Opinión

Carlos Oroza facíase as súas colonias

O editor de Vigo Javier Romero convenceu o poeta Carlos Oroza para que se deixase publicar en pepel. Paralelamente, persuadiu a Luis Eduardo Aute para que se atrevese a musicar a poesía exenta do escitor de Viveiro. O resultado é Aute canta a Oroza

Carlos Oroza
photo_camera Carlos Oroza

O VENRES prenderon a calefacción do edificio. A nosa calefacción é de ética xermánica, mancomunada; temos colectivizado o frío.

Como fóra estaba uns señores de verde paseando unha cabra por unha rúa ancha de Madrid, optei por quedar na casa. Non me fío das cabras. Son animais que poden embestirte sen respaldo argumentativo.

A miña feromona patriótica estaba tan desencantada que me deitei nun sofá sueco, apoiei a cabeza nun coxín sueco e me tapei cunha manta sueca.

Dediquei ás horas da tarde previas a baixar aos concertos de Marky Ramone e Pussy Riot a escoitar a Luis Eduardo Aute e ler a Carlos Oroza. O libro disco Aute canta a Oroza permite facelo de vez. A editorial viguesa Elvira vén de quitar esa obra na que Aute —músico outonal de café con leite e galleta Cuétara— canta a Oroza (Viveiro, 1923; Madrid, 2015), o noso escritor máis menesteroso e menos universal.

Ese descoñecemento de Carlos Oroza é inxusto, pero el quixo ser un poeta de corpo presente, un autónomo ambulante dos versos. Para coñecer a súa obra había que frecuentalo. Os poetas que publican libros derivan en sobrantes. Quen vai aturar un poeta cando pode compralo, abrilo, dobrarlle páxinas, subliñalo, depositalo nun andel e mesmo tiralo no contedor de papel e cartón? O autor galego ofrecíase a si mesmo, a súa obra e a súa circunstancia como unha Santísima Trindade. El era o único acceso aos seus poemas; un acceso amable e barato: peonil e ao prezo dun café.

Carlos Oroza deu en botar en Vigo os anos de prórroga. Coas décadas de paxariño desnortado que levara, parecíalle unha casualidade estar vivo. Asentouse na cidade sureña porque apreciaba que non había un lugar tan cargado de luz.

A luz levárao a dar de costas Madrid. Pola luz exiliárase da bohemia; tan exaltada polo espectador, pero tan penosa para quen a padece. Daquela, comer era tan traballoso como compulsar un documento. O pintor lucense Labajjo Grandío contoume que Oroza e mais el botaban o día buscando alguén que lles financiase un menú do día a fondo perdido.

—Cando o conseguiamos, sentabamos a xantar nalgún bar con xarra de latón e televisor vociferante. Carlos probaba unha cullerada, pousaba o cuberto e prendía a falar. Menudo cabrón! Dáballe igual o esforzo que nos supuxera conseguir os cartos.

O poeta era moi delgado. Para ser bo poeta hai que ser pobre e ter unha dieta de pardal. Se tes fame non te deixas entreter polas palabras e es máis conciso. Os mellores novelistas están mantidos. Saben que o café e as galletas están agardándoos cando rematen as 3.000 palabras diarias á media tarde.

Carlos Oroza parecía un santo do Greco ves-tido para acudir ao enterro do conde de Orgaz. Ignoro se lle redactaron unha necrolóxica ao señor de Orgaz, pero a esquela do poeta foi publicada a saba limpa en El País. Escribiulla Manuel Jabois. Certificábanse nela as dúas ocasións nas que o exiguo Carlos levitou. «Una en Gran Vía, a la altura de Chicote. Era de noche y Oroza se elevó unos veinte centímetros ante unos amigos boquiabiertos. La siguiente vez que levitó fue al salir del Café Gijón, acompañado entre otros por Raúl del Pozo. Se levantó del suelo algo más, unos treinta centímetros». Segundo a clasificación dos bolandistas —uns estudosos da levitación—, a elevación da Gran Vía tería sido un ‘éxtase ascensional’, pero a segunda chegaría á altura precisa para catalogala como ‘vuelo extático’.

