domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Unha chamada á Policía Sentimental

Hai persoas que se ofrecen a outras con música de Amancio Prada. Ás veces, eses cancións serven para cruzar a fronteira na que a última paraxe do sexo limita co amor

Amancio Prada
Amancio Prada

O SÁBADO anterior saín comprar ovos. Son delicados, non poden comprarse en calquera sitio. Saín compralos en Ribadeo. A miña muller miroume resabiada cando lle falei dunha ducia de ovos ribadenses como unha necesidade urxente cando levaba catro meses sen pisar a vila. Unicamente necesitaba unha coartada para aproveitar a luz lavada do inverno e as conversas cruzadas dos sábados pola mañá.
Así que me botei ao sol fresco da rúa para facerme cuns ovos en Manín, que teñen o calibre de casca que me gusta. A tenda queda a cincuenta metros da casa. O recado había levarme "dez minutos". A muller mirou pola ventá cara á ría, evitándose responderme.

Na rúa de Rodríguez Murias aínda estaba a cara de Amancio Prada nun anuncio do concerto que dera a véspera na igrexa de Santa María do Campo. Aparecía repetido en varios carteis dun azul poderoso, como se fose o Elvis de Andy Warhol. Nesa mesma rúa xestouse un relato tradicional na vila. Fala dun rapaz que fora estudar a Santiago. Botaba mañá e tarde facendo o París-Dakar —unha ruta de 33 bares con saída no París e meta no Dakar—. Estudaba Dereito ata que os pais morreron. Como era fillo único foron tan detallistas que lle deixaron varias casas. Nunha delas, un edificio de brisa habaneira en Rodríguez Murias, estableceuse no primeiro andar. Alugou o segundo a unha enfermeira nova, que tiña a melena tan longa coma os suspiros. Un mediodía, cando el baixaba almorzar, cruzáronse na escaleira. A rapaza sorriu. El interpretou o xesto como unha epifanía de amor.

Pola noite, ela notou un recendo a incenso e mirra segundo entraba no portal. Subindo as escaleiras, sentiu música. Coñecía o ritmo e foi levando o compás petando suave e felizmente no pasamáns. Amancio Prada viña de quitar a súa versión do poema No niño novo do vento de Álvaro Cunqueiro. A enfermeira subía a escaleira cantaruxando ata que atopou a porta do seu caseiro aberta. As luces da casa estaban prendidas coma limóns vellos. O recendo era máis vehemente a cada paso. Pareceulle inapropiado entrar. No tocadiscos, Amancio facía esas alzadas de voz que o caracterizan. "No niño novo do vento hai unha pomba douradaaa/ quen puidera namoralaaaaaa". A enfermeira asoumou á intimidade do caseiro. Había un home deitado. Estaba espido, cos brazos abertos en cruz, coma esgotado de trascendencia. Ela temeuno morto, pero un lirio místico se elevaba no centro do seu corpo confirmando o pulso e o vigor. A mestra escapou. Mandou dous amigos fornidos para recollerlle as cousas ao día seguinte.

Cunqueiro presentouse nunha firma de discos de Amancio Prada en Vigo para darse a coñecer. Aseguroulle ao cantautor que publicara un artigo no Faro sobre o álbum que asinaba, Caravel de caraveles. Prada visitouno catro anos máis tarde, novamente en Vigo, na casa. A sala tiña un aroma denso da augardente de herbas que beberon e das mazás que o mindoniense deitaba nun curruncho onde vivía.

Os ovos. Eu debía volver á casa en "dez minutos" cunha ducía, pero dei un abrazo a Ribadeo para facer conta das aperturas e peches de bares; o pulso da alegría dunha vila. Cando volves ao teu lugar de orixe, tras un tempo longo fóra, a xente sae recibirte coa discrección sorrinte dun recepcionista de hotel. Tan aburridos están de verse as caras os uns e os outros. 

Atopei a Carlos Cid, un filólogo que desminte o seu aspecto de físico cuántico. Mira a través dunhas lentes limpas vivamente, como se asistise á Revelación a cada momento. Inclínase cara a ti profesoralmente cando fala para asegurarse de que estás retendo a fervenza de sabedoría que trasmite. Manifestoume a súa satisfacción de que o libro Introducción a la lógica formal, do filósofo ribadense Alfredo Deaño, influíse tanto a Julián Hernández. O líder de Siniestro Total que escribiu Bailaré sobre tu tumba. "Te mataré con un disco afilado", di a canción, tal e como acontece nun conto de Deaño nesa obra.

Son incapaz de reconstruír agora o xeito en que a conversa foi dar no volume que Lourenzo Fernández Prieto dedicou ás irmás ribadenses Carlota e Fernanda García del Real, Historia de la Guerra Civil contada por dos hermanas.

