jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Todos queren coroar ao príncipe Jabois

Truman Capote entrou na revista The New Yorker con 17 anos. A súa responsabilidade laboral estaba equilibrada entre escoller tiras cómicas e recurtar textos dos columnistas estrela. Cuatro anos máis tarde foi despedido. Daquela, con 21, publicou o conto Miriam. Apabullante.

Manuel Jabois
Manuel Jabois

ESE RELATO e outros dous deron a Capote acceso aos máis exquisitos cócteles literarios de Manhattan, polos que se moveu lixeiro durante décadas. Ata que fantasiou co seu suicidio social. Con cincuenta e varios anos escribe Pregarias atendidas. Pon pingando os seus amigos e os seus famosos. Como consecuencia, pecha o círculo de soedade no que o recluíran na infancia. Os pais subían ao coche rumbo á festa desa noite encerrándoo na casa. O pequeno Truman choraba ata que o esgotamento o adurmentaba.

A Miriam da narración é a unha viúva de 61 anos que vive e sente en singular. Non ten relación algunha nin canario que lle ladre. Unh noite vai ao cinema. Coñece unha nena agradable. Chámase coma ela, Miriam. Días máis tarde, a cativa preséntase no seu apartamento. Volve un día tras outro, ata ir quedando vivir nel. Miriam, a vella, pasa de sentirse atendida, a sentirse acompañada e a sentirse ameazada polos ollos da cativa, grandes e fríos como o Atlántico. Ao cabo intenta botala da casa, pero xa marchara o momento.

Superpuxen a lectura de Miriam con Lo estás deseando de Kristen Roupenian e con Malaherba (Alfaguara) de Manuel Jabois. Capote precisou tres relatos simúltáneos para triunfar. Jabois, un libro sobre o Real Madrid para deslumbrar na Cock e na Chicote. A Roupenian abondoulle cun único conto: Cat person.

Anagrama vén de traducilo baixo o nome  de Un tipo con gatos como parte do volume  Lo estás deseando. En Estados Unidos cat person refírese a unha persoa túzara, negadamente social, que procura estar afastada de todos para amargarse a pracer.

A protagonista, Margot, ten 20 anos e as lóxicas ganas de enredarse no amor que nos revolven nesa idade. Coñece nun chat a Robert (34), un cat person. Teñen unha cita. Ela percibe que Robert require entrega e paciencia para relacionarse, pero pensa que paga a pena. Margot empuxa as horas para manterse xuntos, a pesar de que Robert se confía ao mínimo esforzo e ao azar. El déixase empuxar. Ela nunca chega a estar convencida, pero se persuade de que hai unha luz ao fondo.

Margot é incapaz de determinar se lle apetece ser bicada por Robert. A barba e o bandullo tiran por ela cara á porta de saída, pero non se move da baldosa. Sente a súa lingua na boca coma un limaco. Está confusa, aínda que elude a retroceder.

Volven quedar. Robert quere deitarse con Margot. Ela accede sen pensar en se debe facerlo. Margot vive nunha residencia de estudantes. Deben ir á casa de Robert, que está suavemente lonxe. Ela colle conciencia de que é un descoñecido. Na súa cabeza monta unha mansión dos horrores. Pode morrer violenta e anonimamente.

Como se puidese mastigarlle o pensamento, Robert trata de que acougue:
—Non te preocupes, non te hei matar.

Margot teme que a tome "polo tipo de rapaza que, cada vez que sae con alguén, pensa que a vai asasinar".

Déitanse. El é torpe e ridículo na cama. A ela dálle a risa, pero trata de non ofendelo. Déixase facer. Ao rematar, Margot pide que a devolva ao campus. Volve pensar que, despois do sexo, está penada a morrer.

Unha vez no seu cuarto, ela decide cortar a relación; ao tempo, decide darlle un mínimo futuro a Robert. Gata de Schrödinger. Unha amiga decide por ela. Executa o final. Robert séntese humillado e vingarase con dureza.