Eu creo ambos os misterios. Tamén acredito no encontro de Labajjo Grandío con Picasso en Avignon.

—De dónde es usted, Labajjo?

—De Lugo, don Pablo.

—Ah! Daquela podemos falar en galego. Eu aprendino na Coruña, de neno. A luz foi a estrela de Occidente que guiou o poeta galego cara a Vigo e o brillo de Venus que afastou a Acisclo Manzano do marxismo ateo.

—Eu era comunista ata que descubrín a luz —reveloume un agosto o escultor de Ourense.

Acisclo é o escultor de Ourense por definición como Zara é o uniforme do planeta. Juan Tallón desafioume unha vez a camiñar pola cidade s e n a t o - parme a Baltar ou unha estatua de Manzano.

Luis Eduardo Aute define a Carlos Oroza como un espectro libertario que aparecía nos seus lustros dun xeito azaroso. Ao marchar de Madrid o escritor sen escrita desatou o azar. En Vigo amizou co editor Javier Romero, quen acabaría fixando a obra do viveirés en libros de longo alentoConsciente da dimensión oral da súa creación, convenceuno a el e máis a Aute para gravaren un libro disco. Romero envioume un exemplar xeneroso de ‘Aute canta a Oroza’ cun rogo:

—Só che pido que indiques nalgures que unicamente pode comprarse a través da web da miña editorial, Elvira.es.

—Home! Como queres que indique iso? A miña páxina ten pretensións estéticas! —protestei con convencemento.

Xa perdín o fío do que lles contaba.

Todo isto viña a conto de que o venres, o día da cabra desfilante, estiven lendo a Oroza e escoitando a Aute. Despois, recordaría os clásicos dos Ramones e asistiría ao espectáculo sorprendente das Pussy Riot. Gustáronme tanto a melena tinxida e hierática de Marky Ramone, como os pasamontañas de fuorescencia Decathlon que ocultaban ás rusas.

Como ser mortal, Aute ten dúbidas. O cantautor aceptou a proposta de musicar a Oroza cun entusiasmo de primeira hora, pero trasacordou ao considerar que o autor galego concibía a súa poesía para que fose paseada sen brúxula. Carlos Oroza camiñaba cidade ao leste, cidade ao oeste para escribir de oído. El non disimulaba ser un aventado como os peóns que finxen estar falando por teléfono para contarse cousas agradables sen que pareza que manteñen un soliloquio. ‘Loquio’ é a palabra máis próxima a ‘loucura’.

O músico nacido en Manila sabía que os versos de Oroza son longos coma o cansanzo. O cansanzo non consinte descansos, por iso carece de rima ou regras. A métrica volveuse intratable cando Garcilaso introduciu o endecasílabo na poesía española ao seu regreso bélico de Nápoles.

O poeta de Viveiro sentía pavor polas normas, mesmo polas ideoloxías redactadas coa rixidez paralizante dun soneto.

—El comunismo ya no me interesa porque viene a resolver unas necesidades que yo no tengo —advertiu una tarde na Gran Vía. El non precisou atoparse coa luz, como Acisclo Manzano, porque xa lle era amiga de vello.

O comunismo ocúpase de que todas as persoas coman tres veces ao día, pero a Oroza sobrábanlle as tres. Percibíaos coma uns trámites burocráticos que lle interesaban tanto como o resto. En Pontevedra tiveron a humorada de poñer o seu nome a unha escola de hostalaría.

O colectivismo do frío ou da fame non eran solucións para o viveirés. Esas non eran as súas necesidades. Carlos Oroza defendía a soberanía nacional do individuo ata o punto de recender coma ninguén podía facelo. Roubaba colonia nas droguerías e en casas de amigos para mesturalas cunha alquimia persoal. Era o seu xeito de asegurarse de que a súa aura era única.

Comentarios