martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Garrincha, o xogador coa Lei do Improbable

O xogador brasileiro de fútbol Mané Garrincha e o columnista Rafa Cabeleira son triunfos do inesperado

UN FILLO DUN profesor de Matemáticas. Ese casualidade determinou a miña mentalidade. A disciplina  que ensinaba o meu pai era para min un misterio artúrico: como nunca a comprendín, parecíanme un precioso enigma co que soñar, un tesouro soterrado nun castro, un galeón da Armada española que asaltar bravamente.

Os matemáticos usan a palabra beleza para referirse a un teorema que explica un todo, que eles son quen de abrir coma un reloxo e de pechar hermeticamente como unha esfera. Un teorema perfecto é un teorema belo. Por iso, irrítaos a incertidume. O meu pai adoraba o improbable porque dicía que a sorpresa —boa, mala— facía interesante a vida. Debo confesar que non tiña formación de matemático, sneón de xeofisico, o que explica a súa contención diante de que triunfase o inagardado.

Na mesa, no xantar, escoitábao discutir sobre matemática euclediana cos meus irmáns. Todo o que sei de matemática euclediana é repetir as dúas palabras. Daquela, botábame a pensar en paiaxes menos abstractas.

O meu pai facía proselitismo do insospeitable con exemplos como Garrincha. Mané Garrincha era un xogador brasileño dos anos 50: cun cociente intelectual próximo á idocia, con pernas de medidas desempatadas, un lombo inclinado ao leste, alcohólico, fumador de descansos de partido,... todo un desafío á Lei de Improbabilidade que redactou David Hand, da Royal Statistic Society.

Deu triunfado na selección do seu país, aínda sen acabar de comprender o mérito de gañar un mundial porque era un torneo a volta única. O epitafio de Garrincha foi certeiro: "Eu non vivín a vida, a vida viviume a min". Máis ben a vida bebeuno e, tras reproducirse dun xeito desmedido e cego, entre o animalístico e o apocalíptico, acabou morrendo con 49 anos. Como era probable.

A súa historia reencontreina nun libro de Rafa Cabeleira. Coñecino o ano pasado nun xantar ao que non contaba asistir e pareceume unha desas inesperadas persoas que sabe agardar quenda para falar e á que nunca lle escoitas unha frase de circunstancias. Supoño que son ritos que se aprenden cando te crías tras a barra dun bar, nun taxi ou nunha perruquería.

Os matemáticos usan a palabra beleza para referirse a un teorema que explica un todo, que eles son quen de abrir coma un reloxo e de pechar hermeticamente como unha esfera

O seu libro Alienación indebida (Círculo de Tiza) cruzouse nas miñas lecturas. O título apuntaba a unha reflexión sobre a teoría marxista de que o capitalismo non considera o traballador como persoa, senón como un elemento da cadea produtiva —forza de traballo—. Para comprender a Marx —máis doado que as matemáticas— é necesario saber que dedicou a súa tese doutoral a Epicuro. 

En Diferenzas entre a filosofía da natureza de Demócrito e Epicuro (1814), o pensador alemán rexeitaba o determinismo de Demócrito para apostar pola posibilidade humana de transformar o destino pola que se inclinaba Epicuro.

Acordei de John Kennedy  Toole. Estou lendo estes días Lector voraz (Navona), as memorias do editor norteamericano Robert Gottlieb. Conta que Ken lle enviou o manuscrito de A conxura dos necios. Gottlieb leu o texto. Pareceulle "excesivo e inmaduro", pero soubo recoñecer "a enerxía explosiva, a imaxinación prodixiosa e o humor excitante". 

Botaron tres anos intercambiando correccións, suxestións, páxinas cruzadas a bolígrafo vermello, enfados, súplicas, desespero,... ata que o editor o desestimou. Demóstenes tería aconsellado a John Kennedy enterrar o manuscrito na horta traseira da casa. Epicuro vería unha oportunidade nun orixinal traballado por un dos mellores editores da historia. Animaríao a intentar que fose publicado por outra empresa. As probabilidades, sumando a forza do orixinal e a sabedoría de Gottlieb, aumentaran exponencialmente. Pero John Kennedy suicidouse. Para Gottlieb aconteceu unha consecuencia imprevista da súa decisión.

