lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

A Falange Española coma nación celta

A lectura de La hermandad de los celtas de Carlos Núñez supúxome un alivio. Recuperei o termo celta, que levaba mudo no meu vocabulario dende que un arqueólogo me mirou mal nun supermercado e impúxome o de castrexo

NAPOLEÓN FOI un poeta violento ao que acabamos admirando porque nos deixou un código civil que, no seu tempo, funcionaba preciso e veloz como o acelerador de partículas. O músico Carlos Núñez conta que viaxaba cun exemplar dos Fragmentos de poesía recollida nas Terras Altas de Escocia que terían sido atopados por James Macpherson en 1760. Segundo o descubridor, foran escritos por Ossian, un bardo do século III. "Velaquí algo grande, sentimental e sublime. Ossian é un gran poeta, Homero un vello parvo!", dixo  o emperador entre carga e carga da Grande Armée en Austerlitz.

Para min que se deixou gañar a Batalla das Nacións en Leipzig de 1813 para poder marchar á illa de Elba e ler pausadamente a Ossian.

Os Fragmentos influíron enormemente na poesía do seu tempo e mesmo en Eduardo Pondal para escribir o único himno do mundo que comeza preguntándose —"Que din os rumorosos?"—, sigue enxalzando os poetas —"Os tempos son chegados dos bardos das idades"— e remata con insultos por se acaso —"imbéciles e escuros/ non nos entenden, non"—. Preguntas,poetas e insultos, temos un himno ben curioso.

Que os poemas escoceses sexan de Macpherson ou de Ossian —case que tanto ten porque a literatura é inventio máis que traditio. Urbano Lugrís denominábase "pintor de la mar ossiánica". Despois de combater no lado republicano, foi un buscavidas. Un día atopou a Franco. Por se non coñeceron ao xeneral afrikaner, direilles que era como Napoleón pasado por unha versión en beta do xogo Call of duty.

O acontecer que viña contarlles é que os galegos sempre se atopan cando están lonxe da Nazón de Breogán e, por suposto, Franco atopou a Lugrís.
—De onde es usted, señor Lugrís? —pregutnou o dictador coa súa voz de frauta de pico.
—Del Ferrol de su Excelencia, excelencia.
A orixe serviulle para que Franco lle encargase decorarlle os camarotes do Azor. Urbano era republicano, pero nunca deixou se apreciar as  tabernas da Coruña e estou certo de que agradeceu o traballo.

Esa anécdota, que lle lin o luns a Carlos Núñez en La hermandad de los celtas (Espasa), lembroume a unha paralela que me contou o xornalista Luis Blanco Vila. Franco era consciente do valor da propaganda. "O xeneral máis novo de Europa", definíano os seus colocamedallas, sen contar o xeito no que o lograra. Procuraba facerse unha foto de familia cando chegaba ao Pazo de Meirás. Gustáballe a fotografia e apreciaba o traballo do coruñés Juan Cancelo.

Eu non sei no tempo dos celtas, pero, a partir de aí, todo o que se achega por este lugar desatendido do continente ten un motivo relixioso

Nunha tarde de principio de vacacións dos anos 60, toda a familia civil, política e militar do ferrolán se reunira nos xardíns coa finalidade de posar para Cancelo. O fotógrafo chegou afogado polo sol e desesperado polo retraso. O grupo seguía  reunido, falando frivolamente, pero Franco non paraba de dar voltas ao redor.
—¡Hombre, Cancelo! ¡Por fin! ¿Dónde estaba?
—En el Ferrol de su Excelencia, señor Caudillo.

Franco era tolerante co fotógrafo coruñés porque sabía que  era o único capaz de retratalo a menos de cinco metros. Seguiu contando Blanco Vila que, cando se situaron para a imaxe, Carmen Polo apareceu diante. Cancelo correu onda ela, colleuna levemente por un brazo e botouna atrás mentres lle susurraba: 
—Señora, ni usted ni yo estamos ya para primeros planos.

