel, ao alborexar, e agardou para dar o pésame ata que avanzase a mañá. Cando estabamos nalgún punto calquera do sahara estremeño, deses que fan confundir o mapa co territorio, atopamos un drugstore que prometía gasolina, bollicaos e teléfono. Antón baixou do coche e entrou chamar para dar o pésame. Pareceume que se demoraba de máis. Tal vez fóra a sensación de que o tempo se ralentiza no deserto pola calor e a sede.

O amor permítelle superar o pavor á soedade. O pavor á dor física empeza a remitir, mesmo bromea con "doar o corpo á ciencia ficción"; pero un novo pavor súmase ao aquelarre

Regresou coa cabeza agachada e os ombros derrumbados. Conduciu o Golf negro durante uns quilómetros nun silencio tráxico. Eu miraba a paisaxe contando aciñeiras e pesando a ollos porcos de pata negra. Escondía a curiosidade. Ao final, Antón arrincou a voz:

—Sabes, Jaure? Chamei á casa dos Pereiro para dar o pésame. Non había ninguén e saltou a gravación para deixar unha mensaxe. Falaba Lois.
—E que fixeches?
—Chorar.

Daquela volveu ao seu silencio opaco e eu á miña conta estúpida de gando porcino. O escritor e cineasta conta no seu último libro, Michigan, acaso Michigan (Xerais), que lle presta conducir longas distancias porque lle permite falar so. Nese trance eu debín de ser un atranco para a conversa discapacitada con Lois Pereiro. Se chego a sabelo, teríalle confesado que me gusta perderme en cidades grandes e descabalgadas para poder dialogar sen respostas.

Falar so permite elixir a conversa e darse a razón. Estou encantando con eses aparellos imperceptibles que a xente se introduce polas orellas para facer chamadas telefónicas. Agora podo ir debatindo comigo mesmo por Lugo, onde vivo. As persoas que me cruzo dan por suposto que estou en liña.

Antón Reixa aprendeu a liberación de dialogar sen réplica moi cedo: con 16 anos viaxaba de verán por Escocia. Andaba en autoestop, de cidade en cidade, de albergue en albergue. "En Glasgow, un día de chuvia, eu estaba feliz e sentíame a hostia de independente con esa euforia da mocidade. Como estaba chovendo, metínme nunha tenda para me refuxiar. Chovía e eu estaba feliz e, alí, de repente, sentín unha deshinibición absoluta fronte a aquel escaparate e empecei a falar so. Foi un costume que nunca abandonei", contaba en Ghicho distinto (Xerais), un libro de conversas con Manuel Xestoso e Xosé Cid Cabido.

Os soliloquios de felicidade son ridículos contemplados dende fóra como fenómeno do espírito. Nun bar de Grenlandia, o cineasta viu unha botella de McCallan e mantivo un monólogo cun Paul Auster ausente ao lembrar de que ao escritor norteamericano lle sabe ese wishkey.

Os soliloquios do medo son máis respectables que os soliloquios da alegría. Reixa defende que non lle gusta a trascendencia por ter nacido doce anos despois da Segunda Guerra Mundial.

En 2005 a trascendencia asaltouno a través do pánico. "Despois de filmar en Grenlandia, postprodución en Dinamarca e encefalite amnésica en Conpenaghe". A consecuencia do ictus foron "dous meses de mirada negra no sofá da casa", aturando o "medo á loucura e á depresión".

Toda esa enxurrada de pavor volveulle o 27 de outubro de 2016 nun accidente de coche en Villalpando, no medio do deserto de Atacama, en Zamora.

Cando morremos, a alma métese nunha bolsa de plástico branca e marcha levada ás ceibas polo vento. Reixa atopoouse coa bolsa branca no peito, pero era un airbag. Salvara a vida por segunda vez.

"Politrauma: fractura aberta de tibia e peroné, fractura de calcáneo, vertebra L2, máis unha ducia de costelas rotas, contusión pulmonar que pode provocar colapso respiratorio e que aconsella coma inducido durante 18 días". O único que lle quedou "intacto" foi o insconsciente, que seguiu co seu diálogo solitario.

O escritor vigués recuperou bobinas imaxinadas nesas dúas semanas para incluílas en Michigan, acaso Michigan. Eses delirios son o menos interesante do libro. Traslucen un Reixa consabido de surrealismo e humor. Fascinoume no seu momento, pero o surrealismo é un caleixón sen saída. Pasada a sorpresa primeira carece de discurso.

As consecuencias do accidente son as que fan agromar a trascendencia nesta obra. "Pánico a esquecer fechar un paréntese. Pánico á tetraplexia. Pánico a unha amputación, como a de A. Pánico a entrar en prisión".

Horror a volverse débil. Reproduce unha conversa co asistente de radioloxía, que lle di:

—Tranquilo, eu son galego.

O ferido, animado por esa consanguineidade imprevista, lánzase a preguntar:

—Cres que terán que amputar?
—Uuuiii! Ese pé dereito...

É sorprendente a eficacia coa que combatimos o medo valéndonos de obxectos que temos pola casa. O feito de atopar un galego nun equipo sanitario fóra do país non varía as posibilidades cirúrxicas, pero dispara o ánimo.

Bota tres semanas para recuperarse nun "resort de melancolía e de insoportable malestar do paso do tempo". Móvese entre vellos, pero parece non ler o seu futuro nesas caras caducadas. "Convivimos con persoas de sesenta e poucos anos que están nun estado case vexetal, e con maiores de noventa que poden resultar ata vitalistas". Cando recibe a alta, a persoa que o asistiu considera "unha novidade profesional" despedirse dunha persoa que sae mellor do que entrou.

A Antón espéralle o deserto de Grenlandia. Logo o descobre. "A cadeira de rodas que tropeza en todas as portas. Dor. Frío. Porque vai frío e porque non me movo en todo o día. C. cóidame con amor e resiste. Son un histérico demandante. Frío. Dor. O concepto da pobreza enerxética está á orde do día. O prezo da luz varía a cada hora. O Universo, a vida, o tempo poderían medirse en prezo quilowatt/hora".

O amor permítelle superar o pavor á soedade. O pavor á dor física empeza a remitir, mesmo bromea con "doar o corpo á ciencia ficción"; pero un novo pavor súmase ao aquelarre. "Un luns doume de conta de que non poderei traballar en meses e que estou arruinado. Medo. Frío. Dor. O único que teño é medo".

Antón Reixa volve ao deserto de Grenlandia
Comentarios