Gelo leva un tempo tratando de concretar o paso de La Barraca de Lorca por Ribadeo

Sufro de antollos incontrolables, polo que tiven que subir ao Cantón tomar un café. Gelo Rañón tomaba un auga. Gelo é o home máis forte de ambas as beiras da ría e un delicioso bailarín de salsa. Posúe unha cultura inmensa edificada sobre unha curiosidade ancha como o seu peito.
—Gelo, fun escoitarte cantando onte coa coral. Quen era aquel señor de pelo branco que tiñades diante?
—Amancio Prada. Hai que dar cancha aos de fóra, xa sabes.

Gelo leva un tempo tratando de concretar o paso de La Barraca por Ribadeo. Citoume dous artigos vellos de Carlos Cid sobre o asunto. O cantautor berciano falara na súa actuación na igrexa da véspera, que estaba preñada de público, sobre as visitas de Lorca a Galicia.

Prada está en forma, de voz e de posta en escena. O repertorio foi galeguizante —Rosalía, Cunqueiro, Lorca en galego— e tan cosmogónico como cumpría esperar. Por veces, o cantante bicaba a guitarra —ignoro o motivo—, por veces xuntaba as mans e as miraba como se incubase un ovo da pomba dourada do vento.

De regreso a casa, atopei con Lourenzo Fernández Prieto. O catedrático ten esa sofisticación que se prende na roupa de todos os nacidos da contorna ribadense e que eu non coñezo noutro ámbito rural. É tan cariñoso comigo que nunca lle afeo que escriba para a competencia. A Lourenzo pásalle como á ría de Ribadeo, que hai unha nube gris que non lle marcha dos ollos, como se agardase que as ondas do mar de Vigo lle fosen devolver o seu amigo. Eu dígolle de Tito. Non souben do nome artístico que leva no DNI ata que lle vin un libro.
—Sempre tes un aire un aire de melancolía, Tito.
—Son historiador, Jaure.

Os historiadores e os enterradores son evocadores porque traballan co pasado e son amables cando se relacionan coa instantánea orfandade do presente. Un historiador recorda a cada instante que es mortal.
—Tes que presentarme un libro en Lugo. Vai dunhas irmás...
—Non presento libros. A ver se a xente vai crer que son columnista e podo falar de calquera asunto sen criterio ningún.

Lourenzo criticaba a barbaridade de meter o Pórtico da Gloria nunha caixa como se fose unha desas parellas de capóns cebados que lle fretaban a Fraga

Lourenzo tamén me falou de Alfredo Deaño e do sorprendente de que Julián Hernández se inspirase nun libro de lóxica para o Bailaré sobre tu tumba. Julián ten unha cabeza limpa, pero expresarse a través do humor exclúete dos prologuistas potenciais. Daquela apareceu o irmán de Alfredo, Toni Deaño, cun abrigo a xogo co seu sorriso elegante de embaixador. Falamos novamente de Julián e do seu irmán, finado hai bastantes anos.

Tito vén de incendiar a Roma compostelá coa mecha mínima dun tuit. Criticaba a barbaridade eclesial de meter o Pórtico da Gloria nunha caixa como se fose unha desas parellas de capóns cebados que lle fretaban a Fraga nas noiteboas chairegas.

Ao despedirme de ambos os dous, dei regresado á casa dúas horas máis tarde. A muller miroume as mans baleiras. Non se preocupou. Sabe que Manín abre todo o día.

Sentei no sofá e busquei en Spotyfy unha canción que lle escoitara a Amancio Prada no concerto: unha ruada con texto de Lorca. Escoitándoa, lembrei unha noite fría e lucense —vala a redundancia— de dez anos atrás. Volvía para a casa dende o xornal. Paroume unha muller loira con cabeza de mataselos e ollos tristes de sambernardo cativo. Era delgada como a fame.

Contoume que estaba namorada de Amancio Prada e que deixara de ser correspondida. Quería vingarse. O cantante había de actuar en Lugo na semana seguinte. Eu non sabía se avisar a Prada ou tomar aquela tolemia como unha febre pasaxeira. Anos despois souben que o cantante entrara na súa habitación de hotel tras a actuación en Lugo e dera coa muller dentro. Estaba ofrecida coma unha rosa tántrica.

Contáronme que Amancio chamara á Policía Sentimental para que levase aquela ensoñada do seu cuarto e poder durmir en paz. Un día, se me cadra falarlle, contarei a primeira parte da historia, o por que había unha muller agardando por el aquela noite de Lugo. Direille:
—O amor non é, sucede.
 

Unha chamada á Policía Sentimental
Comentarios