jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Entre o prado do Raxao e o Camp Nou

Unha visita a Barcelona para asistir ao Premio Planeta permitiume coñecer o perímetro do Camp Nou, admirar a Ildefons Cerdà e envexar a resistencia de Sánchez Dragó

CANDO VIAXO visito sitios que non me interesan, pero que interesan ao gran público. Ás veces, non sempre. Esta semana fun a Barcelona grazas ao Premio Planeta. Achegueime ao Camp Nou. Era noite. O ceo estaba escorrendo as fregonas. O estadio parecía un dinosario mastodóntico. Chovía, pero o Camp Nou durmía inocentemente. Podía sentirse a súa respiración en do maior.

Intentei acceder, máis que nada por saber se aquel campo valía tanto como o prado do Raxao. Vin un garda de seguridade tras unha cancela. Tiña cara de que o seu horóscopo era Leo.
—Buenas noches. ¿Puedo pasar? —solicitei.
—Lo siento, pero está cerrado.
—Soy amigo de Neymar —dixen con precaución porque, se me presentaba como amigo de Messi, non me crería.
—Neymar ya no trabaja aquí.

Tiña fame, así concentreime no baleiro estomacal. Aínda tardei cunha hamburguesería, que estaba aberta tan salvadoramente coma un ambulatorio. Un camareiro de pelo branco e camisa azul mediterráneo chasqueou a lingua ao ver que entraba. Eran as oito da tarde. Hora de repregar a hostelería.
—Una hamburguesa completa, por favor.

Na mesa do lado había uns árabes azulgranados con pendentes dourados, eles, e panos de atraso na cabeza, elas. Gústame cheirar as conversas alleas, pero falaban na súa lingua. Así que me dediquei a uliscar Twitter. No New Statesman había unha entrevista con Francis Fukuyama, o ensaísta que nos recomendaba abandonar toda esperanza de xustiza social no seu ensaio A fin da Historia. Afirmaba que o liberalismo era a ideoloxía que rexe o amencer e o ocaso da humanidade, un círculo ineludible. Cando lle lín aquilo sentín envexa do pensador norteamericano porque souben que el entendera a Hegel. Eu quedei atrapado na primeira páxina de A fenomenoloxía do espírito. Nunca dei atopada a saída dese labirinto. Fukuyama trasacordu. Recoñece agora que "o socialismo debería volver", que habería que recuperar algunhas análises de Marx. Non vou ler O capital, vou agardar a que Fukuyama mo interprete. Despois de dez minutos na hamburguesía reparei en que o señor da camisa mediterránea cabeceaba diante da prancha. Ao pouco, volveuse a min:
—¿Qué debe llevar una hamburguesa completa?

Agradecín ter estado pola mañá na rolda de prensa do Premio Planeta para manter a miña fe na profesionalidade dos cataláns. O acto descorrera segundo o costume: intervencións dos directivos da editora, do xurado e de Xurxo Fernández. O periodista compostelán ten o dereito a facer a primeira pregunta dende hai moitos anos. Unha vez díxome que dende 1969, pero eu estou convencido de que daquela interesábao máis Máquina!, a banda líder do rock laietano que axitou Barcelona.

Na rolda, o presidente de Planeta constatou a fortaleza do libro en papel —que fora condenado a morte na Feira de Frankfort de hai dez anos— e atacou a piratería como roubo a creadores, editores e libreiros. Ese serán temín quedar sen cea.

—Una hamburguesa completa debe llevar carne, tomate, lechuga y queso —contestei ao camareiro con intención didáctica.

Os árabes da outra mesa non cansaban de bromear con chistes privados, polo que marchei ao acabar de cear. Volvín rodear o Camp Nou pensando no importante que era aquel prado para millóns de barcelonistas e de madridistas. Os ribadenses tiñamos o prado do Raxao como o máis senlleiro. Vendeuno a prezo de Champions League a construtores que edificaron L'Eixample de Ribadeo.

