martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Este verán medrei dous centímetros

Teño unha saúde ben amoblada, sensata. Son hipocondríaco. Teño escasos síntomas de enfermedades, pero, na miña cabeza, son todos intermitentes que anuncia un xiro cara a morte. Soamente acudo ao socorro sanitario se vexo unha película na que un personaxe morre por desacoidarse

LEVABA UNHA chea de anos sen ver  unha película de Almodóvar porque me parecía dun barroquismo fellianiano cargado de sentimentalismo, pero o martes rendínme. Puxen Dolor y gloria por Maruja Mallo, a miña princesa vella da excentricidade. Almódovar durme baixo a advocación da artista de Viveiro, ten un cadro seu sobre o cabeceiro da cama, como aquela Edith Piaff ultramaquillada da pintura fose falarlle en soños.

O protagonista chámase, claro, Salvador Mallo, e abundan os planos nos que se ven obras de Maruja. Salvador di que lle gusta ver películas no verán. Eu tamén o fago: vexo cinema en verán e leo en inverno. Non hai pracer tan confortable como sentarme no salón, abrir as ventas —se o pub latino está pechado— e deixar que o aire templado de agosto camiñe despaciño pola estancia mentres un director e uns actores che contan unha historia.

Salvador Mallo ten molestias na gorxa, o que para el —e para min— é un anuncio luminoso de estrada nocturno coa palabra cancro e vai ao médico. Levaba dende xullo sentindo unha sensación inesperable no corpo e o mércores fun ao endocrino.

O doutor Salcines concentra os órganos grandes do seu corpo no tren superior: a cabeza, os ollos de balea, a boca, o pescozo desequilibado de ñu e os brazos, tan longos que parece que se van soltar nun movemento rápido no aire e que van caer ao chan e saír da consulta serpenteando.

O meu médico confunde a sequidade co rigor profesional, por iso nunca lle pido que suxeite os brazos para que non lle salten e cobren vida, como a cabeza daquela muller sen corpo que se exhibía nun circo en Foz cando eu era adolescente.

Salcines mediume.

—Señor Jaureguizar, se este metro vertical non nos engaña, medrou vostede 1,87 centímetros dende a última vez, que foi... —mirou o seu ordenador durante trinta interminables segundos— agosto do ano pasado.

Non conseguín lembrar película que vira hai doce meses porque non estaba para pensar niso, unicamente en que o meu endocrino afirmaba que medrara case dous centímetros. Diante da miña cara de pasmo, explicoume que «hai persoas que volven gañar estatura a partir dos cincuenta anos».

—É unha excepcionalidade clínica estudada por algúns colegas de Wisconsin, pero non é imposible. Hai circunstancias nas que o corpo  se sente máis lixeiro e usa as enerxías que non  gastas en expandirse ao alto: por adelgazamento ou por defunción. Desbotemos a segunda hipótese.

A súa teoría animoume. Avancei o peito cara a el e observei:

—Está claro que non estou morto porque, ao falecer, reducimos a nosa altura nuns dez centímetros.Linllo a Pierre Michon nun conto.

A miña observación debeu parecerlle nulamente científica porque lanzou a ollada contra un punto aleatorio no teito e deixouna repousar alí. O doutor Salcines fai ese xesto cando quere indicarche que rematou a consulta.

Estaba cerca dunhas ruínas importantísimo, pero Roma é coma un hipermercado chinés de ruínas

Houbo outra vez na que me sentín altísimo, pero foi unha sensación máis que nada. Estaba nunha piazza de Roma. Non lembro o nome, pero tratei de lembralo tirando do fío de que estaba cerca dunhas ruínas importantísimas, pero Roma é coma un hipermercado chinés de ruínas. Alfredo Conde apunta en Un vento que pasa que "a memoria non é imprescindible, pero é necesaria". Ou algo así. Cito de memoria, claro.

