Opinión

Quero adotar os Irmáns Coira

"Os neoplatónicos estamos decepcionados co de Cataluña", dime Ramonet. Nunca lle discuto. É catalán e domina o tema. Ao igual que nunca discuto sobre asuntos vascos porque teño a árbore xenealóxica ben podada e blasón co RH negativo sobre campo de coles.
Pepe Coira
photo_camera Pepe Coira

BEN, RECOÑEZO que o meu RH non é tan negativo como debera. A miña nai logo fai a análise: —Eso es cosa de tu padre que era muy vasco, pero se fue a estudiar Físicas a Madrid y se metió en la tuna.

Para a miña nai Madrid, a física e a tuna forman a tríade que che pode alterar o ADN.

Evito enfadar a Ramonet porque manexa unha navalla de sete estalos a un centímetro raspado da miña orella. Carezo de vocación de Van Gogh. Cando sento na súa perruquería pregunto:

—Ramonet, que?

Daquela arrinca unha crónica da intrahistoria da cidade como se fose un folletín da Pardo Bazán. O outro día insistía, irado, no neoplatonismo: "Quero o goberno dos mellores, das elites preparadas; pero joder, que tropa, Romanones,...".

Segundo saín da barbería souben que en Barcelona estaban disparando balas de goma contra a cabeza da sensatez e incendiando o corazón do diálogo a base de cócteles molotov. O meu compañeiro Arsenio Coto vén de estar na Rosa de Lume. Díxome que hai "dous planetas" na cidade: a vida, que avanza pracidamente, e a televisión, que se axita tolamente.

Vázquez Montalbán, con pai en Láncara, anotou hai corenta anos que "si algo caracteriza al pueblo catalán por encima del manido ‘seny’ es la paciencia". A paciencia vén de erupcionar levando por diante o ‘seny’ e a nai que o fixo. Camilo José Cela definía os políticos como "catalizadores de la inercia". En Galicia somos tan de inercias que todo nos parece ben e mal ao mesmo tempo. Padecemos a nostalxia das futuras estacións do Ave.

Hai rapaces galegos buscando esas estacións para ocupar e facer pintadas de #spainisafasciststate. Os estados que respecto son o gaseoso, o líquido e o sólido, nesa orde. O fascista era un estado da memoria. Espero que siga séndoo. Os mozos corren polos descampados do noso país ás apalpapadas. "Teñen que estar por aquí", din eses cativos que perderon a fe en España a base de ser ‘español a qué quieres que te gane?’, como eu perdín a fe en Deus a base de ler ferozmente a Biblia cando era adolescente. Pasoulle a Cioran, fillo dun cura ortodoxo, que daba voltas arredor de Deus como un delator: "Ao no ser capaz de invocalo, espío nel". A relixión é un fandom.

Varona tamén practica o punto e coma, que é o bonsai da gramática polo delicado do seu uso

Agora creo noutras fes. Pancho Varona, o home que coida a porta de atrás de Joaquín Sabina, actúa en Lugo. Comparto co músico a fe de carboeiro de que se pode ler libros mentres camiñas:

—Voy al Retiro y me hago mi kilómetro y medio —esaxera, como si fose un iron man —. El libro hay que llevarlo un poco alzado para poder leer y, a la vez, para ver por donde vas sin tropezar.

—Soy puntaycomista. Me gusta usar el punto y coma, y lo hago siempre que puedo —dime facendo pausas ao falar tan precisas como as que pintaba Bal y Gay cando compoñía música.

Cando era novo, o guitarrista de Sabina estudaba mecanografía para ingresar no Ministeriro de Defensa. Fala dun xeito pautado. Semella que reza á Virxe do Corpiño. Supoño que, de non ter a chamada mundanal de Sabina, Pancho Varona tería inventando a máquina de mensaxes cifadas Enigma, a mesma que usaban os nazis para comunicárense ata que Alan Turing llela rebentou como se fose a ruleta dun casino de concentración, onde se apostase a matar ou morrer.

O mecanógrafo que tecleou a Constitución en 1978 nunca pensou que sería o libro máis citado e menos lido en España. Ás veces acordamos a escritora Luisa Castro e máis eu da pamela que cubría a Olimpia, grande coma unha sombriña da praia da Rapadoira. Olimpia era a poeta local de Foz, unha odalisca oronda e feliz. Estaba convencida de que influíra na poesía espectacular de Luisa porque lle aprendera mecanografía cando era unha adolescente.