O barrio de L'Eixample orixinal, o barcelonés, foi deseñado polo enxeñeiro Ildefons Cerdà hai 150 anos. Vén sendo unha chea de edificios ordeados en mazás coma un taboeiro de damas e cruzado por unha diagonal, a Diagonal.

Marx nunca traballou nunha fábrica, senón que elaborou a súa teoría sobre a plusvalía capitalista grazas a que Engels tiña de mantido coa plusvalía da súa fábrica. O resultado foi O capital, publicado en 1867; o mesmo ano no que Cerdà editaba Teoría General de la Urbanización y aplicación de sus principios y doctrinas a la reforma y ensanche de Barcelona. O catalán si que se baseou na súa experiencia para escribir ese clásico do urbanismo. Marx e Cerdà coincidían en que a mellora das condicións dos obreiros eran o xeito de evitar a violencia. Marx a través da colectivización, Cerdà mediante a arquitectura. Ambas as vías fracasaron en Barcelona de xeito cíclico. O historiador comunista Eric Hobsbawm escribiu  que "é a cidade europea que máis loitas obreiras e rebeliones populares ten vivido".

L'Eixample tamén ten a súa cota galega, polo que me citei co xornalista Miqui Otero, barcelonés e fillo de mariñáns.
—Oes, Miqui? Despois de ter pasado moitas vacacións de Nadal en Bilbao, entre tricornios e pasamontañas, Barcelona paréceme o balneario de Mondariz.
El explicoume que o pistoletazo de saída vai ser o xuízo contra os independentistas presos. Noteino precupado.
—Nin un bando nin outro aceptan o matiz, Jaure.

Como sempre que me atopo nun acto no que me rodean descoñecidos, busquei refuxio no grupo de xornalistas galegos


Paréceme que xa lles contei a vostedes que estaba convidado ao Premio Planeta. Aquela noite vestín unha camisa de puño francés, rodeeime dun aura de colonia Adolfo Domínguez e encamiñeime ao Palau de Congressos. Como sempre que me atopo nun acto no que me rodean descoñecidos, busquei refuxio no grupo de xornalistas galegos. Ese calor que che dan permíteche especular. Había, por exemplo, un convidado á entrega do Planeta que se parecía a Xosé Luís Barreiro. Preguntei se era Xosé Luís Barreiro e mesmo se lle gustaría ser Xosé Luís Barreiro. Dende que lle lin un artigo defendendo a Contrareforma na revista Irimia, eu teño dúbidas de querer asumir a súa identidade.

A cea foi divertida. "Non sabía que Manel Fuentes era tan baixiño", apuntaban á esquerda. "Non lles veu ninguén da Generalitat", siparaban á dereita. "María Eugenia converteuse en papiroflexia", escoitei sen chegar a comprender. "Risto segue tendo problemas de vista: vai chegar o segundo prato e aínda non quitou as gafas de sol", pareceume sentir enfronte de min. "Cando menos son de marca", contestou outro comensal. Nada como a prensa para crear un ambiente conciliador.

O salón eran inmenso como a cova dun dragón. Había centos de persoas e ducias de mesas. Ada Colau amosaba esa actitude pública que me lembra a Enrico Caruso. Sánchez Dragó agarrábase á vida na man dunha rapaza loira. Marabillas do sexo tántrico. O escritor dedicábase a recoller as felicitacións que lle correspondían pola terzo familiar. A súa filla Ayanta era finalista do galardón.

Ao día seguinte collín un taxi para que me levase ao aeroporto. O condutor era un home correcto, animoso, educado e de amplo vocabulario. Esas características singulares na súa profesión leváronme a preguntarlle por Cabify e Über. Expuso as súas queixas dun xeito tan matizado como cando José Crehueras defendía os dereitos de autor ou como Miqui Otero cando lle preguntara polo salutem per aquam que me parecía Barcelona tras o aniversario do referendo outonal.

Como a viaxe requería o seu tempo, acabei por informar ao taxista de que regresaba do Premio Planeta.
—Planeta es una empresa seria. Trabajé en ella durante 36 años.

Entre o prado do Raxao e o Camp Nou
Comentarios