Rafa Cabaleira xogaba con cartas marcadas para acabar sendo hostaleiro. O negocio montárao o seu avó, o famoso artista madridista —cantarían Los Planetas— que colgou tras da barra o escudo heráldico familiar: Silencio. Estamos disfrutando los triunfos del Barça.

Os estudos sobre probabilidades deducen que ter un proxenitor dun criterio sólido nun asunto pode atrapar o fillo ou envialo á outra banda da ría. O pai e máis o tío de Cabeleira son barcelonistas. Iso non lles cambiou o destino profesional e deron por ser forza de traballo do bar. Ao primeiro, o futuro artulista someteuse.
—Crieime co meu avó. Adorábao. Se el dicía que había que ser do Madrid, eu era do Madrid.

Pero o día no que se proxectou a visión de si mesmo atendendo clientes para todo a vida, Rafa barallou novamente as cartas e acabou alineado co seu pai no barcelonismo e cos seus amigos na escrita dun blog. O escritor abrígase na habilidade de Johan Cruyff para explicar a súa ponte aérea do Bernabeu ao Camp Nou:
—Eu son dunha idea e deféndoa ata a morte. Ata que penso a contraria. Daquela defendo ata a morte a contraria.

Así que tivo unha morte branca e un amencer en azul e avermellado que, inopinadamente, cambiou a súa vida.

Cando se fala do éxito que obtivo Garrincha sendo un desafiuzado do deporte, ninguén  acorda dos 9.999 xogadores que tentaron a mesma sorte. Unicamente o corcovado alcohólico venceu, pese a que todos os demáis eran  citius, altius, fortius en maior medida. Cando se canta un triunfo cálanse 9.999 fracasos. John Kennedy Toole foi un dos 9.999 antes de ser coroado co Premio Pulitzer. Despois de matarse acelerado pola adrenalina da frustración, a súa nai alentou unha campaña para culpar a  Gottlieb dun asasinato literario cometido no inverno crudo da realidade.

Cabeleira está beirando toda amargura. Ten un carisma, unha capacidade de comunicación, un karma; algo que son incapaz de concretar. Pero posúe unha vantaxe inesperada que o proxectou á elite do columnismo deportivo. Buscar esa diferenza animoume a ler Alienación indebida, a pesar  de que me decepcionou constatar que non era unha separata dunha publicación esquerdista tipo Dissent ou New Left Review.

Eu non son eu audiencia para o fútbol, pero atopei interese na obra. Os inimigos dun libro son os mesmos que os das persoas: a humidade, o lume, os falsos amigos e o seu contido. Cabeleira vai salvar o seu, cando menos, por isto último. Lonxe de ser un auto de fé messiánica,  o seu texto é unha nostalxia do amor que ardía nas vellas novelas, unha reconciliación co carácter dos actores secundarios, unha inclinación ante o liderado rival e unha esperanza de substituílo nesta década que se pousa mansamente sobre os seus soños.

Pero, parafraseo a Krahe, non todo vai ser sexo; polo que o libro cede espazo a outros deportes. Por Alienación indebida coñezo a historia do admirador do piragüísta pontevedrés David Cal, Isaquías Queiroz. O brasileiro tiña un récord internacional de paso por hospitais: o abdome queimado por agua fervendo con catro anos, un secuestro que o deixou vivo con seis e un ril extirpado con dez. Precocidade.

O cirurxián que lle sacou o ril foi caritativo e deicidiu completarlle o seu baleiro interior cun terceiro pulmón. Grazas a que convenceu a Cal para que o adestrase e grazas a esa especulación médica aumentou un 30 por cento as súas posibilidades de gañar trofeos. Fíxose coa primeira medalla outorgada por Brasil en piragüísmo nunhas Olimpíadas. O mellor xeito de confirmar unha probabilidade escasa é que se cumpra. Xa dicía eu que Queiroz había de facerse coa prata, xa soñara coa profecía cumprida.

Garrincha, o xogador coa Lei do Improbable
Comentarios