Paco García devolvíache unha análise da situación máis complexa, máis certeira e máis divertidadevolvíache unha análise da situación máis complexa, máis certeira e máis divertida

Permítanme que me deteña un momento na crónica desta semana. Síntome sombrizo ao lembrar a Paco García, o xornalista que nos deu o disgusto de morrer hai uns días. Paco sabía escoitar e sorrir ao tempo, algo que ten a súa enxeñería e a súa técnica. Ti contábaslle a túa anécdota orixinal e graciosa, convertíaste nun saltimbanqui para impresionalo. El devolvíache unha análise da situación máis complexa, máis certeira e máis divertida. Despedazábaa con tanta delicadeza e respecto como se non estivese presente, como se falase nun holograma. Desculpen a tristeza. Sigo co artigo.

Oliver Laxe arrasa coa película O que arde, cando o que arde agora non son os nosos medulios,senón a Rosa de Lume dos vellos anarquistas cataláns. Nunca unha película galega tivo tanto público, por moito que Sempre Xonxa nola metan polos ollos da Galega cada Día da Patria e por moita guerra de guerrillas que faga Ignacio Vilar polos montes e as tabernas do país. A película está gustando moito e a moita xente. Esa alquimia non a logra un chaíñas.

Galicia vive unha longue durée, uns deses períodos que exasperan os historiadores porque non pasa nada; pero logo ha pasar. Ha pasar Endesa, ha pasar Barreras, ha pasar Alcoa. Pasará un sepelio por riba da nosa somnolencia. Rebelámonos unha vez cando os irmandiños, non sei se lembran, e nunca máis. Tiveron que ser os reis quen lle cortasen a cabeza a Pardo de Cela. A autoridade que nos gusta é remitida dende Madrid. Preferimos que eles nos digan se comprar o novo disco de Leon Benavente. A banda ten á fronte a Abraham Boba, que é baixiño por ser cantante vigués. Todos os cantantes de Vigo son baixiños, pensen en Abel Caballero ou en Iván Ferreiro se non me cren.

Con tal de desconfiar desconfiamos ata de quen fala ben da nosa ficción. O crítico Xosé Manuel Eyré comenta a última novela de María Reimóndez, A estación do lobo, asegurando que "atopar unha novela como esta, onde os sentimentos son os protagonistas, é unha gozada". No medio dunha crítica positiva, Eyré asoma unha acusación de falta de credibilidade: "É que non hai nigún home heterosexual boa persoa? Segundo a novela, non. Ou son imbéciles como Franz, ou mesmo son pais que chegan a abusar sexualmente das fillas como o caso da irmá de Clara. E, se chega a haber un, ese é Harper, mais un Harper que ten o pene como adorno e mesmo estima sexy que as mulleres non se depilen". Reimóndez logo o denunciou por "crítico lesbófobo".

Se as novas xeracións de tradutores consideran que poden alterar a intención artística dun autor haberá que apearse da lectura en galego

Non pasou unha semana do pasamento de Harold Bloom e a crítica literaria xa é un lugar peor. A xornalista Irene Pin pregúnta a Antía Veres "como enfoca a cuestión de xénero na tradución". Veres, lonxe de rexeitar que poida ser un criterio profesional, contesta que se esforza en "ser inclusiva, mesmo aínda que non o fixese o autor orixinal, porque tamén é un labor noso tratar de eliminar ese machismo da linguaxe". Se as novas xeracións de tradutores consideran que poden alterar a intención artística dun autor haberá que apearse da lectura en galego.

Menos mal que Cela xa non é arqueoloxía inmediata. Vázquez Montalbán opinaba del hai trinta anos, nese outubro de 1989 no que lle deron o Nobel.

Valoraba que a Academia da Lingua Sueca no apostara "por el Este o el Oeste, por la literatura de madriguera, o por la del mercado. Ha premiado la Literatura, esa dama no siempre digna".

Pero agora recibimos manuais de ética por novelas. Sempre nos quedarán as series dos irmáns Coira, agora premiados con dous Ondas por Hierro. Eu adoptaría a Pepe Coira ou a Jorge Coira porque me parecen amorosos e lúcidos. Propúxenllo á muller. Ela rechazouno: "O que ten barba nin se che ocorra, que os barbudos deixan o sofá cheo de pelos".

Comentarios