A autora de Cat person púxose rica tras publicar ese relato en The New Yorker. Os editores norteamericanos de libros tolearon. Nunha subhasta sen outra regra que o capricho da autora pagaron unha burrada por uns contos do que unicamente existía ese relato e por unha novela que nin ela sabía de que podería tratar.

María Piñeiro é medida para as miñas lecturas. Cando fago unha descuberta, diríxome humilladamente a ela. En todas as ocasións, non falla, leu o que trato de amosarlle coma novidade e me dá cinco referencias relacionadas. O xoves, mentres almorzaba unhas torradas cun tomate amarguísimo e aceite, mandeille a ligazón de Cat person.

—Coñeces, María?
—Por suposto! Non se falou doutra cousa o ano pasado.

Non me incomoda que desilusione a miña extrema actualidade, pero doeume ler "o ano pasado". A miña ferida supurou sangue e orgullo por esa fenda. Ignoro onde estiven todo este ano. Dende logo, non asistín a cócteles literarios en Manhattan. Que eu sexa consciente, eh?

Ese conto de Roupenian sobre imposición e consentimento non explicitado foi material preferente de debate na insurrección feliz do #metoo. Por unha banda, alégrame que a literatura dea base para reflexións; por outra, explícame o elevado prezo pagado por esas 7.000 palabras de Roupenian.

As interpretacións que lin sobre Miriam de Capote consideran a cativa que se entremete na vida da anciá como elemento de terror psicolóxico. Eu penso que a nena é a infancia da vella, que se empeña en regresar na súa vida, en instalarse nela.

O neno que foi visita cada día a Manuel Jabois. Merenda Nocilla no seu corazón. Ás veces nolo presentaba nas columnas añoradas do Diario de Pontevedra. Cando empezou a publicar en El Mundo sentín pánico de que Madrid matase aquel articulista valente e fresco. Unha madrugada collín o coche. Conducín ata Pontevedra para intentar convencelo de que quedase. Timbrei e timbrei na súa porta ata que me brotou fel e mel na xema do dedo, pero Manuel marchara comprar leite, ou comprar algo aleatoriamente. Non o sei. Dubido de que o meu discurso sobre que en Madrid nunca escribiría como na súa casa, nos seus amigos, nos seus bares e na súa pescadería lograría persuadilo. Que argumentos podería render eu no seu altar fronte aos de Pedro Jota?

Equivoqueime en canto a que se lle entumecería o estilo, pero non en canto a que morrería un columnista nel para renacer outro tras unha pascua sen ramos.

Malaherba comezou por epatarme. Non agardaba o tema —unha historia de amor entre dous nenos— nin agardaba o ton —cun fraseado de ritmo vivo—. Temera que Jabois tropezaría nese ridículo da frase perfecta que envara os articulistas cando se poñen en pose de ficción longa.

Comecei a ler a novela. Atopei anécdotas infantís, algunhas xa contadas polo príncipe dos gatos que era ao principio da década. Unha a unha son preciosas, emotivas, radiantes; pero en conxunto déronme a sensación dunha secuencia atropelada dos textos pontevedereses que tanto me fascinaran. A Malaherba fraquea no avance narrativo e na delimitación dos personaxes. Tería sido máis honesto anuncialo como unhas memorias.

O escritor de Sanxenxo parece manterse a unha distancia escéptica e saudable do pan que lle lanzan e do circo que o rodea, pero o ruído dos aplausos e a inercia laudatoria das redes sociais deixarían xordo e insensato a calquera. Espero que continúe sendo o único capaz de manter unha visión calada e prudente sobre si mesmo.

Jabois non é cirurxián cardíaco nin experto en partículas subatómicas. Todo se pode estudar, tamén a técnica novelística; pero el non precisa ser nada diso. Ten aínda toda unha longa alfombra voadora de talento que desenvolver nos vindeiros anos. Agora unicamente precisa que o neno de Sanxenxo, baixo o nome de Tambu ou baixo o nome de Elvis, lle diga que é o rei espido no Versalles de Malaherba.

Todos queren coroar ao príncipe Jabois
Comentarios