Amante da teatralidade, a invención e a poesía de Ossian era también Álvaro Cunqueiro. En 1964 organizou o Festival Celta de Vigo en Castrelos. A actividade máis vistosa do programa foi un desfile dos representantes da nacións celtas polas rúas do centro. Había bandeiras de Escocia, Irlanda, Cornualles, Gales, Bretaña, Illa de Man, Galicia e a Falange Española. O escritor debeu de valorar que as camisas azuis non desentoaban naquela exhibición de estética atlántica.

Como teño que aplicar o rigor dos datos no meu traballo divírtinme estas elaboracións fantásticas coa materia prima da verdade. Carlos Núñez refire tamén que o recuperador da zanfona, Faustino Santalices, trampeou o bonito Romance de don Gaiferos usando melodías que escoitaba aos cegos que tocaban na Porta Santa da catedral de Santiago e unha letra que podería ser escrita por Manuel Murguía e adubiada por Cabanillas.
Tanto ten que o autor sexa Macpherson como que sexa Osisan; de feito, ten ben máis de mérito que un autor do  XVIII crease poesía á moda de quince séculos antes. Parece que hai un legado firme do que tirou.

Os instrumentos do Pórtico da Gloria son auténticos, aínda que se consideraron invencións do Mestre Mateo durante moito tempo. Puido comprobalo o padre Calo cando accedeu a eles nos anos 60. Supoño que o musicólogo e relixioso sentiríase entre marabillado pola comprobación de que había unha orquestra medieval  nas portas do Ceo tocando nunha foto fixa. Asemade, quedaría decepcionado por asumir a nula imaxinación do arquitecto catedralicio,que foi incapaz de imaxinar unha arpa, un salterio ou unha fídula que non tivese visto a algún dos peregrinos chegados de Europa.

Galicia foi terra de inmigración dende hai milenios. Eu non sei no tempo dos celtas, pero, a partir de aí, todo o que se achega por este lugar desatendido do continente ten un motivo relixioso.

En Bretoña, non lonxe de Lugo, estivo a capital do bispado étnico que guiaba ás igrexas sitiuadas entre Ferrol e o río Navia, que estaban formadas maioritariamente por británicos, é dicir, exiliados da Britannia do século V baixo o liderado do bispo Maeloc. Nesa localidade de Pastoriza hai un templo moi antigo de pedra. A primeira vez que o visitei, boteille cando menos cen anos. Un vello que atopei paseando por diante confirmoumo: 
—De é esta igrexa?
—Hui! É moi antiga, xa estaba aí cando eu nacín.

Polo que leo en La hermandad de los celtas hai un sustrato que nos permite volver a usar a palabra celta para referirnos aos habitantes do confín dos verdes castros e valeroso chan. Durante moito tempo, eu non me atrevín a usar esa denominación porque a nosa primeira xeración de arqueólogos profesionais nos expulsou dese paraíso que uniría culturalemente o arco atlántico para mandarnos usar o máis limitado e recóndito de castrexos.

Confeso que levaba décadas desoíndo mesmo a Pardo Bazán. A escritora foi a primeira presidenta da Sociedad de Folk Lore Gallego en 1884, tras ser alentada por Demófilo —o pai dos Machado poetas—. Podería ser un motivo inspirador a Academia Celta fundada en 1807 por un Napoleón enfebrecido polas lecturas de Ossian na illa de Elba.
No único texto que publicou en galego —en A Nosa Terra, en 1919— pide que "se nos premita ter un soño: o de que coñecida xa totalmente a nosa música popular, naza un dia o xenial artista celta capaz d’abarcala e asimilala e eistraere súa quintaesencia e recibire d’ela o chispazo d’emoción que se traduce en inspiración vitoriosa, produtora da obra capital, sinxela e subrime ó mesmo tempo".

Carlos Núñez tardaría 52 anos en nacer, pero non teño claro un músico da súa talla teña servido para que o celtismo e Galicia sexan suficientemente coñecidas no estranxeiro. Olalla, que ten esa idade flotante das mulleres antes da madurez, contábame que os pais mandárona a Irlanda con 14 anos. Como agasallo, levou a esencia do país: unha figura de Sargadelos e un disco de Carlos Núñez.

Os anfitrións agradeceron vivamente ambos os regalos, especialmente o álbum no que o gaiteiro de Vigo aparece co seu instrumento: 
—Gústanos moito o flamenco.

A Falange Española coma nación celta
Comentarios