Estaba no medio dunha praza, que era grande coma un continente esquecido pola civilización. A súa contorna estaba cercada por ducias de italianos correndo nos seus coches a velocidades nunca soñadas polos máis ambiciosos inventores e conducidas consonte as normas romanas, que responde a unha suma dos criterios individuais de cada automobilistas: á vaiche boa. Crucei da praza continental para avanzar ata un illote peonil que me quitaría da praza. A velocidade dos coches retraía o pé para dar o primeiro paso, como cando se che encollen os dedos no primeiro baño do verán en Galicia. Decidín agardar a que cochasen unha furgoneta e unha moto para que o tráfico toleirán me dese un respiro. Volvínme distraidamente e vin á altura dos meus ollos un banderín triangular e laranxa, como os que se izan nas antenas traseiras dos coches de choque. Baixo a bandeira coa cor do sol nacentehabía un xaponés baixiño e sorrinte. Ao redor contei, a ollo de mal cubeiro, outros trinta. Eran baixiños e moreniños, e se pegaban uns a outros como se fosen pezas dun puzzle.

Todos viron en min un osuno e experimentado romano que lles daría a pauta para cruzar aquel círculo que nunca concebiría Dante tan perversamente. Pregúntase Philippe Lançon na novela El colgajo (Anagrama) como se enfronta a morte cando chega sen avisar, porque «non todo o mundo ten a posibilidade de terminar os seus días en Santa Elena a resultas dun cancro de estómago nin o xenio de vivir o que houbo antes». Napoleón adelgazara moito no último tramo da súa vida, pero non temos noticia de que medrase por riba do seu 1,67 habitual.

Aillado no medio do tráfico romano, sendo responsable súbito de trinta nipóns asustados, reparei en que nada naquela viaxe empezara a xeito. Cando estaba embarcando en Baraxas, naquel concreto 7 de xaneiro de 2015, vin nunha televisión do aeroporto unha imaxes dunha redacción enzoufada de sangue fresco  e outras imaxes de dous homes armados e desconcertados fuxindo e matando unha policía.

Recapacitando agora valoro unha morte por atropelo en Roma, cerca das termas romanas que mandou construír Caracalla, intentando salvar unha presada de xaponeses que nunca na vida cruzaran unha rúa co semáforo en vermello. Calquera accidente mellor que padecer o cumprimento dunha fetua como a de Salman Rushdie. Uns días despois de que fose decretada polo aiatolá Jomeini, o escritor atopou co seu colega Paul Theroux no enterro de Bruce Chatwin. Theroux debía de estar de bo humor e lanzoulle unha bomba:

—O ano que vén volveremos, Salman. E será por ti.

As lembranzas do mármore travertino volveron esta semana ao ler a crónica de Lançon, que foi un sobrevivinte dese atentado, a masacre de Charlie Hebdo. Os escritores e debuxantes daquela revista irritante adoitábanse burlarse dun ser superior que os dous asasinos que mataron doce persoas e feriron once porque tomaban as súas crenzas cunha convición desproporcionada  se a comparon coa profesionalidade do doutor Salcines para salvar vidas e non destruílas.

Nabokov ten un conto no que un aristócrata ruso exiliado en Berlín secuestra un espía comunista duns 20 anos que non cansa de axeixalo

Hai terroristas que se coidan de mancar máis do que eles consideran necesario, como poden ser reter unha persoa nun  zulo. Nabokov ten un conto, Se habla ruso, publicado agora por Anagrama, no que un aristócrata ruso exiliado en Berlín secuestra un espía comunista duns 20 anos que non cansa de axeixalo. O nobre acaba tan canso de que cerquen que acaba por secuestrar o axente bolchevique e encerrándoo no cuarto de baño da familia. Considerando a crueldade de sometelo á súa vontade, dálle de comer «como un burgués» e procúralle libros para que non aburra  porque se erixe "na xoia da familia". O secuestrador promete ao seu refén "liberalo cando estoupe a burbulla bolchevique". O relato acaba co aristócrata preguntándose "cantos anos vai ter que estar encerrado". O conto é de 1923.

Nunca saberemos se o axente comunista de Nabokov chegou aos 100 anos, nin sequera se alcanzou os 90 ou se gañou en estatura porque vivir enclaustrado non favorece ás hormonas.Para medrar hai que tomar o aire e durmir, como ben din as nais.

Este verán medrei dous centímetros