Sábado. 23.03.2019 |
El tiempo
Sábado. 23.03.2019
El tiempo

Ese día aciago no que te cargas a cafeteira

Vivín a cola do furacán en Ribadeo. Eu nunca me disfrazo porque me entendo bastante ben comigo mesmo, pero encántame que outras persoas se convirtan en Puigdemont ou en garotas brasileiras por uns días

O MARTES lanceime ao furacán lento que sucou a avenida de Asturias —amplia presumida,como todo o asturiano— con traxes e vehículos feitos a man, con todo o detemento do artesán e toda a fachenda do que se vai amosar. A miña nai é unha señora de Bilbao filla dunha donostiarra tan sofisticada que lle facía abrigos e saias inspirados en Balenciaga nos horrendos anos da ditadura nos que López Rodó non inventara aínda a clase media —ese invento populista do selecto Opus—. A miña nai aínda conserva o gusto. Antes, candos nos víamos preguntábame:
—¿Cuándo te vas a vestir como una persoa?

Ultimamente deixou de humillarme. Ou de humillarse. Nunca entendín se o que a amolaba era que non herdase a súa exquisitez ou as miñas camisetas. Vestirse é un xeito de Entroido perpetuo.

Nunca me disfrazo, veño de contarlles, pero é que o Martes de Entroido non estaba en disposición. Tiña dentro O Can Negro, como chamaba Churchill ás súas depresións. Erguérame pola mañá e puxera a cafeteira; mellor dito, a miña Bialetti, un preciso modelo Moka Express para tres tazas. Eu sei que é a mellor cafeteira porque, nunha tarde con demasiada preguiza de Lugo que sacudirme, achegueime a Roma para comprala. Estiven negociando nunha tenda oficial regateando cunha empregada morena, sorrinte e baixa coma un percheiro no italiano que aquí chamamos galego. Podíamos terme dirixido a ela en español porque era peruana, pero me encanta disfrazarme de falante de diversas linguas que non coñezo.

Naquela mañá de Entroido fun estaricar a cama e recoller a roupa gastada polo día anterior mentres a cafeteira empezaba a deixar escapar o seu fío marrón. Ao volver á cociña atopei a Bialetti envolta en fume como se fose o Vesubio vestido dos gases que asfixiaron a Plinio O Vello, segundo relata o seu sobriño, Plinio O Novo, en preciosa carta a Tácito: "Este fenómeno pareceulle extraordinario a un home da educación e cultura do meu tío, polo que decidiu achegarse máis para poder examinalo mellor". Nin Plinio O Vello sobreviviu a súa curiosidade nin a miña cafeteira sobreviviu ao meu esquecemento de botarlle auga. Asistín, horrorizado, á incineración en tons laranxas e vermellos da goma que terma do filtro. Collín a Bialetti e lanceina pola ventá, sen prexuizo, confío, de peón ningún.

Cando a catástrofe entra na miña vida eu escapo a unha libraría. Fun onda Andrés para comprarlle El Progreso. Como escritor local sempre me sinto reconfortado neses espazos porque hai alguén que che comenta unha nimiedade dun artigo teu ou se desculpa por estar sempre a punto de empezar esa novela que publicaches en 2005. Pero foi que o martes tiñamos unha estrela convidada que eclipsou o meu tímido brillo local. Domingo Villar vén de quitar O último barco (Galaxia, Siruela) e Andrés non paraba de marabillarse dos exemplares que vender en galego naquela mesma e breves mañá. Primeiro dixo unha cifra que me pareceu ofensiva para calquera que publique neste país dupricou a aposta para informarme  das cifras en castelán. Se non me sentía degradado, entrou Javier celebrando que o escritor vigués publicase novamente "después de trece años".  A conversa entre eles decaeu ata o nivel de discutir se pasaran trece anos, ou soamente doce. Tanto ao libreiro como ao lector parecíalles demasiado en calquera de ambos os supostos. Outro cliente de Andrés recén chegado, que non lembro agora como se chama, achegou a súa teoría: 
—O parón veu motivado porque o convidaron a un encontro literario con Hening Mankell e Camillieri, e se viu superado.

En Ribadeo somos expertos en conspiracións. O único ribadense lego en intrigas foi Calvo Sotelo. Déronlle un golpe de Estado.

Eu sigo a máxima de Gore Vidal: "Escribe aínda que sexa unha nota de suicidio"

Eu sigo a máxima de Gore Vidal: "Escribe aínda que sexa unha nota de suicidio". Grazas a iso, non me deixo intimidar polas follas de Excel que me mandan as editoriais unha vez ano co balance de vendas. Con todo, marchei desabrido, humillado, rosmando, sen despedirme.

Busquei acougo noutra libraría. Atopei os Ensaios (1952-2001) de Gore Vidal, que marcaban 49 euros, pero que Pablo me advertiu de que me cobrarían a quinta parte. Xa metido en gastos fíxenme tamén coa edición en tapa dura (Edhasa) de Big Sur y las naranjas del Bosco de Henry Miller. Vidal critica outro libro de Miller, Sexus. "Cómpre sinalar que unicamente un narcisismo como o de Henry Miller podería ter escrito un libro que trate de Henry Miller". O crítico resume o libro en tres poses. "Pose numéro un: Henry Miller, o atleta sexual. Pose número dous: Henry Miller, o xenio literario e a forza da natureza.Pose número tres: Henry Miller e o cosmos (lévanse ben)".

Gore Vidal asegura que non lle desagrada a literatura da confesión e louba "os éxitos, non tan distintos, de San Agustín e Jean Genet". "Pero para que a confesión acade a condición de arte, é preciso dicir a verdade".

Leo Caldas dubida ás veces sobre se debe ser sincero, pero acaba sucumbindo ao vicio da honestidade. Caldas é o detective que lle resolve as novelas a Domingo Villar por moito que sexa el quen as asine.

O único que me disgusta de Domingo Villar non é o ataque á miña dignidade que sufrín pola súa culpa en Ribadeo. Nesta terceira novela hai un detalle feo case que ao principio: "Dúas semanas máis tarde, cando a unidade de Leo Caldas detivo a banda de atracadores, o xoieiro envioulles unha cafeteira nova. Ninguén sabía se o fixera por gratitude ou por compaixón, pero, non sendo Ferro, que estrañaba o resaibo queimado que deixaba a antiga, o obsequio do xoeiro reconciliáraos co café da comisaría". Crecido polo agasallo, Caldas bota a novela apostando cafés.

Non me atrevo a afirmar que Domingo Villar voaría a Roma coa compra dunha cafeteira por toda finalidade; pero o seu detective, si. "Agradáballe o recendo do café recén feito, pero o que máis lle gustaba era ver como o fío do café ía formando ao caer unha capa de escuma da superficie".

Os ritmos dos escritores son distintos. Hai escritores de rock and roll e escritores de jazz


O escritor ama o artesanal ata o punto de escribir 800 páxinas durante 8 anos; que son os transcorridos dende A praia dos afogados, aínda que as esperas estariquen o tempo como se fose masa do pan. Os ritmos dos escritores son distintos. Hai escritores de rock and roll e escritores de jazz. Domingo Villar escoita o piano suave de Bill Evans cando escribe.

Hai tres anos falei con Villar en Lugo. Rematara 450 páxinas sobre a desaparición de Mónica Andrade, a filla dun cirurxián de Vigo. A novela había de chamarse ‘A filla do doutor Andrade’, pero xa cambiara o nome por Cruces de pedra e acabaría sendo O último barco. Siruela tiña un borrador en 2014. Preparou a edición para dous meses máis tarde. Cando estaba todo listo para publicar, repararon en que o autor non lles entregara a versión definitiva. El deu unha explicación inconcreta: "Non fun todo o honesto que debería cos lectores. Escondín a cabeza e púxenme a escribir".

Houbo unha acontecemento importante: a morte do pai. A maiores de perder o proxenitor, Villar perdeu un escoitante. Escribía polas noites e, ao erguerse, lía a xeada negra daqueeles folios ao pai por teléfono. "Valoro moito a musicalidade".

A ese feito sumouse o peche do bar Eligio, que frecuenta Leo Caldas, en xaneiro do 2015. Carlos cambiara o nome dos chipiróns afogados por chipiróns Leo Caldas. Ao contrario da convicción de Domingo Villar de que debe ser honesto cos lectores, o seu detective sigue gozando dos chipiróns do Eligio. Un día de frío suxire a Carlos  que dea tapa de caldo.

O propietario do bar mírao perplexo: 
—E que fago coa calefacción?

Ese día aciago no que te cargas a cafeteira
Comentarios